Traballadores/as de XEAL concentránse na fábrica de Cee contra o ERTE e para esixir plan de viabilidade

O mércores e o xoves teñen convocadas novas protestas
Cee - 21 Set 2020

Traballadores e traballadoras de XEAL iniciaron este luns un calendario de mobilizacións en rexeitamento á decisión da empresa de aplicar un novo ERTE, a partir do 24 de setembro, que afectará a todo o cadro de persoal agás ao que se encarga das centrais hidroeléctricas. Hoxe realizaron unha protesta diante da fábrica de Brens (Cee) e o mércores e o xoves teñen convocada concentración ás 19:00 horas diante da casa do Concello de Cee e das centrais, respectivamente.

Con esta mobilización, quérese alertar da crítica situación na que se atopan as fábrica de ferroaliaxes, en proceso de desmantelamento progresivo dende a operación de compra-venda entre Ferroatlántica e TPG-Ithaka; e ao tempo demandar da Xunta que esixa dunah vez á empresa o perceptivo plan de viabilidade.

O comité denuncia que a dirección de XEAL está a aproveitarse da situación de emerxencia sanitaria e dun ERTE que foi negociado hai máis de ano e medio con outra empresa e outra representación legal para manter o peche dos fornos e recortar aínda máis a produción, comprometendo así a viabilidade das fábricas e dos postos de traballo.

O presidente do órgano de representación, Alfonzo Mouzo, subliña que mentres o mercado das ferroaliaxes baixou un 30%, a actividade das fábricas de Cee e Dumbría baixou nun 90% e só están operativos dous fornos a mínima potencia.

Neste senso, alerta que o obxectivo da venda non é outro que segregar a actividade das plantas de ferroaliaxes das centrais hidroeléctricas e facer negocio coa produción de enerxía, e que por isto, TPG-Ithaka se negou en redondo a retirar o recurso contra a resolucións de Augas de Galiza presentado por Ferroatlántica así como a deixar sen efecto o ERTE asinado en febreiro do pasado ano cando as fábricas aínda estaban no grupo Ferroglobe.

Dende o comité tamén se solicitaron reunións coa consellarías de Economía e Industria e coa consellaría de Emprego e Igualdade, para abordar o futuro dasdas plantas e demandar unha intervención inmediata da Xunta que pasa, inevitabelmente, por esixirlle á empresa que presente o plan de viabilidade ao que obrigan as concesións das centrais e, de ser preciso, que actúe sobre as concesións procedendo á recuperación dos dereitos de explotación de XEAL.

"A Xunta non pode seguir mirando para outro lado, ten que obrigar a empresa a presentar un plan de viabilidade que contemple un calendario de rearranque dos fornos e as inversións necesarias para garantir o futuro das fábricas e dos empregos", aseveran.