Traballadores/as do polígono industrial de Bamio mobilizaranse para reclamar melloras na zona

As demandas están apoiadas por arredor de 300 empregados/as das principais compañías do parque empresarial

Vilagarcía -

Traballadores/as do polígono industrial de Bamio, en Vilagarcía de Arousa, mobilizaranse este mércores día 4 diante das empresas, na estrada PO-192, para reclamar melloras nos accesos, na sinalización ou no saneamento. Con esta protesta, que se desenvolverá de 15:00 a 15:30 horas, tamén queren poñer de manifesto as carencias existentes a respecto das novas tecnoloxías, tanto da comunicación como enerxéticas ou medio ambientais.

As demandas foron apoiadas mediante sinatura por arredor de 300 empregados/as das principais compañías con sede no parque empresarial (Thune Eureka, Carsa, Bamipal, Maderas J Redondo, Prefabricados Semagar, Disbepo e Mecayce).

Delegados/as sindicais da CIG en Carsa e Thune Eureka e o secretario nacional da federación de Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, entregaron onte no portelo único do Concello de Vilagarcía un escrito coas reivindicacións avaladas polas sinaturas dos traballadores/as dirixido á Consellaría de Infraestruturas e aos Concellos de Vilagarcía e Catoira.

Volver