Xoves do naval: traballadores/as de Fene e Ferrol saen á rúa en demanda de carga de traballo

Realizaron dúas mobilizacións e esta tarde acudirán ao pleno fenés

Ferrol -

Os traballadores e traballadoras de Navantia e da súa industria auxiliar volveron levar este xoves polas rúas de Fene e Ferrol as súas demandas de carga de traballo para os estaleiros que permita paliar a subactividade que se vai producir tras do verán e que suporá que 1.500 obreiros/as das auxiliares queden sen emprego.

Este xoves, o persoal realizou dúas mobilizacións paralelas. Unha que percorreu as rúas de Fene saíndo pola porta do dique ao lado de Carenas, indo até o Concello e subindo pola Avenida Naturais, e outra que saíu da porta de Navantia no Esteiro, seguiu polo porto, accedeu á AP-9 e volveu ao estaleiro case tres horas despois, tras discorrer polo centro da cidade. Ademais, esta  tarde o persoal acudirá ao pleno do Concello de Fene, onde se debate unha moción en apoio ás demandas do sector.

Sen ocupación nos dous próximos anos

Esta nova xornada de loita, apunta o responsábel da sección sindical da CIG en Navantia Ferrol, Marcelino Amado, é un fito máis no calendario de mobilizacións "que temos que manter para esixir carga de traballo de inmediata", ao tempo que supón un quentamento de cara á manifestación comarcal que as centrais sindicais teñen convocada en Ferrol para o domingo 15 de marzo, en demanda de políticas de reindustrialización.

Amado lembrou que a construción dun buque loxístico sería a mellor solución para amortecer a caída de actividade que se producirá nos próximos dous anos entre a entrega dos AORs australianos e o comezo da construción das fragatas F-110 (prevista para 2022), mais advertiu que aínda se aprobara a súa construción "mañá mesmo, o inicio das obras demoraríase cando menos até dentro dun ano".

Por iso, urxiu a toma de decisións políticas neste sentido ao  tempo que instou a que se adiante o programa de construción das fragatas F-110, xa que ningún outra actividade do estaleiro, aínda que teña ocupación, é capaz de absorber o volume o traballo que xera a construción naval.  

Complexo Industrial da Construción Naval

Xunto a isto, a CIG continúa a reivindicar a creación do Complexo Integral para a Construción Naval que permita superar a dependencia do sector militar á que están sometidos os estaleiros da ría de Ferrol e a periódica expulsión ao desemprego e a emigración que isto conleva para o persoal das subcontratas.  

Para isto, faise necesario afrontar as melloras nas instalacións e infraestruturas do estaleiro (o que implica necesariamente a construción do novo dique); así como potenciar turbinas para poder converter Ferrol nun referente nos sistemas de propulsión e mobilidade marítima e situarse na mellor posición no mercado eólico mariño. E de igual xeito, dotar Fene de persoal de xestión, técnico e produtivo para poder afrontar proxectos de construción naval civil.

Pero para avanzar neste camiño a CIG-Industria defende que "é preciso que chamemos a atención do Goberno español e o obriguemos a cambiar a improvisación por planificación a longo prazo; a cambiar as axudas e os plans comarcais por investimentos reais en mellorar os estaleiros; e mellorar os investimentos en innovación. Temos que obrigalos a cambiar a política de todos estes anos de reducir capacidades por outras dirixidas a recuperar actividades e mercados".

Volver