Traballadores/as da fábrica de San Cibrao conmemoran a parada das cubas polo incidente do Cason

Realizaron un acto rememorando o 33 aniversario do suceso e o seu paralelismo coas ameazas actuais á continuidade industrial
Cervo - 16 Dec 2020

Os traballadores e as traballadoras de Alcoa San Cibrao realizaron este mércores unha concentración na Praza da Casa da Cultura para conmemorar a parada das cubas de electrólise que se produciu na fábrica hai 33 anos a causa do incidente do Cason, o barco que embarrancou fronte a costa de Fisterra levando unha carga de produtos químicos inflamábeis, tóxicos e corrosivos.

O traslado da mercadoría do buque á comarca da Mariña provocou un gran rexeitamento social e a nefasta decisión do Goberno de almacenar os bidóns no peirao de Alúmina-Aluminio (a fábrica entón aínda era pública) rematou co despedimento de máis de cen traballadores/as e dos 23 membros do comité de empresa, que nunca foron readmitidos. Máis de tres décadas despois, sobre a factoría de San Cibrao volve pender a ameaza da parada das cubas, mais nesta ocasión porque así o acordou alguén en Pittsburgh.

"No ano 87 a decisión do Goberno español puxo en perigo a continuidade produtiva da factoría, agora a falta de acción decidida do Gobernos para intervir a planta pode ser a que nos leve á ruína", valora o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen entende que "non pode ser que esteamos a expensas do que diga o xulgado (en referencia á impugnación do ERE no TSXG) para resolver un asunto tan importante como o mantemento dos empregos e o futuro da produción de aluminio primario en Galiza".

É necesaria unha actuación pública decidida

Neste senso, subliña que de terse derrogado a reforma laboral "a decisión última dos despedimentos non estaría en mans exclusivas de Alcoa, xa que para executar o ERE precisaría da autorización administrativa previa". Por iso, Carril reclama do Goberno español e da Xunta unha actuación pública decidida para expropiar a fábrica e impedir que Alcoa poida levar adiante o seu plan de peche.

O secretario xeral da CIG demanda un calendario claro e inequívoco por parte de ambos Gobernos "que permita que antes do 31 de marzo de 2021 -data límite que puxo Alcoa- teña lugar esa intervención do complexo industrial. Parécenos unha auténtica irresponsabilidade que as administracións pretendan deixar todo a expensas do que determine o xulgado, cando non é a xustiza quen pode resolver este conflito".

Ao contrario, a solución para a continuidade industrial e dos empregos depende de decisións políticas, "amparadas ademais no impacto social e o dano que pode provocar unha situación definitiva de despedimentos", asevera Carril. E nesta liña denuncia que, canto máis se tarde nesa intervención pública, "máis responsabilidade compartida terán con Alcoa, o Goberno español e a Xunta".