Traballadores/as de Noa Madera Creativa concéntranse diante de Malasa contra os despedimentos e o ERTE

Este mércores terá lugar o xuízo de impugnación do expediente de regulación temporal

Cambre -

Traballadores e traballadoras de Noa Madera Creativa concentráronse esta tarde nas instalacións de Comercial Malasa para rexeitar o despedimento da metade do cadro de persoal e o expediente de regulación de emprego imposto polo Grupo empresarial na fábrica de Fene. A protesta realizouse na véspera do xuízo de impugnación do ERTE que terá lugar este mércores nos xulgados de Ferrol.

Hai que lembrar que o Grupo Malasa presentou o pasado mes de maio un ERE de extinción a través do que xa despediu a preto de 70 traballadores/as e ten vixente un ERTE de 15 meses de duración para o resto do persoal. Nestes momentos a planta de Fene está cunha actividade moi cativa e sen que se coñezan as previsións de carga de traballo para os vindeiros meses.

A Federación de Construción e Madeira da CIG denuncia que as medidas impostas por Malasa supoñen na práctica o desmantelamento da factoría fenesa ao suprimir a sección de Metal e Loxística, que se vén sumar ao traslado da Oficina que o grupo executara hai uns meses.

A FCM-CIG e o comité veñen advertindo que o  Grupo Malasa mercou Noa en 2018 co único obxectivo de quedar coa súa carteira de clientes "e eliminar competencia". Para isto manobraron dende o primeiro momento para desfacerse da maior parte do cadro de traballadores e traballadoras e impor as condicións laborais precarizadas (que son norma no resto das súas plantas) ao pouco persoal que ficara en Noa.

Por iso, critican que o Goberno de Feixoo teña posto como exemplo de compromiso o Grupo Malasa, cando vén de despedir a preto de 70 persoas "alegando mentiras", cando obrigou ilegalmente os traballadores/as a coller vacacións ao inicio da pandemia, coaccionándoos "e facendo o posíbel por amedrentarnos para que deixásemos de pelexar polos nosos dereitos", ou cando pretende recortar os dereitos e condicións "para seguir amoreando millóns de euros de beneficios".

Volver