Traballadores do servizo de transporte de residuos de Sogama concéntranse diante do Parlamento

A mobilización coincidiu coa comparecencia do Presidente da empresa pública
Nacional - 06 Xun 2019

Traballadores da empresa concesionaria do servizo de transporte de residuos sólidos urbanos de Sogama, Pacholo SL, concentráronse esta mañá diante do Parlamento de Galiza coincidindo coa comparecencia do presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, na Comisión de Medio Ambiente, a solicitude dos tres grupos da oposición. Unha comparecencia demandada a raíz do conflito que provocou a folga indefinida na que levan, a esta altura, 54 días os traballadores da empresa.

O persoal desta concesionaria non está demandando, con esta folga, melloras salariais ou de xornada, senón denunciando a falta de medidas de seguridade, tanto nos camións, como nas condicións nas que se transporta a carga. Denuncias que derivaron nunha política de acoso laboral ao conxunto do persoal, por parte da empresa Transportes Pacholo S.L., e que tiveron como consecuencia o despedimento de 8 traballadores, para os que exixen a readmisión.

A resposta da empresa foi a de represaliar ao seu persoal porque, segundo ten explicado o presidente do comité, Manuel Regueiro “a seguridade custa cartos” e o que querían era “xente sen escrúpulos que fixera todo sen preguntar”. Por iso entenden que no momento no que os traballadores comezaron a denunciar os incumprimentos en materia medio ambiental, na seguridade vial e no peso real das cargas transportadas foi cando “responderon co acoso, a represión e os despedimentos”.

Os traballadores denuncian tamén incumprimentos en materia de lexislación medio ambiental e exixen tanto a Sogama como á consellaría que interveñan para dar unha solución definitiva ao conflito, como responsables últimas de obrigar ás empresas a cumprir coa legalidade vixente tanto en materia laboral como medioambiental ou de seguridade vial.