Traballadores/as do Grupo Cándido Hermida reclaman que se respecten os seus dereitos laborais e salariais

Remitiron unha carta ao propietario da empresa pedíndolle a súa intervención
Ferrol - 08 Xun 2020

Os traballadores e as traballadoras das oito compañías que integran o Grupo Cándido Hermida aprobaron por unanimidade remitir unha carta ao propietario da empresa para demandarlle que interveña ante os abusos practicados polas direccións dos centros de traballo e demandar que non se pretenda saír desta situación de crise a conta dos seus dereitos laborais e salariais.

Todas as empresas do grupo están en ERTE por forza maior e agora, véñense de presentar novas regulacións que as direccións pretenden se negocien por separado e sen asumir por escrito ningunha mellora nas condicións como complementar os salarios do desemprego, establecer rotacións equilibradas, etc. Neste senso, no escrito, o persoal lembra as longas xornadas de traballo que fai para cumprir cos prazos encomendados, que en non poucas ocasións pon os seu vehículo propio para desprazarse ás montaxes das tendas por todo o estado, e que mesmo adianta cartos para pagar taxas ou mercar algunha ferramenta.

Un compromiso que non se está a ver compensado de ningunha maneira por parte da empresa. É máis, na súa carta, os traballadores/as critican os abusos cometidos polos cargos intermedios que coaccionan e presionan o persoal para que non acuda ás asembleas e que represalian a quen se atreve a reclamar os seus dereitos, mentres perciben "salarios tan altos que en comparación cos nosos raian na obscenidade".

Diante disto, o persoal advirte que se esta situación non muda, "daquela teremos que ser os teus traballadores e traballadoras quen fagamos o que sexa preciso para defender os nosos postos de traballo e o futuro das nosas familias".

» Carta aberta dos traballadores e traballadoras de Grupo Cándido Hermida