Persoal de Ferroatlántica mobilízase contra "os especuladores" da enerxía e a prol do futuro industrial

Denuncian que a empresa pretende unha segregación encuberta das centrais
Cee - 10 Mai 2019

Traballadores e traballadoras das fábricas de Ferroatlántica de Cee e Dumbría e das centrais hidroeléctricas concentráronse esta tarde diante das instalacións de Brens en rexeitamento á segregación encuberta que pretende levar adiante a empresa, que se especule coa produción eléctrica e na defensa do futuro industrial para a comarca.

A protesta, convocada polo comité, chega logo dos últimos movementos que se están a detectar no complexo industrial e nas centrais, até onde se trasladou persoal de Ferrovial hai unhas semanas para recompilar información. Esta visita dunha empresa que xa anunciou publicamente o seu interese por adquirir os saltos de auga, confirma que o Grupo Villar Mir teima na venta da centrais e pretende consumar unha segregación encuberta, pois Ferrovial, sen relación co mundo das ferroaliaxes, só estaría interesada no negocio da produción eléctrica.

Neste senso, a representación da CIG subliña que na reunión da pasada semana co conselleiro de Industria se lle reclamou que faga valer as cláusulas das concesións e que impida que se consume esta venda especulativa. "Non queremos que veñan especular coa nosa enerxía, queremos que se manteña a produción industrial e os empregos e isto só será posíbel se se respecta a vinculación entre as centrais e as fábricas", aseveran.

Pola súa banda, Conde asegurou que a Administración galega non consentirá nunha segregación encuberta comprometeuse a manter un contacto continuado co comité. "Agardamos que cumpra a súa palabra e non permita esta manifesta ilegalidade", valoran.

A empresa segue sen ofrecer información

Malia a preocupación e a incerteza que existe entre o cadro de persoal, a dirección de Ferroatlántica continúa sen ofrecer ningún tipo de información sobre a posíbel venda nin cales son os seus plans de futuro. Así mesmo, o ERTE segue sen executarse, pero hai dous fornos parados, facéndose evidente que a empresa busca xustificar perdas e avanzar no desmantelamento e deslocalización da produción.

A CIG reitera que non vai consentir esta desvinculación pola porta de atrás, a través da que o Grupo Villar Mir só busca facer caixa, pois comprometería gravemente o mantemento do emprego e da actividade produtiva nas fábricas de Cee e Dumbría.