Marcha a pé de traballadores/as de Ferroatlántica contra a pretensión de Villar Mir de vender a empresa

As mobilizacións continuarán todos os venres de decembro, ás 18:30 horas, diante da fábrica de Brens
Cee - 09 Dec 2016

Traballadores e traballadoras de Ferroatlántica marcharon este xoves a pé desde a fábrica de Brens, de onde partiron contra as 10:00 horas, até a central do Ézaro, onde se concentraron, contra as 13:00 horas, en protesta pola decisión empresarial de vender as centrais. Á súa chegada á fervenza despregaron por unha ladeira do Monte Pindo unha faixa co lema “O río é noso e non de Villar Mir”.

Con esta marcha, que forma parte do calendario de mobilizacións acordado na última xuntanza, pretendíase simbolizar, segundo explicou Xabier Santos, responsábel da Unión Local da CIG de Cee, “a unidade entre as fábricas”.

Santos avaliou moi positivamente a elevada participación das traballadoras e traballadores malia os intentos desmobilizares da empresa “con falsidades que andou a publicar estes días sobre investimentos que nunca chegou a realizar na fábrica de Cee e Dumbría, porque foron referidos unicamente o mantemento das instalacións, e as relativas ás liñas eléctricas que ían precisamente na liña do que vimos denunciando, que estaban encamiñadas á separación entre actividades de enerxía das de ferroaleación”.

Isto xunto ao acordo acadado no Parlamento de Galiza, onde a Xunta se posiciona do lado dos traballadores asegurando que fará facer valer, no caso de que se manteña a intención da empresa de vender, o título concesional, onde claramente se reflicte que non se poden segregar as actividades.

“Estes dous elementos pretendían contribuír á desmobilización, pero a comarca segue concienciada e o calendario de mobilizacións vaise manter no tempo”, asegurou Santos quen reiterou que as mobilizacións continuarán mentres a empresa non abandone a súa intención de vender.

As traballadoras e traballadores contaron ademais co respaldo, non só do secretario confederal de Organización, Paulo Carril e o secretario comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira, senón tamén de alcaldes como o de Carnota e Dumbría e deputados do Parlamento galego.

Aí as cousas as mobilizacións continuarán tal e como estaban previstas para todos os venres de decembro ás 18:30 horas diante da fábrica de Brens.