Traballadores/as de Magna Seating concéntranse contra o incumprimento do acordo do ERTE

A empresa non respectou o pacto sobre a rotación do persoal

O Porriño -

Traballadores e traballadoras de Magna Seating (auxiliar da automoción) concentráronse na mañá deste martes diante das instalacións da empresa no Polígono das Gándaras do Porriño para denunciar o incumprimento do acordo do ERTE. Segundo o pactado coa representación sindical, non pode haber unha diferenza de afectación entre as persoas traballadoras de máis de cinco días, pero neste momento hai traballadores/as que acumulan 45 días de contrato suspendido mentres que outro persoal só estivo cinco días no desemprego.

A factoría pecha ademais polas vacacións de nadal dende o 23 de decembro até o 3 de xaneiro, polo que será imposíbel regularizar estas diferenzas. Pola súa parte, explica Manolo Simón, da CIG-Industria de Vigo, a empresa entende que cumpriu co acordo de rotacións e nas reunións mantidas estes días non achegou ningunha solución efectiva.

Diante disto, o comité decidiu realizar esta concentración de denuncia tendo en conta ademais que a empresa xa comunicou que ten previsto aplicar outro ERTE para o próximo ano, xustificándose nos problemas de subministración dos compoñentes da automoción e as paradas na factoría de PSA. Neste senso, Simón xa adianta que "vai ser difícil chegar a acordo na negociación, cando a empresa non está cumprindo o pactado no actual ERTE".

Dous ERTE seguidos

Cómpre subliñar que os arredor de 400 traballadores e traballadoras de Magna Seating levan dous ERTE encadeados, o primeiro por forza maior derivado da Covid, e o segundo a causa das paradas de produción do seu cliente, PSA, durante o que parte do persoal sufriu problemas para poder cobrar as prestacións por desemprego.

Volver