Traballadores e traballadoras de Narturgy mobilízanse contra a deslocalización e a destrución de emprego en Galiza

Percorreron as rúas de Compostela para exixir o mantemento de todos os postos de traballo

Nacional -

Centos de traballadores e  traballadoras de Naturgy percorreron esta mañá as rúas de Compostela para manifestar o seu rotundo rexeitamento á decisión da empresa de  deslocalizar e destruír emprego en Galiza, onde seguirá espoliando os nosos recursos naturais mentres a riqueza, a industria e o emprego se crea noutros territorios do Estado. Unha decisión fronte á que a Xunta mantén o silencio.

“Naturgy está pechando en Galiza os centros de traballo. Din que sobramos a metade e que o COR ten que marchar para Madrid, que a térmica de Meirama se vai e que os traballadores e traballadoras ou collen o que chaman programa de baixas por desvinculación, ou non teñen traballo para eles. Non estamos de acordo con que nos obriguen a marcharnos, temos traballo aquí e queremos seguir traballando”, explicaba ao inicio da manifestación José María Melero, representante da CIG en Naturgy.

A empresa pretende non só pechar as instalacións que ten en Galiza, senón tamén deslocalizar a prestación do servizo a Madrid. Isto terá graves consecuencias no emprego mais tamén na calidade do servizo e do subministro que se presta ás galegas e galegos atendendo á posición maioritaria de Naturgy no mercado eléctrico no noso país, tanto na produción como na distribución.

Neste sentido Melero explicou que o persoal da empresa coñece as redes galegas pero “se isto se leva desde Madrid o normal é que baixe a dispoñibilidade das redes, non se faga mantemento e haxa unha deficiencia na atención de avarías. Isto vai repercutir negativamente na redistribución da enerxía para Galiza”. Denunciou que Naturgy toma esta decisión de carácter “estritamente económico” para “centralizar, aforrar e apertar aos traballadores” co único obxectivo de seguir incrementando os seus beneficios e os dos accionistas do grupo.

Impunidade e espolio

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denunciou tamén o proceso de desmantelamento e destrución de emprego que se está producindo en Naturgy e a “impunidade” coa que a empresa leva a cabo o proceso de peche. “Os gobernos permiten que actúe así porque manteñen vixente unha reforma laboral que o posibilita”, asegurou.

Xunto a isto denunciou que tamén se permitiu que “Fenosa nunca asumira o custo social que supuxo a produción enerxética no noso país e que levou a que hoxe Naturgy teña unha posición hexemónica en Galiza onde está acumulando máis megavatios. Malia espoliar os nosos recursos o que fai é destruír emprego, desmantelar a nosa industria e degradar o noso medio ambiente en favor da creación de emprego e industria noutros territorios”.

Por iso considerou imprescindible “termos capacidade de decidir e aproveitar nós os nosos recursos e a nosa riqueza” para que iso “reverta na creación de emprego e riqueza en Galiza” e denunciou o papel da Xunta “máis preocupada en dar saída ao negocio de Naturgy que no futuro dos postos de traballo neste sector”. Unha Xunta á que acusou de estar “só preocupada por satisfacer os fondos de investimento para que implanten mellor o seu negocio aínda que isto signifique destrución de emprego, emigración e espolio dos nosos recursos, con gran dano ambiental”.

Volver