Traballadores/as de Frigolouro reclaman máis tempo de descanso e unhas condicións dignas

Denuncian tamén a precariedade que agocha a nova modalidade de programas formativos
O Porriño - 30 Xul 2021

Traballadoras e traballadores de Frigolouro concentráronse este venres diante das instalacións do Porriño para esixir un pacto de empresa que recolla melloras para o conxunto do persoal relativas aos tempos de descanso e ás condicións sociais e económicas. Coa protesta, que se realizou coincidindo co cambio de quenda entre ás 13:30 e ás 15:30h, tamén se quixo denunciar a nova modalidade de precarización que a empresa (do Grupo Coren) quere implantar, facendo un uso ilícito dos programas formativos que reducen as contratacións e non consolidan emprego.

Esta protesta conclúe o calendario de mobilizacións deseñado para este mes de xullo pola maioría do comité de Frigolouro (CCOO, CIG e UGT) no Porriño ante a falta de vontade da dirección para chegar a un acordo no pacto de empresa, cando xa transcorreron dous anos dende o remate do anterior pacto.

A representación sindical sinala que este pacto de empresa debe de recoller unhas melloras para o conxunto dos traballadores/as no ámbito económico e social, pero sobre todo ten que supor a recuperación dos tempos de descanso que se tiñan previamente, especialmente necesarios para o persoal de matadoiro e despece.

Negativa da empresa a incrementar os necesarios descansos

Lembran que hai cinco anos o persoal 'cedeu' parte do tempo de descanso para evitar os despedimentos indiscriminados que a empresa, na súa campaña de precarización do emprego, estaba a levar adiante co obxectivo de abaratar custes incrementando o persoal falso autónomo.

Dende entón, a dirección "nunca quixo volver falar do tempo de descanso cedido", mais "si estaba moi interesada en reducir o absentismo laboral e queixarse de que o persoal collía moitas baixas; como se coller unha baixa fose algo voluntario", denuncian. A este respecto, a representación social apunta á relación directa que hai entre o deterioro da saúde do persoal e o tempo de traballo e os elevadísimos ritmos que teñen que cumprir.

A falta de achegamento derivou nunha mediación pero non foi posible o acordo, xa que a empresa se limitou a ofrecer unhas melloras "que nin alcanzaban para compensar economicamente o tempo de descanso, nin esas melloras eran, na súa maior parte, para todo o persoal".

Novas modalidades de precarización

Xunto a isto, con estas concentracións (a de hoxe é a terceira), o comité quere rexeitar o uso "ilícito e indebido" que a empresa está a facer dos programas formativos, que lle permiten dispor de 57 traballadores/as en formación, durante dous meses e de balde (sen contrato de traballo e sen alta na Seguridade Social) e logo contratar só o 40% durante seis meses.

"Unha vez que se lle acabou o 'choio' dos falsos autónomos, a empresa segue a buscar fórmulas para seguir lucrándose a conta dos seus traballadores e traballadoras, sexa poñendo en risco a súa saúde, sexa precarizando e aproveitándose, aínda máis, das necesidades básicas das persoas", alertan. Grazas a recorrer a este persoal en formación, a empresa non vai realizar as contratacións que habitualmente facía durante o verán polo incremento da actividade; polo que o resultado é que non se consolida emprego e a contratación é mínima.

Esta situación xa foi denunciada na Inspección de Traballo e dende o comité acusan a Xunta de Galiza de ser cómplice desta precarización, facilitándolle ás empresas do sector cárnico “resucitar”  unha idea semellante a do persoal falso autónomo contratado a través de Servicarne "pero, desta vez levando a explotación da desgracia humana un paso máis alá".

Por iso, a representación maioritaria do comité advirte que se o persoal non lle dá "unha contestación á empresa ante estas prácticas, ue dentro de non moito tempo a maioría de novo persoal que entre a traballar en Frigolouro será baixo a modalidade dos cursos de formación".