Traballadores/as de Nueva Pescanova bótanse á rúa por un convenio digno

Desenvolveron unha protesta en Vigo diante de Abanca, principal accionista da empresa

O Porriño - Vigo - Vigo -

Ao berro de “Convenio Pescanova solución” e “Pescanova negociación” un grupo de traballadores/as da compañía de alimentación concentráronse en Vigo esta mañá diante da sede principal de Abanca, accionista maioritario da empresa, para reclamar un convenio colectivo digno convocados/as polos sindicatos con representación no comité.

Xosé Fernández, presidente do comité do Centro Industrial do Porriño, da CIG, denunciou que un 3% de suba salarial en catro anos “é o pago que a dirección lle da aos seus empregados/as despois de xogarse a vida traballando durante a pandemia, cando non había medidas de protección nin nada”.

Fernández lamentou que non haxa cartos para o cadro de persoal, “pero si para contratar directivos/as, comprar barcos e instalar plantas de polbo”, ao tempo que lembrou que até os principais clientes de Pescanova (Mercadona e Lidl) están a ofrecer subas salariais de arredor do 5%.

As partes levan dende febreiro negociando o convenio sen que se tivese producido avance algún pola falta de vontade da dirección, o que mantén as conversas bloqueadas. “É unha vergoña que unha marca tan importante coma esta queira ter traballadores/as con salarios do terceiro mundo, mentres están a fichar directivos con salarios con soldos moi elevados”, critican dende as organizacións sindicais con representación na empresa, a CIG, CCOO, UGT, USO e CUT. Neste senso, lembran que o salario actual dun operario/a da cuarta quenda ronda os 14.000 euros ao ano.

Até hai pouco a proposta da empresa era que non houbese incremento, pero despois ofreceu unha paga do 0,5%, sen consolidar en táboas, para 2021, “polo que se este ano se revisa o SMI pódese dar o caso de que haxa soldos en Nueva Pescanova por debaixo do SMI. E iso a pesar de que durante a pandemia as ventas medraron sobre un 25%”.

A parte social solicita un aumento do IPC real máis dous puntos, pero a compañía ofrece esta paga non consolidábel, que nun un salario medio de 20.000 euros suporía un ingreso de só 100 euros máis, mentres que nos soldos máis baixos da empresa serían 70 euros. Nos seguintes tres anos de vixencia do convenio Nueva Pescanova propón un aumento fixo total do 3%: 0,75% para 2022, 1% para 2023 e 1,25% para 2024.

Flexibilizar a xornada laboral

Ademais, pretende a flexibilidade absoluta da xornada laboral, algo que rexeitan os traballadores/as. En canto ás licencias, está disposta unicamente a incorporar os cambios lexislativos que houbo dende o anterior convenio.

Fronte a isto, dende as centrais salientan a unidade sindical existente para trasladarlle á dirección as reivindicacións dos catro centros de traballo: oficinas en Chapela e centros de producións en Chapela, O Porriño e Arteixo. “Presentamos unha plataforma conxunta en cada un dos centros de traballo, pero vemos que a empresa non está pola labor de negociar en serio”.

Por iso cualifican de “tomadura de pelo” o que ofrece a empresa, “sobre todo tendo en conta o ano que tivo que vivir o persoal como consecuencia da pandemia; xa que mentres o equipo directiva traballaba tranquilamente dende as súas casas de xeito telemático os operarios/as estaban nas fábricas dando o callo, co risco que corrían tanto eles/as como as súas familias”.

Ademais, inciden en que non hai que esquecer tampouco que foi o cadro de persoal o que sostivo a empresa nos momentos máis difíciles, “cando o anterior equipo directivo púxoa nos aprietos que todos/as sabemos”. Ademais, como consecuencia desta situación os traballadores/as estiveron tres anos sen subida salarial, precisamente polas dificultades que atravesaba a empresa.

“Despois de todos estes sacrificios, despois de aceptar no anterior convenio que parte da suba salarial se vinculase a beneficios -polo que non a cobraron posto que supostamente non se produciron beneficios a pesar da fichaxe de directivos/as con salarios moi elevados-, o pago que lle fai a dirección ao cadro de persoal é este”.

En consecuencia, o vindeiro luns día 20 continuarán coas mobilización cunha nova protesta diante da sede principal de Abanca en Vigo, tamén a partir das 10:30 horas. Así mesmo, non descartan unha convocatoria de folga.

Volver