Traballadores das auxiliares ocupan as oficinas centrais de Endesa na Coruña

Piden á eléctrica compromisos co emprego e que non haxa despedimentos no proceso de transformación da central
A Coruña - 14 Out 2019

Representantes sindicais e traballadores/as das auxiliares da central das Pontes veñen de ocupar as oficinas que Endesa ten en Matogrande (rúa Enrique Mariñas) para reclamar compromisos de emprego nas auxiliares e garantías de que non se van producir despedimentos nas contratas no proceso de transformación das instalacións.

Con esta medida de presión, na que participan unhas 20 persoas, reclaman do director territorial da zona noroeste de Endesa, Miguel Temboury, un compromiso neste sentido similar ao que a eléctrica ten ofrecido para o seu persoal propio, tras anunciar o peche definitivo da central. De igual xeito demandan de Endesa a busca de alternativas industriais de futuro que minimicen o impacto que a parada da térmica terá tanto a nivel laboral como no conxunto da economía da comarca das Pontes

"Estes traballadores e traballadoras levan toda a vida traballando para a central e neste momento de transición a empresa non pode deixalos atrás. Non podemos avanzar nunha transición e comezar un proceso de cambio de modelo produtivo cos dúas de compañeiros e compañeiras despedidas ", apunta Alberte Amado da CIG-Industria.

ACIG reitera que mentres non se clarifique o escenario no que van quedar as instalacións (a día de hoxe a eléctrica nin sequera confirmou en que data presentará a solicitude formal de peche), Endesa tense que comprometer en firme co persoal propio da central e máis co persoal das súas auxiliares e co proceso de reindustrialización da comarca, ao que, por certo, está obrigado polo peche da central.

Folga xeral nas Pontes

A protesta realízase en vésperas da xornada de folga xeral convocada nas Pontes para o mércores 16 de outubro, que se agarda sexa masiva, e na que está prevista unha concentración en Madrid diante do Congreso dos Deputados e Deputadas, ás 16:00 horas.