Traballadores/as de Noa concéntranse ás portas do TSXG con motivo do xuízo contra o ERE

Quedou adiado ao presentar a empresa unha nova proposta
Ferrol - 15 Out 2020

Traballadores de Noa Madera Creativa concentráronse esta mañá ás portas do Tribunal Superior de Xustiza na Coruña con motivo da celebración do xuízo de impugnación do ERE a través do que o Grupo Malasa despediu o pasado mes de maio a preto de 70 compañeiros/as da fábrica de Fene.

Finalmente, explica o secretario comarcal da FCM-CIG de Ferrol, Marcos Sánchez, o xuízo quedou adiado até o próximo 27 de outubro, xa que a empresa presentou unha nova proposta que agora deberá ser sometida á decisión da asemblea de traballadores/as.

Ás portas do alto tribunal galego, denunciaba a falta de causas obxectivas deste ERE que a empresa acompañou ademais dun ERTE de 15 meses para o persoal que aínda queda na factoría, en condicións totalmente abusivas. Sánchez sinalou que estas medidas hainas que enmarcar na estratexia posta en marcha por Malasa dende que no ano 2018 adquiriu Noa co único obxectivo de desmantelar as instalacións, quedar coa súa carteira de clientes e eliminar competencia.

De feito, ao tempo que destruía postos de traballo en Noa, precarizaba condicións e desfacía a sección de metal e de loxística, Malasa desviaba a carga de traballo a outra empresa que ten en Cerceda, a onde tamén trasladou o persoal da oficina técnica que, tal e como se lembrou hoxe na concentración, é o que atende a carteira de clientes.

Na protesta rexeitouse unha vez máis a actuación "pirata" do Grupo Malasa e o desmantelamento dunha factoría viábel na que había arredor de 200 traballadores e traballadoras no ano 2018 e na que, dous anos despois, tan só quedan unhas 80 persoas.