Trasladan a 6 coidadoras de educación para a residencia de maiores do Barco onde 20 traballadoras e uns 100 residentes deron positivo

CIG-Administración Autonómica denuncia que non se lles deu formación preventiva algunha
Ourense - 14 Abr 2020

A CIG-Administración Autonómica vén de presentar denuncia perante a Inspección de Traballo e da Seguridade Social de Ourense, logo de Política Social chamar para traballar na residencia de maiores “Nuestra Señora de Fátima”, do Barco de Valdeorras, a 6 auxiliares coidadoras de centros educativos, sen ningunha experiencia nin formación previa en atención a maiores, ás que non proporcionou formación en prevención de riscos laborais, para traballar en plantas de residentes infectados/as por coronavirus.

Segundo explica a responsable nacional do sector da Autonómica, Zeltia Burgos, a residencia de maiores “Nuestra Señora de Fátima” está xestionada pola Xunta de Galiza tras a súa intervención, logo de que apareceran un centenar de positivos en residentes e en máis de 20 en persoas traballadoras desta entidade privada.

Burgos lembra que a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Función Publica, comezou a facer chamamentos ao persoal da Consellería de Educación dende o mércores 7 de abril de 2020. “O xoves 8 comezan a traballar nesta residencia privada 6 auxiliares coidadoras de centros educativos, 3 en quenda de maña e outros 3 en quenda de tarde”.

Mantense a mesma dirección do centro

A responsábel da CIG-Autonómica denuncia ademais que a dirección e o resto do persoal que queda no centro é o mesmo, sen que se cambiase a dirección da empresa, nin se interviñese, de xeito práctico, a residencia por parte de Política Social máis que co traslado de seis compañeiras de educación.

“A dirección do centro é a mesma da empresa privada e a responsable do centenar de contaxiados que motivou a suposta intervención da Xunta polo que é cuestionable que poda ser a persoa responsable e encargada da aplicación das medidas de prevención de riscos laborais, se as hai”, subliña.

Sen formación en prevención

Zeltia Burgos apunta ademais que segundo indicaron varias das traballadoras, á súa chegada no centro recibiron un pixama e EPI “con apenas 5 minutos de presentación sen explicación da súa colocación, atendendo ao protocolo, nin formación específica das tarefas a realizar e, moito menos, formación ou información a nivel de prevención de riscos laborais, nin específica perante o risco de contaxio do coronavirus. Por iso demanda que haxa un control que audite que o EPIs e os protocolos de traballo son os axeitados.

Burgos denuncia tamén que “nin se lles indicou necesidade de ducha a entrada e saída” e que non hai zona delimitada de limpo e sucio ou mesmo de zona libre e contaxiada.

Ademais advirte que non se lle fixo tests ao persoal da Xunta polo que “non sabemos se poden ser fonte de contaxio ou poden traelo cara os seus fogares” e que tampouco se realizou nin se prevé un “confinamento” como se fai noutros centros de positivos da Xunta.

Unha planta de persoas infectadas para cada unha

A responsábel da CIG-Autonómica explica que o persoal foi separado ao chegar e asignóuselle unha planta de infectados a cada unha “para facer funcións de auxiliar de clínica ou sericultora”, cando “dúas delas nin sequera teñen formación clínica, pois todas son auxiliares coidadoras de escolas e non se lle esixe esa titulación”. Como tampouco teñen experiencia nos labores que se lles encargan e “non se lle indicou nin informou das actuacións preventivas que tiñan que facer para non contaxiarse nin estender o virus”.

Xunto a isto Burgos denuncia que as organizacións sindicais non foron informadas da intervención deste centro por parte da Consellería de Política Social ou da dirección xeral de Función Publica, do chamamento do persoal, das súas condicións laborais con horario e xornada, nin do plan de prevención de riscos laborais e ante o covid 19, de telo.

Persoal trasladado sen alternativa residencial

Zeltia Burgos apunta que tampouco se informou da duración temporal ao persoal deste traslado a máis dunha hora do seu centro habitual e domicilio, non se lle ofertou por parte da consellería hotel ou outro lugar para quedar, xantar, etc. “Unicamente a dúas delas por imposibilidade de transporte quedan como favor na habitación dun residente infectado que foi trasladado ao centro residencial medico habilitado en Piñor, Ourense. As súas pertenzas seguen no cuarto”.

Burgos alerta de que “ao non ofertarse sequera hotel para durmir, auméntase o risco de espallar o virus trasladándose cada día dende O Barco a Ourense”. Por iso demanda da Xunta unha inmediata solución a esta situación.