Traballadores/as de Tragsa en folga concéntranse diante do Parlamento e reclaman a readmisión dos despedidos/as

A empresa pública rescindiu o contrato a 84 empregados/as en Galiza, sendo a comunidade máis afectada polo ERE

A Coruña -

Traballadores e traballadoras de Tragsa están a desenvolver este martes unha xornada de folga en contra dos 84 despedimentos aplicados pola empresa en Galiza ao amparo dun ERE que consideran inxusto e fraudulento. Coincidindo co paro, que no noso país rexistra un seguimento maioritario, o persoal desenvolveu unha concentración diante do Parlamento en demanda da readmisión dos/as compañeiros/as despedidos/as.

A empresa pública despediu en Galiza a 77 persoas e a outras 7 na súa filial Tragsatec. En total, apunta Eduardo Sebio, Secretario Comarcal da CIG-Construción de Compostela, dos 307 despedimentos que Tragsa executou en todo o estado, 84 foron no noso país, polo que a aplicación do ERE "tivo máis incidencia en Galiza que en ningunha outra comunidade do estado".

A este respecto, Antonio Ferreño, representante da CIG na empresa, apunta que “descoñecemos a que se debe este feito diferencial” máis tendo en conta que “segundo os datos económicos, a empresa pecha o 2015 en Galiza con beneficios e ademais xerouse o 80% de excedente”.

TRAGSA anunciou recentemente que paralizaba o procese de ERE que foi validado polo Supremo nunha sentenza de 2015 que botaba abaixo a da Audiencia Nacional. Ferreño explica que a empresa tiña autorización para executar ata 1.336 despedimentos en todo o Estado. “Polo momento efectuou 555 pero en calquera momento podería continuar ata chegar a esa cantidade total se así o quixera. Ademais xa anunciou que, de cara ao futuro, non descarta que eses despedimentos puideran realizarse por centros de traballo concretos”.

Sebio subliña que, en todo caso, xa hai 84 traballadores/as na rúa ao amparo dese expediente de regulación de emprego. Por iso, na concentración diante do Pazo do Hórreo, o persoal solicitaba este martes a readmisión de todos os compañeiros e compañeiras despedidas “mediante un ERE formulado en 2013 e aprobado polo Tribunal Supremo en decembro de 2015”.

Ferreño lembra que están pendentes de que os chamen para celebrar un acto de mediación no Consello Galego de Relacións Laborais e agarda que non se intente considerar como tal a xuntanza prevista co Secretario Xeral de Emprego para este venres.

Dende a CIG denúnciase que a empresa está a destruír emprego fixo que pasa a cubrirse con traballadores/as con contratos temporais e mediante subcontratas, “sendo polo tanto o único obxectivo precarizar os postos de traballo existentes”, apunta Sebio.

Neste sentido, Antonio Ferreño manifesta que xa hai en moitos lugares de traballo onde os actuais cadros de persoal non son operativos por falta de traballadores/as que, casualmente foron despedidos/as neste proceso.

Nova xornada de folga o 3 de febreiro

Para Ferreño é moi satisfactoria a participación maioritaria do persoal indefinido nesta convocatoria de folga e máis que mesmo se sumara, por solidariedade e malia os riscos que para a súa continuidade na empresa ten, algún persoal eventual. Con todo, quen si foi traballar foi o persoal directivo, sobre o que Eduardo Sebio pon o acento polos seus avultados salarios e por ter sido “nomeado a dedo polo goberno, mentres se despide aos traballadores coa única finalidade de empeorar as súas condicións laborais”.

Para o vindeiro día 3 de febreiro está convocada unha nova xornada de folga e agardan que entrementres a Xunta medie para que se lle dea unha solución ao conflito.

Un ERE executado en 2015 pero coa xustificación económica das contas de 2013

Hai que lembrar que Tragsa puxo en marcha este expediente en 2013, baseándose en que por primeira vez na súa historia tiña perdas económicas. O ERE supuña destruír 1.336 empregos en todo o estado, 103 en Galiza, co obxectivo, ao entender dos traballadores/as, de destruír emprego estábel, precarizar as condicións laborais e iniciar un proceso de contratación de persoal eventual en precario.

Tragsa comezou a aplicar o ERE, mais o persoal recorreu o expediente e a Audiencia Nacional declarouno nulo en abril de 2014, ordenando a reincorporación dos traballadores/as xa despedidos/as (arredor de 200 até aquel momento). Porén, a empresa recorreu a resolución no Tribunal Supremo que, en contra do ditame da Audiencia, entendeu que o expediente está axustado a dereito.

Para a representación do persoal este ERE é unha fraude, pois a situación actual no Grupo Tragsa nada ten a ver coa existente en 2013. De feito do ano 2014 ao 2015 pasouse dunha facturación de 421 a 660 millóns de euros, volvendo obter beneficios. Ademais, o pasado ano contratáronse máis de 1.100 traballadores/as eventuais, sumando un total de 4.500 en todo o Estado,

Nova anterior

Volver