• Nova

Traballadores/as das instalacións da Malata en Ferrol inician folga parcial indefinida en demanda de máis persoal

Reclaman a cobertura das baixas e das vacantes e que o Concello abandone as pretensións de externalizar o servizo
Ferrol - 05 Abr 2022

Traballadores/as do pavillón e das pistas deportivas da Malata iniciaron este luns folga indefinida para esixirlle ao Concello de Ferrol que cubra as baixas, reforce de maneira permanente o cadro de persoal e para demandarlle a retirada da proposta de reorganización de persoal trasladada pola Concellaría de Deportes, xa que só busca avanzar na externalización dos servizos. Os paros teñen carácter parcial e desenvólvense de 12 a 14h na quenda de mañá, de 15:45 a 17:45h na da tarde e de 21:30 a 23:30 na da noite.

Manolo Fernández, delegado da CIG no Concello de Ferrol, explica que este persoal procede do desaparecido Padroado de Deportes e se encarga das instalacións da Malata e doutras pistas municipais. Pero dende hai anos, o Concello está recortando en persoal neste servizo, até o punto de que agora mesmo só hai cinco traballadores/as e unha praza vacante. Pero destes empregados, tres están en situación de IT polo que só dúas persoas se teñen que facer cargo dunhas instalacións que abren de luns a venres e con horarios de mañá e tarde, xerando así unha situación laboral insostíbel.

Pero ademais, explica Fernández, o Concello pretende avanzar na externalización deste servizo e na Mesa de Negociación apareceu cunha proposta de reorganización do persoal que supuña apartar os traballadores e traballadoras das instalacións da Malata. "Rexeitamos de plano esta formulación. O que ten que facer o Concello é substituír o persoal que está de baixa e cubrir as vacantes de forma definitiva", sinala.

Despois de formalizarse a convocatoria do paro indefinido, o Goberno municipal procedeu a contratar temporalmente -por tres meses- a unha persoa máis, "pero isto non é unha solución, o que fai falta é reforzar o cadro de persoal".

Neste senso, o representante da CIG apunta que os traballadores que están activo teñen varias ducias de días de compensación por gozar, xerados polo exceso de xornada que realizan para poder cubrir todo o horario de apertura das instalacións; pero nin sequera poden coller eses días porque non hai persoal para facer o servizo. Por iso, cando dende Deportes se chamou á negociar os servizos mínimos "xa nos pareceu unha tomadura de pelo, porque este persoal está de servizos mínimos todos os días".

Así as cousas, os traballadores/as manterán a folga indefinida mentres o Concello de Ferrol non atenda as súas demandas.