• Nova

Máis dun milleiro de traballadores e traballadoras do metal maniféstanse na Coruña en demanda dun convenio digno

Denuncian as manobras da patronal para dilatar as negociacións e manter conxeladas as condicións do persoal
A Coruña - 15 Xan 2022

Máis dun milleiro de traballadores e traballadoras do metal da provincia da Coruña manifestáronse este sábado polas rúas da cidade herculina en demanda dun convenio digno para o sector, cuxa negociación leva dous anos estancada, mentres o persoal perde poder adquisitivo e sufre unha merma dos seus dereitos. A marcha, convocada pola CIG-Industria, saíu da Praza de Vigo e rematou diante da sede da patronal coruñesa, onde dous traballadores deron lectura a un manifesto reivindicativo.

Con esta mobilización, a CIG-Industria quere denunciar as manobras da patronal para dilatar indefinidamente as negociacións e manter así conxeladas as condicións laborais e salariais do persoal "que cada día que pasa se empobrece máis e máis". Sinalan que a patronal tamén puña como pretexto para estender as negociacións a inminente aprobación da nova reforma laboral e os cambios normativos que podía traer esta consigo.

Pero, "a cacarexada derrogación reforma laboral non foi tal e o texto aprobado polo goberno español é unha nova contrarreforma laboral que non permite a recuperación dos dereitos roubados, nin supón ningún avance para os traballadores e traballadoras do metal, nin para o conxunto da clase obreira". Por este motivo, a CIG xa ten convocadas mobilizacións en todas as comarcas para o domingo 30 de xaneiro, en rexeitamento á fraude que supón o RD/Lei 32/2021 e para esixir a derrogación íntegra e real das reformas impostas dende o ano 2010.  

A patronal pretende recortar dereitos

Precisamente, na reunión do pasado xoves, a patronal do metal, "intentando aproveitar a infame reforma laboral elaborada entre o Goberno de PSOE-Unidas Podemos, os sindicatos españois e a patronal, quixo bloquear as reunións da mesa do convenio, facendo unha interpretación malintencionada e trapalleira, querendo abocarnos a unha mediación e frear desta maneira as mobilizacións do sector".

Porque, advirte a CIG-Industria, lonxe de abordar os temas máis importantes que se formulan desde as centrais sindicais, a patronal pretende recortar os dereitos fundamentais que están recollidos no convenio, "intentando trasladar ao convenio os aspectos máis lesivos da reforma laboral de 2012, que foron ratificados pola reforma de 2021".

Fronte a estas pretensións empresariais, a CIG continuará reivindicando en cada unha das reunións "a vixencia da nosa plataforma, elaborada, como así sempre o fixemos, en asembleas coa participación do conxunto dos traballadores e traballadoras do sector".

Plataforma na que se reclaman melloras económicas, pero tamén todos aqueles aspectos polos que o metal saíu á rúa e secundou varias xornadas de folga no ano 2017 e que quedaron sen plasmar no convenio.

Atallar a precariedade no sector

Así, demándase que se recollan dunha vez por todas unha serie de medidas destinadas a reducir a precariedade instalada neste sector, a comezar polo recoñecemento do dereito á subrogación para todo o persoal; e que o convenio colectivo recolla limitacións á contratación a través de ETT e restricións para a subcontratación, xa que estas dúas vías son utilizadas polas empresas para precarizar as condicións laborais e salariais e incrementar os beneficios a conta de explotar os traballadores e traballadoras.

Xunto a isto, reivindícase o acceso ao cobro do plus de perigosidade, toxicidade e penosidade para todo o persoal, poñer freo aos abusos das mutuas, recuperar a cláusula de revisión salarial con efectos de 1 de xaneiro e non polo sistema de cruce imposto pola patronal, reducir a xornada máxima anual, igualar os permisos retribuídos por cosanguinidade e afinade, e a creación dun complemento salarial digno para o persoal que ten que desprazarse ao estranxeiro.

"Merecemos un convenio digno e non podemos agardar máis. Temos que poñer fin a esta situación e non podemos facelo sen saír a rúa para defender o noso convenio, é por iso que desde esta manifestación de hoxe, facemos unha vez máis un chamamento ao conxunto á unidade dos traballadores e traballadoras do metal, e as centrais sindicais a sumarse á vía da mobilización e acordar un calendario de accións conxuntas para poñer fin a esta parálise que só beneficia á patronal", concluíron.