Traballadores/as de XEAL concéntranse en apoio a traballadora que sufriu acoso sexual

Mobilizáronse nos xulgados da Coruña coincidindo co xuízo pola denuncia presentada pola afectada
A Coruña - 17 Nov 2021

Traballadores e traballadoras de XEAL concentráronse este mércores diante dos xulgados da Coruña en apoio e solidariedade cunha das compañeiras que sufriu acoso laboral e sexual por parte dun superior. A protesta realizouse coincidindo coa celebración do xuízo pola denuncia que a traballadora presentou por estes feitos.

Con esta concentración, o comité quere amosar o apoio de todos os traballadores e traballadoras a súa compañeira e ao tempo denunciar a actuación irregular por parte da empresa pois, tras a posta en coñecemento das situación de acoso por parte das vítimas, "tentou ocultar estas denuncias iniciando un proceso de pesquisas á marxe do establecido no seu plan de igualdade e impedindo deste xeito que o comité e os/as delegados/as de prevención tiveran coñecemento da apertura dunha investigación e puideran participar da mesma, tal e como se establece na lexislación vixente".

De feito, a dirección recoñeceu a existencia de condutas inapropiadas por parte dun superior -que poderían ser constitutivas de acoso moral, laboral e sexual-, pero incumpriu de maneira flagrante o plan de igualdade ao non adoptar medidas contra o presunto agresor, non constituír unha comisión de investigación, nin dar traslado destas situacións á representación social.

Suplantación da representación legal do persoal

Ademais, advirten que XEAL suplantou de maneira totalmente ilegal a representación unitaria dos/as traballadores/as, nomeando un "Defensor do Empregado" e deixando así nunha situación de desamparo ás traballadoras que sufriron o acoso. Para evitar estas eivas, o protocolo de acoso establece a constitución dunha comisión de investigación cun representante dos/as traballadores/as ou unha persoa nomeada polas traballadoras, para que poidan estar presentes nos interrogatorios das testemuñas coas preguntas que consideren oportunas para garantir o equilibrio.

Para o comité aínda resulta máis grave resulta que, malia concluír que o denunciado incorreu en condutas non permitidas pola empresa no seu plan de igualdade, a empresa non tomou ningunha medida, "dando acubillo a un individuo que leva a cabo condutas totalmente contrarias aos principios que ten aprobados". Por todo isto, o comité xa presentou denuncia diante da Inspección de Traballo para que faga as investigacións oportunas e depure responsabilidades de maneira que non se volvan repetir este tipo de actuacións na empresa.

Neste senso, reiteran que "non imos consentir que os nosos centros de traballo sexan lugares  inseguros e hostís para o persoal, nos que se dean situacións de machismo, de acoso laboral e de acoso sexual que atentan contra os dereitos e a dignidade das persoas". Por iso, advirten que "combateremos con todas as ferramentas que temos ao noso dispor este tipo de comportamentos para que non se volvan repetir e esixiremos á empresa responsabilidades pola súa actuación irregular e neglixente".