Traballadores/as de XEAL concéntranse no Ézaro para esixir un plan de viabilidade e a retirada do ERTE

Esta é a terceira protesta que realizan esta semana
Cee - 24 Set 2020

Os traballadores e as traballadoras de XEAL continuaron esta tarde co calendario de mobilizacións en resposta ao novo ERTE que entrou en vigor este mesmo xoves e que afecta a todo o cadro de persoal en quendas rotativas, agás a aquel que traballa nas centrais hidroeléctricas. Precisamente, foi nas centrais do Ézaro onde se desenvolveu a protesta, a terceira que realizan esta semana.

Esta regulación temporal, que foi negociada con outra representación sindical e sendo as fábricas propiedade de Ferroatlántica, será de aplicación até o 28 de febreiro de 2021 e afectará a todos/as os/as traballadores/as nun promedio do 35% da xornada laboral. Queda fóra do ERTE o persoal das centrais, que están ao 100% da súa capacidade produtiva, "o que resulta moi significativo de cal é o negocio que lle interesa a XEAL".

Intencionalidade da empresa por manter a baixa produción

"A produción de ferroaliaxes está en mínimos, con só dous fornos traballando a baixa capacidade, sen que a empresa teña un calendario para o rearranque do resto dos fornos e sen que haxa inversións reais nas fábricas para garantir a produción industrial", advirte Alfonso Mouzo, presidente do comité, quen apunta á clara intencionalidade da empresa de manter esa baixa produción, con independencia da situación do mercado de ferroaliaxes.

De feito, subliña que mentres a produción en Cee e Dumbría baixaba nun 90% (no mercado internacional a caída foi do 30%), a actividade dos aproveitamentos hidráulicos non deixou de medrar, xerándolle no que vai de ano millonarios beneficios a XEAL.

"Con este ERTE o que busca a dirección é agravar o desmantelamento progresivo das fábricas, levándoas á ruína, para quedar coa parte do negocio máis substanciosa, que é producir enerxía. Pero as cláusulas administrativas son moi claras: a actividade dos saltos está vinculada á produción das ferroaliaxes e non pode haber unha sen a outra", asevera Mouzo.

Para reclamar que se cumpra esta premisa, que é a mellor garantía do mantemento dos postos de traballo, o comité xa solicitou sendas reunións coa Consellaría de Emprego e coa Consellaría de Industria para demandarlles a súa intervención e que, dunha vez, esixan á empresa o plan de viabilidade ao que obrigan as cláusulas e, de ser necesario, actúen sobre as concesións procedendo ao seu rescate.

"Levamos máis de un ano reclamando ese plan de viabilidade, pero a Xunta segue facendo oídos xordos ás nosas demandas e ten un actitude pasiva totalmente inxusta con esta comarca".

Falta de investimentos nas fábricas

Nesas reunións tamén se exporá o deterioro das fábricas pola falta de inversións, xa que dos 14 millóns de euros comprometidos na operación de compra-venda, que foron garantidos por FerroGlobe, XEAL só está facendo investimentos "para lavar a cara e para amortizar postos de traballo, pero as inversións para o proceso produtivo non existen".

Así as cousas, o comité de XEAL continuará coas accións na defensa dos empregos e do futuro industrial da comarca e vai iniciar unha rolda de contactos institucionais que comezará mañá, venres, cunha xuntanza co grupo parlamentar do BNG.