Traballar máis por menos: o capitalismo no Estado español

Fernando Luengo - 19 Set 2019

Estamos a asistir a unha profunda degradación das condicións de vida da maioría dos traballadores e traballadores, das relacións laborais e os espazos de negociación colectiva, reflexo dun profundo cambio nas relacións de poder en beneficio do capital e as elites empresariais

 Segundo o Instituto Nacional de Estatística (INE), o número total de horas extraordinarias realizadas na semana ao longo do segundo trimestre do ano en curso ascende a algo máis de 6 millóns, das cales o 52% foron pagas, mentres que o 48% restante non recibiron ningunha retribución. De se comparar este dato co do mesmo trimestre de 2018, a cifra total reduciuse nun 12%; redución que, sobre todo, corresponde ás pagas, un 19%. Chégase á mesma conclusión cando se relacionan os dous trimestres deste ano cos de 2018.

 Unha evolución sen dúbida positiva, se cadra influída pola recente aprobación por parte do goberno socialista dun decreto que obriga as empresas a rexistraren a xornada laboral e a gardaren ese rexistro durante 4 anos. En todo caso, máis aló da conxuntura, é ben salientar que, con certas flutuacións, o volume de horas extraordinarias, das dúas modalidades, mantívose en niveis elevados. Téñase en conta, polo demais, que o dato das non pagas é unha aproximación de trazo groso da realidade, que, con toda seguridade, é moito peor; ante a ameaza e a posibilidade certa de despedimento, moitos traballadores non teñen outra alternativa que se someteren a este atraco.

 Traballar máis cantidade de horas, no caso das horas extraordinarias non retribuídas, polo mesmo salario significa, en termos reais, unha redución substancial deste. En canto ás pagas, habería que saber, e o INE non fornece información respecto diso, cantas desas horas se aboan ao salario normal, sen que exista o plus que corresponde ao seu carácter extraordinario.

 Prolongación da xornada e máis intensidade na realización das tarefas e no cumprimento dos obxectivos establecidos pola empresa, a través do aumento dos ritmos de traballo e da redución ou eliminación dos tempos mortos. O European Working Conditions Survey de 2015 (elaborado pola European Foundation for the Improvement of Living and Working Conditions) sinala, respecto diso, que máis do 60% das persoas preguntadas declaran realizar o seu traballo a un ritmo elevado e traballar con prazos moi axustados.

 Así e todo, a economía española xerou nos últimos anos un bo número de postos de traballo, preto de 2 millóns entre 2014 e 2018, o que supón un crecemento acumulado no período do 12%. Pero a precarización imponse e gana terreo. A suma dos contratos temporais e a tempo parcial superou amplamente neste último ano os 7 millóns, o que supón o 37% do emprego total. Medraron, moi especialmente, os primeiros, en 2,8 puntos porcentuais. Destaca, así mesmo, que unha parte importante da contratación a tempo parcial (o 56% en 2018) era involuntaria, o que significa que os traballadores afectados desexarían traballar máis horas.

 Nese período, 2014-2018, a compensación real por empregado -nun contexto de crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) e de acelerada creación de emprego; é dicir, nun escenario onde parecería lóxico que aumentasen os salarios dos traballadores- retrocederon como termo medio, segundo a Oficina Estatística Europea (Eurostat), un 1,5%, co resultado de que o seu peso na renda nacional diminuíu nun punto porcentual. Non é, pois, de estrañar que a porcentaxe de traballadores pobres continúe o seu crecemento; atopábase nesta situación en 2018 o 13% do emprego total. O INE informa que preto de 5 millóns de traballadores, o 30% do total, percibían en 2017 ingresos inferiores aos 1.200 euros mensuais, máis de 3 millóns, o 20%, non chegaban aos 1.000 euros, e 1,6 millóns, o decil inferior, gañaban menos de 500 euros.

 Está dinámica puido contribuír a mellorar as contas de resultados das empresas a curto prazo, pero ten custos moi elevados. Supón unha importante mingua de capacidade recadatoria, especialmente prexudicial para as contas da seguridade social e o sostemento do sistema público de pensións; lastra a creación de emprego decente e de calidade; dá por boas as prácticas empresariais máis conservadoras baseadas na sobreexplotación da forza de traballo; fai moi difícil compatibilizar os traballos de coidados e abordar proxectos persoais de vida; e explica o avance de diversas patoloxías, con orixe no estrés laboral.

 Estamos a asistir, en consecuencia, a unha profunda degradación das condicións de vida da maioría dos traballadores, as relacións laborais e os espazos de negociación colectiva, reflexo dun profundo cambio nas relacións de poder en beneficio do capital e as elites empresariais. Todo un símbolo dun capitalismo e un proceso de acumulación crecentemente depredadores e extractivos que veu para ficar. Nun contexto de débil e insuficiente crecemento do PIB e de avances moderados na produtividade do traballo, imponse a confiscación de renda, riqueza e recursos. É nesta perspectiva, en clave de economía política, onde mellor se entende o panorama laboral que xorde da crise.

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 15  de setembro de 2019]