A CIG-Industria mobilízase en Ourense en demanda dunhas condicións laborais dignas na automoción

Traballadores/as e delegados/as do sector percorreron o polígono de Pereiro de Aguiar en manifestación
Ourense - 21 Nov 2019

A CIG-Industria trasladou hoxe a Ourense a campaña de información e mobilización en defensa da automoción, un sector inmerso nunha profunda transformación pola chegada de novas tecnoloxías e a aprobación da lei de cambio climático e transición enerxética. Traballadores/as e delegados/as da central percorreron o polígono de Pereiro de Aguiar en manifestación para demandar da Xunta unha aposta clara por unha industria galega do automóbil na que continúan a medrar a precariedade laboral, os baixos salarios e a deslocalización.

Nesta ocasión a central decidiu trasladar as mobilizacións a Ourense xa que o sector da automoción ten un importante peso na economía da provincia e emprega arredor de 2000 persoas nos catro polígonos industriais que acollen a maioría das compañías do sector (Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Allariz e Ribadavia).

A manifestación arrincou ás 10:30 horas e foi facendo paradas diante de empresas como Megatech, Tecnogap ou Hispaplasti, onde se berraron consignas como “Salarios dignos na automoción”, “Queremos traballar e non emigrar”, “Fóra as ETT da automoción”, “Feijóo, escoita, a automoción está en loita” e “Non, non, non á deslocalización”.

Ao remate da mobilización, a responsábel da automoción da CIG-Industria, María Xosé García, lembrou que a central está a desenvolver dende o mes de xaneiro unha intensa campaña de información, mobilización e acción institucional arredor do sector. Detallou que ademais das protestas en Vigo e no Porriño, onde se localizan as principais empresas da automoción, en febreiro mantivéronse xuntanzas con todos os grupos políticos con representación no Parlamento galego e presentáronse mocións nos Concellos que acollen compañías do sector.

García criticou que o resto de centrais sindicais non estean a facer nada diante dos graves problemas que atravesa a automoción nin actúen para poñerlle freo ao deterioro imparábel das condicións de traballo. “Semella que só na CIG somos conscientes dos retos aos que se enfronta o sector e da situación de explotación que padecen milleiros de traballadores/as”.

Falta de políticas públicas

Pola súa banda, o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, sinalou que a precarización laboral non para de medrar cono consecuencia da cada vez maior presenza no sector de Centros Especiais de Emprego, empresas multiservizos e ETT. Tamén sinalou a ameaza que supón os crecentes procesos de deslocalización e demandou unha aposta clara das administracións públicas e das empresas pola fabricación de produtos de alto valor engadido.

Neste senso, denunciou a falta dunha política para o sector por parte da Xunta que free o seu esmorecemento progresivo, xa que as principais compañías optan por instalarse en solo portugués. Lembrou que só no último ano a contratación na automoción caeu un 26,7%, e que dende o inicio da crise económica ningunha empresa do sector se instalou en Galiza. “As que quedan están a reducir o seu cadro de persoal e a precarizar aínda máis as condicións laborais”.

Fronte a isto a CIG puxo en marcha esta campaña, que continuará nos vindeiros meses, ao tempo que elaborou un documento unha serie de propostas para afrontar o futuro do sector galego do automóbil ante a transformación que está a experimentar como consecuencia da aplicación de novas tecnoloxías e da crise dos motores diésel derivada da aprobación da lei de cambio climático transición enerxética.

A central considera fundamental apostar por vehículos menos contaminantes (híbridos, eléctricos e híbridos a gas); así como polo coche autónomo, de alto valor engadido, e no que a industria galega está a quedar nunha posición moi feble a respecto doutros países. “É necesario que a Xunta faga pública as axudas públicas a este proxecto, e que cantidade delas quedan aquí ou se invisten en Portugal, país que si está a apostar estratexicamente polo coche autónomo”.