Transformemos a indignación

Fermín Paz Lamigueiro - 13 Mai 2020

Un asunto rechamante da globalización é que a vida esixe un estado de alerta permanente pola sensación de que algo importante pode ocorrernos en calquera momento. Pero, cando as campás soaron, xa era tarde e o repenique só transmitiu confusión. No mellor dos casos fixéronnos chegar noticias de algo moi afastado, difuso, falto da necesaria información e divulgación científica do que supón unha pandemia.

Ao principio, seguimos coas nosas rutinas, convencidos de que a mundialización do virus non chegaría á nosa xurisdición e, de facelo, non teriamos de que preocuparnos. Este convencemento foi acentuado polos campaneiros responsables, que minimizaron o risco  e posiblemente calaron o que lles pareceu conveniente por subordinar a nosa saúde e moito máis aos seus intereses de conxuntura e ás previsións da axenda política. Decatámonos da nosa vulnerabilidades e dunha cantas cousiñas máis.

Seguramente por todo iso, a pandemia déixanos tremelicando ás portas do verán.

O que nos sucede á maioría das persoas en realidade prodúcese no ámbito familiar ou local con bastantes episodios de solidariedade e moi poucas oportunidades, aínda que algúns sosteñan que nas crises sempre aparecen (para os de sempre, engado eu).

A cantidade de noticias en circulación é calquera cousa menos información, mais permite a ficción de espallarnos polo mundo coa mesma facilidade e tranquilidade que o facemos  na poltrona da casa. De feito, falamos dabondo pero só con coñecemento aparente tanto do que sucede en Ribadeume, como en Wuhan, Nouadhibou, Mazeres Sur Salat ou Waikato, e o máis sorprendente é que o facemos cunha naturalidade esmagante, aínda que case sempre "toquemos de oído".

En poucas palabras, falamos moito e sen filtros. Non facemos esforzo por informamos debidamente e consecuentemente estamos a mercé da manipulación tanto da que vén de acó como de acolá. Esta é unha proba evidente da nosa indefensión como individuos libres e manexados por intereses contrarios ao que somos.

Pero o que manda carallo é o que esta a facerse desde o cuarto poder, o dos medios de comunicación. Aproveitando a crise da Covid-19, neste asunto de aparencia neutral desde unha perspectiva ideolóxica e da veracidade na información,  a propiedade dos grandes grupos mediáticos  nas mans de banqueiros-empresarios decidiron utilizar os seus xornais, as súas radios e as súas canles de televisión, na tendencia máis perversa da manipulación ao mesturar información, trolas e todo tipo de especulacións e chismes. As redes sociais son outra boa probatoria desta maldade. Por este camiño, é a liberdade quen vai mutando pouco a pouco e poida que remate convertida nunha peza de museo.

A cuestión non ten moita solución hoxe. Unha parte do xornalismo está ao servizo da liña editorial que impón a propiedade e a outra (os  falabarato), tratan de contaxiarnos da súa mediocridade, ousadía e idiotez.  Hai que tentar pensar por nós propios sen deixarnos influenciar (na medida do posible) por todas as condicións  e condicionantes nas que temos que desenvolvernos. A liberdade tamén é iso. A miña sensación  é que todos somos especialistas na queixa pero pouco dados ao xuízo crítico e autocrítico.

Desde o golpe militar do 1936, ningún acontecemento tivo unha afectación  tan importante na nosa realidade. De súpeto, fomos sorprendidos e todo cambiou, menos os campaneiros que seguen coas súas badaladas da "alarma de Estado".

Agora estamos inmersos nun aluvión de temores polo que nos vén encima e presupoñemos que imos vivir peor. A tristeza e outros sentimentos invádenos e na medida que vaiamos enfrontándonos ás  consecuencias do desastre seranos moi difícil disimular xa que as emocións non se poden conxelar.

Ante a adversidade, paralizámonos ou  ben comportámonos como se asumísemos a apocalipses e  de xeito sarcástico pronunciamos frases lapidarias: "se hai que morrer, mórrese". Pero en realidade, todo o mundo se agarra á vida. Moito coidado con crer que a situación na que nos atopamos é así por culpa nosa, é dicir, que somos os responsables das nosas desgrazas. Esta manipulación ten un obxectivo: minarnos para o exercicio de resistencia ou revolta xa que as persoas que tenden a culpabilizarse deste xeito, caerán na pasividade e favorecerán a aparición doutras complicacións como os  estados depresivos ou de ansiedade.

Quizais a actitude máis conveniente para enfrontar o futuro sería transformar a nosa indignación en organización para loitar pola nosa liberdade e por unha vida digna, nunha patria ceibe e dos traballadores.

Fagamos ese cambio!

Temos poesía na nosa sangue

A máis poderosa forza

para combater

A inxustiza social

[Galiza, a 13 de maio de 2020]