Traballadores/as de XEAL concéntranse en defensa do seu convenio colectivo

Esta é a primeira mobilización tras a agresión sufrida polo presidente do comité

Cee -

Traballadores e traballadoras de XEAL retomaron as mobilizacións semanais, desta volta en defensa do convenio colectivo propio e dos dereitos laborais e sociais conquistados a través de anos de loitas. Esta é a primeira concentración que se desenvolve na fábrica de Cee despois da agresión sufrida a pasada fin de semana polo presidente do comité, Alfonso Mouzo, a quen os compañeiros e compañeiras lle trasladaron a solidariedade e todo o apoio durante a concentración.

 

Pois o ataque sufrido por Mouzo non se pode illar do conflito polo mantemento do convenio colectivo, e de toda a loita realizada polo persoal para esixir a posta en marcha dos fornos, a continuidade de todo os empregos e un plan industrial que garanta a viabilidade das fábricas. Neste senso, na concentración púxose o acento nos enormes beneficios que XEAL está a obter grazas a produción de enerxía mentres desmantela as factorías de ferroaliaxes, efectivizando así unha segregación encuberta das actividades, prohibida nas cláusulas das concesións das centrais hidroeléctricas.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na protesta, avanzou que o ataque fascista sufrido polo compañeiro non pode quedar sen a súa correspondente resposta, "menos aínda cando na agresión participaron persoas que teñen cargos de responsabilidade na empresa e cando estamos diante dun ataque á liberdade sindical"; porque se agrediron a Alfonso foi precisamente polo seu traballo sindical como representante do persoal".

Por iso, reiterou que a central nacionalista promoverá todas as accións e medidas que sexan precisas para demandar xustiza e para que se depuren as responsabilidades por esta agresión. Neste senso, volveu reclamarlle á empresa que de inmediato condene estes feitos e que actúe en consecuencia "porque a dirección de XEAL ten unha inmensa responsabilidade en cortar e atallar este tipo de comportamentos intolerábeis".

Nesta liña, insistiu en que a agresión a Mouzo non se pode entender fóra do conflito que se está a vivir en XEAL  na defensa do convenio colectivo e dos dereitos laborais que a empresa quere suprimir, nin é allea ao malestar provocado pola dirección, que dende a súa chegada se dedicou a apagar fornos, destruír emprego e levar as fábricas de ferroalixes á ruína.

De feito, na protesta deste mércores, participaron un bo número de persoas do denominado persoal pasivo, xa que tamén está directamente afectado pola decisión da empresa de non aplicar o convenio propio, que recolle toda unha seria de dereitos sociais para este colectivo (como o lote de nadal) dos que se viñan beneficiando até agora.

O secretario xeral da CIG salientou a Xunta de Galiza ten que actuar dunha vez  xa que a súa permisividade con esta empresa, facilítalle proceder con total impunidade represaliando a membros do comité coa apertura de expedientes arbitrarios, ocultando e consentindo situacións de acoso laboral e sexual a traballadoras, apagando os fornos, levando ás fábricas ao peche etc.

Volver