Traballadores/as e xubilados/as de Endesa maniféstanse nas Pontes en defensa dos seus dereitos

Denuncian que a empresa quere suprimir os beneficios sociais para repartir os cartos ao accionariado
As Pontes - 07 Mai 2019

Traballadores/as e persoal xubilado de Endesa percorreu esta mañá as rúas das Pontes en defensa do seu convenio colectivo e para esixir o mantemento dos beneficios sociais que até o de agora tiña o denominado persoal pasivo. No decurso da manifestación púxose a atención no impacto que terá nas economías familiares a decisión unilateral da enerxética de suprimir a tarifa bonificada e as consecuencias que isto suporá, á súa vez, para o conxunto da economía da comarca.

De feito, durante o tempo que durou a mobilización, o comercio local botou o peche para solidarizarse coa loita do persoal de Endesa. Neste senso, o responsábel de Enerxía da CIG-Industria, Fernando Blanco, incidiu no golpe que suporá para os/as xubilados/as de Endesa (que na maioría dos casos teñen unhas pensións que andan nos mil euros) non contar coa tarifa eléctrica bonificada a partir do 30 de xuño.

Pero este dereito que agora Enel (a empresa pública italiana que posúe o 70% do capital de Endesa) lles quere suprimir para repartir os cartos entre o accionariado, non foi regalado, senón que houbo que pelexalo e ademais forma parte do denominado salario en especie. Para visibilizar que este é un dereito histórico do persoal, a faixa de cabeceira da manifestación estivo formada por un grupo de xubilados/as de máis de 80 anos.  

Esta manobra ruín e o argumentario da empresa a respecto de que estes son un tipo de beneficios que non encaixan cos tempos actuais resulta insultante tendo en conta que só no primeiro trimestre de 2019 Endesa tivo un beneficio neto de case 400 millóns de euros (que serán repatriados na súa totalidade para Italia) e que durante os últimos dez anos, o xa expresidente da compañía, percibiu un salario diario de preto de 12.000 euros.

Sobre a situación da negociación do novo convenio, Blanco denunciou que está habendo reunións pero que "son puro teatro" para que a empresa lave a cara. En canto ao conflito colectivo presentado, sinalou que se está a espera de que a audiencia inicie o trámite para poder presentar o recurso correspondente.

Enel aprovéitase da reforma laboral

Endesa, lembra Fernando Blanco, estase aproveitando dun dos aspectos máis lesivos da reforma laboral aprobada polo PP en 2012 (a limitación da ultravixencia), para acometer a maior agresión laboral da súa historia, ao dar por decaído o IV Convenio Colectivo -logo dun ano de negociacións infrutuosas- e suprimir os beneficios que ten o denominado persoal pasivo.

Con esta decisión, a empresa deixa sen marco regulador de referencia os seus máis de 8.000 empregados e empregadas e amparándose nesta circunstancia pretende eliminar a partir do 1 de xullo deste ano os beneficios sociais e económicos que tiñan recoñecidas as clases pasivas (prexubilados/as, xubilados/as, viúvas e orfos/as), que forman un colectivo de máis de 27.000 persoas.

O obxectivo desta manobra, subliña Blanco non é outro que detraer estes cartos dos traballadores e traballadoras para repartilos entre os/as accionistas. Cómpre subliñar que as reservas estimadas que Endesa ten que facer para esta partida suman uns 700 millóns de euros.

A responsabilidade dos diferentes gobernos do PSOE e o PP

Neste conflito non cómpre perder de vista que Endesa foi unha empresa estatal, privatizada polos sucesivos gobernos do PSOE e do PP para, finalmente, volver ser unha empresa pública, pero en mans da eléctrica estatal italiana, Enel, que posúe o 70% do accionariado. Aínda que comercialmente siga mantendo a marca Endesa, a propiedade maioritaria é de Enel España.

Para branquear a toma do goberno italiano dunha empresa do sector eléctrico do Estado español, na OPA tamén participou a empresa Acciona de Entrecanales; a presenza de Acciona en Endesa apenas durou ano e medio e, como pago da súa colaboración, fíxose coa división de xeración renovábel de Endesa. Unha vez asentada Enel en Endesa, segregou os activos de Endesa en Latinoamérica, que pasaron a ser de Enel en exclusividade.

Estas dúas actuacións deberían espertar o interese político sobre como se descapitaliza unha empresa que no seu día foi estatal, mais non houbo ningunha reacción por parte dos Gobernos do Estado e por iso, Enel continuou o seu particular saqueo de Endesa. Como maior accionista impuxo unha xenerosísima política de dividendos, obrigando a que todos os beneficios de Endesa pasen directamente a dividendos que, a súa vez, son cobrados por Enel. Isto obriga a Endesa a endebedarse para os novos investimentos.

Como continuidade da súa política de baleirado, Enel quere entrar agora nos compromisos que Endesa ten co seu cadro de persoal, particularmente co persoal pasivo e que, por obriga das auditorías, debe provisionar no seu balance económico.