Denuncian que o obxectivo de Navantia co novo contrato de mantemento "é desfacer un comité e un cadro de persoal moi activo"

Os traballadores/as que fan o servizo demandan unha nova licitación que garanta os seus dereitos
Ferrol - 12 Xan 2021

Traballadores da UTE Tecman-Rayma -que realiza o mantemento das instalacións de Navantia na Ría de Ferrol- concentráronse esta mañá diante da porta de entrada ao estaleiro ferrolá para rexeitar a decisión da empresa pública de dividir o contrato en varios lotes e limitar o número de paquetes aos que pode optar un mesmo licitador. Con esta medida, Navantia non só está fomentando a subcontratación dentro das súas instalacións, senón que atenta contra o dereito á subrogación que o persoal das auxiliares ten recoñecido no convenio colectivo do metal da Coruña.

Durante a mobilización advertiuse que con esta manobra, Navantia imposibilitará que os 56 operarios/as poidan continuar na auxiliar actual ou que poidan pasar en bloque a formar parte doutra compañía, xa que os traballadores e traballadoras quedarán repartidos cando menos en cinco empresas e incluso nalgúns dos lotes haberá como máximo dous operarios/as.

A limitación no acceso aos lotes é unha novidade con respecto aos contratos anteriores e tampouco se dá noutros centros de Navantia, onde si se adxudica a unha única UTE o servizo de mantemento de varios centros.

Castigo á capacidade de loita do persoal

Para Serxio Martínez, da CIG-Industria de Ferrol, a única razón que explica a decisión de Navantia "é desfacer un comité e un cadro de persoal sindicalmente moi activo e cunha gran capacidade reivindicativa na defensa dos seus dereitos, restándolle así capacidade de resposta e imposibilitando incluso que o persoal se poida volver organizar nas novas adxudicatarias".

Lembra que os/as traballadores da UTE secundaron a folga e as mobilizacións para que os acordos da industria auxiliar foran incluídos no articulado do convenio do metal e que mantiveron unha folga durante tres semanas para impedir o despedimento de nove compañeiros. "E isto a Navantia non lle gusta", salienta, porque enfronta o abuso patronal que a empresa pública fomenta co abuso da externalización e subcontratación de servizos.

Reunión do comité de Navantia coa dirección

Na concentración desta mañá, o persoal recibiu o apoio do comité de Navantia que solicitou unha xuntanza coa dirección para abordar as consecuencias das novas condicións dos contratos e instar a empresa a retirar os pregos para sacar unha nova licitación sen as limitacións actuais, que resultan tan lesivas para os dereitos dos traballadores/as. A dirección de Navantia xa confirmou a data de reunión, que terá lugar mañá mércores.