O persoal de Repsol maniféstase polo futuro dos empregos e para esixir investimentos na refinería

A CIG insta a Xunta a reclamarlle á empresa que retire o ERTE e garantías de viabilidade do complexo da Coruña

A Corunña -

Dentro do calendario de mobilizacións acordado, os traballadores e as traballadoras da refinería da Coruña manifestáronse este sábado dende a Praza da Palloza até o Pazo de María Pita para esixir a Repsol a retirada do ERTE e que execute os investimentos necesarios para adaptar as instalacións ao proceso de transición enerxética e garantir así a viabilidade produtiva e dos empregos.

Ao inicio da marcha, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denunciou que estamos ante un novo capítulo da impunidade coa que seguen a actuar as empresas "grazas a manter plenamente vixente unha reforma laboral que dá todo o poder de decisión a patronal sobre a continuidade dos postos de traballo". Por iso esixiu do goberno español que atenda ás demandas que a central sindical e a clase obreira levan anos facendo e derrogue de inmediato e na súa integridade as reformas laborais de 2010 e 2012, "pois é un paso imprescindíbel se queremos afrontar unha saída da crise xusta, con dereitos e emprego digno".

De igual maneira, Carril criticou a complicidade da Xunta ante o anuncio da petroleira e acusou o goberno galego de "non explicar a que se debe este ERTE xusto despois da reunión de Feixoo co conselleiro delegado de Repsol, nin tampouco atender as reivindicacións que lle facemos sobre a necesidade de pór en marcha unha política industrial para abordar as medidas de transición que precisa a refinería". Neste senso, urxiu a Xunta a exerza as súas competencias esixíndolle a Repsol que faga investimentos no complexo da Coruña para garantir a continuidade produtiva e o mantemento de todos os postos de traballo.

Propostas para abordar a transición da refinería

Neste senso, denunciou que este ERTE constitúe "unha fraude e unha obscenidade" tendo en conta os beneficios millonarios de Repsol e a súa posición privilexiada no mercado dos carburantes. De aí que valorara que este expediente de regulación sexa un exemplo máis da inexistencia de políticas públicas para afrontar o proceso de transición enerxética con xustiza para os territorios afectados.

"Ao contrario, este proceso está dirixido polas empresas en funcións do seus intereses e para consolidar as súas cotas de beneficios. Son as grandes compañías enerxéticas as que deciden en que momento desmantelar instalacións e destruír empregos, sen ofrecer alternativas industriais e sen que lle esixan ningún tipo de responsabilidade ambientais, sociais ou laboral por parte das administracións".

Neste punto, o secretario xeral lembrou que a CIG xa lle trasladou no mes de outubro ao goberno galego unha batería de propostas para encetar unha saída xusta da crise que contempla tamén medidas no sector dos carburantes e biocarburantes, facendo xa unha transición no sector encamiñada á transformación das refinerías en biorefinerías, a transición cara aos biocombustíbeis de segunda xeración, con materias primas sostíbeis e buscando as sinerxías con outras industrias coa elaboración de subprodutos. E apostando polos biocombustíbeis como combustíbel de transición na mobilidade até que se alcancen os obxectivos marcados para a mobilidade eléctrica.

Un ERTE sen causas 

No relativo ao ERTE reiterou que non existen motivos nin produtivos nin organizativos para aplicar unha regulación temporal a 212 traballadores/as durante seis meses e que terá impacto tamén sobre o emprego da industria auxiliar. Pola contra, enmarcou esta decisión na negociación do acordo marco en Madrid no que Repsol pretende meter un recorte dos dereitos laborais, aplicar unha rebaixa salarial do 10% e eliminar conceptos como a antigüidade.

Paulo Carril advertiu da importancia de impedir sindical e socialmente que a petroleira execute esta regulación temporal, pois atrás dela poderían vir medidas máis traumáticas para o emprego e para o futuro deste complexo industrial da Coruña.

Volver