Trump asina a esquela mortuoria do libre comercio

Bernard Cassen -

Na conxuntura actual, particularmente marcada polo aumento de poder de China, Trump considera que as medidas proteccionistas servirán mellor aos intereses de Estados Unidos, mais está disposto a cambiar o rumbo da noite para a mañá en caso de necesidade

 Para os socios de Estados Unidos, os europeos en primeiro lugar, Donald Trump é un elemento perturbador que, como o ariete utilizado para derrubar murallas, vén embestir contra os seus dogmas máis sagrados. O choque é tan duro que os medios -e, en voz baixa, a maioría dos dirixentes- dubidan da saúde mental do multimillonario que se instalou na Casa Branca. A xeito de contribución á celebración do sesaxésimo aniversario do asinamento do Tratado de Roma (25 de marzo de 1957) que deu orixe ao que é hoxe a Unión Europea (UE), Trump mandou sepultar o seu fundamento máis importante: o libre comercio.

 Este aviso de defunción oficial foi proclamado os días 17 e 18 de marzo, con ocasión da cimeira de ministros de Economía do G20 que tivo lugar na estación termal alemá de Baden-Baden. Por orde do Presidente estadounidense, o secretario do Tesouro, Steven Mnuchin, mandou eliminar do comunicado final da reunión o compromiso de “loitar contra todas as formas de proteccionismo”. Este precepto era, no entanto, unha fórmula ritual, sempre copiada e pegada dunha cimeira a outra.

 Pouco importa que, nun ou outro momento da historia recente, a maioría dos Estados asinantes se tomasen certas liberdades co libre comercio: este seguía sendo o alicerce ideolóxico da orde económica mundial. Cuestionalo significa debilitar a lexitimidade das institucións do que podemos chamar a Internacional liberal: o Fondo Monetario Internacional (FMI), o Banco Mundial, a Organización Mundial do Comercio (OMC), a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE), coa UE como vítima colateral.

 Con Donald Trump, presenciamos así o regreso do Estado na regulación dos intercambios internacionais. Unha verdadeira herexía para a maioría dos actores económicos e políticos do planeta. Como explicar esta viraxe de 180 graos do novo Presidente estadounidense con relación aos seus predecesores en materia de comercio? A resposta resúmese en dúas palabras que pronuncia constantemente: America First.

 Donald Trump, contrariamente aos dirixentes europeos e á Comisión, non se complica con referencias teóricas: non está nin a favor nin en contra do libre comercio ou do proteccionismo. Todo depende do momento e do contexto. Na conxuntura actual, particularmente marcada polo aumento de poder de China, considera que as medidas proteccionistas servirán mellor aos intereses de Estados Unidos, mais está disposto a cambiar o rumbo da noite para a mañá en caso de necesidade.

 Lonxe de ser un outsider, Donald Trump inscríbese nunha longa tradición estadounidense de pragmatismo moi ben descrita por Ulysses Grant, presidente de Estados Unidos de 1869 a 1877: “Durante séculos, Inglaterra apoiouse na protección, practicouna até os seus límites máis extremos, e obtivo resultados satisfactorios. Dous séculos despois, atopou vantaxoso adoptar o libre comercio, pois entende que a protección non ten máis nada que lle ofrecer. De acordo, señores, o coñecemento que teño do noso país lévame a pensar que, en menos de douscentos anos, cando Estados Unidos saque da protección todo o que esta pode darlle, tamén adoptará o libre mercado”.

 Despois da Segunda Guerra Mundial, Estados Unidos impuxo directa ou indirectamente o dogma do libre comercio á parte do mundo que controlaba. Os tratados europeos son un produto puro desta lóxica. Pero os tempos cambiaron e, para Washington, a liña oficial é, de agora en diante, o proteccionismo. Até o próximo cambio de rumbo, cando as circunstancias o esixan? Paralizada por esas certezas case relixiosas, a UE observa pasivamente este vaivén, así como as vacas miran pasar os trens…

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 6 de abril de 2017]

 

Volver