Treves Pontevedra asina un novo convenio colectivo que mellora as condicións laborais e garante o emprego

A CIG insta a Citroën e Xunta a lograr novos proxectos máis alá de 2023
Pontevedra - 28 Xan 2020

O comité de empresa de Treves Pontevedra, empresa auxiliar da automoción con sede no polígono do Campiño, asinou onte o preacordo de convenio colectivo aprobado en asemblea polo cadro de persoal que contempla unha mellora das condicións laborais e garante o emprego até 2023. Dende a CIG instan tanto a Citroën como á Xunta a lograr novos proxectos máis alá desa data para que a compañía poida manter o actual número de traballadores/as.

A representación sindical de Treves (6 delegados/as da CIG, 2 da UGT e 1 de CCOO) foi quen de pactar un novo convenio con vixencia 2019-2021 e que incorpora o plan industrial da empresa até 2023, polo que se garanten os 150 empregos actuais. O acordo foi posíbel tras un ano de negociacións e o documento ratificouse por 60 votos a favor, 5 en contra e 4 abstencións na asemblea celebrada en Pontevedra este sábado.

Deste xeito, no texto figuran os proxectos que a empresa -dedicada á fabricación de interiores- se compromete a traer a Pontevedra dende outras plantas do grupo, como o P24 de Citroën, o Wolkswagen Terror de Portugal, o Polo Cup de Wolkswagen Nafarroa, e o Opel Corsa de Zaragoza.

“Pero o problema ímolo ter máis alá de 2023 cando se deixe de fabricar o Citroën C4 Picasso”, sinala o presidente do comité, David Couñago, da CIG, xa que a partir de entón “imos ter exceso de cadro de persoal por falta de carga de traballo”.

Por iso insta tanto a Citroën, principal cliente de Treves, como á Xunta a garantir proxectos que permitan manter o nivel de emprego. “Núñez Feijóo ten que ter claro que crear postos de traballo en Galiza non significa quitarllos a Pontevedra e levalos para Ourense, como está a acontecer coa empresa Rieter, que recibiu subvencións públicas para instalarse no polígono da Rúa e está a asumir parte da nosa carga de traballo”. Por iso sinala que “150 empregos son tan importante alí como na comarca de Pontevedra”.

Melloras laborais

O convenio asinado onte contempla tamén distintas melloras nas condicións laborais, en concreto no fondo social e no seguro de vida e accidente, así como unha subida salarial media do 5%. O maior incremento dos soldos prodúcese nas categorías máis baixas, coa idea de ir igualando os salarios de xeito progresivo.

Ademais, a dirección aceptou a proposta da representación sindical para modernizar a fábrica coa instalacións de placas fotovoltaicas co obxectivo de mellorar a competitividade. Neste senso, o presidente do comité reclámalle á Xunta que aposte pola creación dunha Tarifa Eléctrica Galega -que a CIG leva anos demandando- que permita aumentar a competitividade das empresas do país mediante a redución dos custes enerxéticos “e non só optando polo abaratamento da man de obra”.

Couñago valora positivamente un acordo a nivel interno, xa que permite mellorar as condicións laborais e garante a paz social, pero a nivel externo insiste en que a Xunta e Citroën teñen que implicarse no futuro da empresa máis alá de 2023.