Traballadores/as do almacén de Froiz no Marco (Pontevedra) claman pola equiparación salarial

Desenvolveron unha protesta na empresa, que repetirán o mércores 29, porque ingresan 200 euros menos que os seus compañeiros/as de Lourido
Pontevedra - 15 Mai 2024

Traballadores/as do almacén de Froiz no Marco, en Pontevedra, desenvolveron hoxe unha concentración diante da empresa, que repetirán o vindeiro mércores 29, para reclamar a equiparación salarial cos compañeiros/as do almacén de Lourido, que ingresan de media uns 200 euros máis ao mes a pesar de desenvolver o mesmo traballo.

A protesta tivo lugar de 13:30 a 14:30 horas, coincidindo co cambio de quenda, e a decisión foi adoptada en asemblea de traballadores/as tras analizar a proposta achegada pola empresa, que o persoal considerou insuficiente.

Os afectados/as, uns 75 traballadores/as que desenvolven o seu labor na plataforma loxística que até 2020 pertencía á cadea de supermercados Moldes, anunciaran a semana pasada a súa intención de iniciar as protestas o mércores 8, pero finalmente optaron por suspendelas despois do movemento de Froiz, “que até o de agora negábase se quere a falar do tema”.

Dende a CIG-Servizos de Pontevedra lembran que Froiz subrogou en 2020 o persoal do centro loxístico de Moldes. O ano pasado formouse por primeira vez un comité de centro, no que a CIG ten 4 representantes. Comezouse a reivindicar entón a equiparación salarial mediante a aplicación dos pluses por riba do convenio que ten o persoal de Lourido, que desenvolve o mesmo traballo que o do Marco.

Na actualidade hai tres categorías laborais nos almacéns (carretilleiros, separadores e condutores). O persoal do situado en Lourido ingresan uns 200 euros máis ao mes de media mediante os pluses vinculados a cada unha desas categorías. “Intentamos chegar a un acordo coa empresa, pero evitaban falar do tema, e intentamos tamén formar unha mesa de negociación, pero negáronse. Entón entregamos unha proposta por escrito, pero non contestaron. Por iso o persoal optou polas mobilizacións para rachar con esta desigualdade, “xa que a igual traballo igual salario”.