Traballadores/as das contratas de R piden a implicación da Xunta para evitar a deslocalización dos servizos e dos empregos

O persoal manterá as protestas mentres Euskaltel non recúe na súa decisión

A Coruña -

As traballadoras e traballadores das contratas de R levaron este mércores as mobilizacións contra o proceso de deslocalización de servizos até o edificio da Xunta na Coruña para demandar a implicación do Goberno galego e que actúen en defensa dos máis de mil empregos que están en risco por esta decisión de Euskaltel (propietaria de R Cable e Telecomunicacións).

Con esta protesta urxen a Xunta a abrir unha mesa de negociación con todas as partes implicadas (empresa, contratas, representación social e Administración) para abordar o futuro dos postos de traballo e a prestación dos servizos de R dende Galiza. Unha xestión á que se comprometeu a secretaria xeral de Emprego na xuntanza que mantivo o pasado 1 de agosto coas organizacións sindicais.

Neste senso, Miguel Gago, delegado de persoal en COMFICA (unha das contratas afectadas pola deslocalización) lembrou as millonarias subvencións públicas que R recibiu ao longos destes anos, esixindo que esta inversión reverta tamén no mantemento e a xeración de postos de traballo na nosa terra.

Acordo en COMFICA "con poucas garantías"

Gago explicou que no caso concreto de COMFICA hai arredor de 20 operarios/as afectados pola retirada dos contratos. Malia que nun inicio a dirección negaba que fose haber despedimentos, tras as intensas mobilizacións, comité e empresa chegaban a un acordo polo cal esta se compromete á subrogación ou á recolocación noutros departamentos do persoal, así como que non procederá a despedir por causas obexctivas.

Porén, o representante do persoal xa adiantou que continuarán as mobilizacións "porque o plan de deslocalización de R non variou" e porque "non temos garantía de nada". Neste senso, Miguel Gago apuntou que no documento do acordo, COMFICA 'garante' os postos de traballo pero "non se sabe en que condicións nin onde se vai reubicar aos compañeiros". Aínda máis, COMFICA non pode comprometer a subrogación na nova contrata ZTE, xa que esta decisión compete á auxiliar. En todo caso, engadiu, "depende de R establecer os mecanismos necesarios para garantir a subrogación do persoal das súas contratas".

O que si evidencia ás claras este acordo "é a existencia dun gravísimo problema de deslocalización de postos de traballo, que tanto a empresa principal como as auxiliares se negan a recoñecer". A raíz das mobilizacións iniciadas polos/as traballadores/as e da repercusión mediática, o proceso de traslado "vaise adiando e aplicando aos poucos, nun intento de minimizar o impacto social e desactivar as protestas".  

Non renovación de eventuais en Indra

De igual xeito, dende o comité de Indra, Amalia Rey e Daniel Argüelles, sinalaban que nestes momentos quedan 35 traballadores/as no servizo, "xa que dende que R falou coa nosa empresa non se lle renovou o contrato a varios/as traballadores/as eventuais. Ademais, xa nos comunicaron que haberá un máximo de oito indefinidos/as que poderían ser recolocados noutros proxectos unha vez remate o contrato con R".

Até agora, Indra viña prestando dende a Coruña soporte técnico, tratamento de incidencias e vixilancia de rede para R Cable. "Na última reunión que tivemos con Indra, a principios de agosto, dixéronnos que R lles pedira unha redución do alcance do proxecto, das horas e do orzamento que non sabían aínda que afectación  tería. De feito, a dirección nin sequera foi capaz de confirmarnos cando remata o contrato", sinala Rey. Porén, a pasada semana, Indra comunicáballes que ZTE empezaba xa realizar en fase de probas a vixilancia da rede, dende Asturias, "para finalmente levar todo este servizo para alá".

Sobre o mantemento do emprego, Rey avanzou que por agora non existe ningún plan de subrogación do persoal de Indra á nova contrata, polo que se teme que nos vindeiros meses deixen de renovárselle contratos as traballadoras e traballadores temporais.

As protestas continuarán nas vindeiras semanas

O mesmo futuro incerto agárdalle a centos de empregos en Galiza se Euskaltel avanza no seus plans de deslocalización, pois o traslado afecta ao conxunto dos servizos que até agora tiña contratados en Galiza con empresas auxiliares: operacións e mantemento, atención teléfonica, enxeñaría e desenvolvemento de rede, back office, etc. Por iso, xa anunciaron que estudan un novo calendario de mobilizacións e que se manterán as protestas "mentres R non recúe nas súas intencións".

Volver