Trump: outros tratados de comercio e investimento para outro capitalismo

Gonzalo Fernández Ortiz de Zárate e Juan Hernández Zubizarreta -

Trump non promove unha estratexia anti-tratados, senón unicamente en favor daqueles que mellor se adapten a un capitalismo en crise e a unha guerra económica entre bloques. Trátase así de favorecer o comercio e investimento internacional, pero desde unha perspectiva diferente

Trump abalou o debate sobre os tratados de comercio e investimento, situándose aparentemente en contra destes. Nesa chave pódese entender o conxelamento do tratado con Europa (TTIP) así como a súa saída do acordo do Pacífico (TPP). Malia iso, mantemos que Trump segue sendo un fiel defensor destes, pero desde outras claves. Así, apostaría por que cada Estado defenda os seus propios capitais -e non o capital en xeral- nun momento crítico no que prima a guerra entre bloques por riba dun mercado global multilateral.

 Trump parte entón de que o capitalismo universalista hexemónico desde a segunda guerra mundial está fondamente deslexitimado. Este defendeu un mercado global único e autorregulado, seguro para o comercio e os investimentos das grandes corporacións, baixo un relato de respecto da democracia, os dereitos humanos e a diversidade. A nova vaga de tratados inscríbese nesta lóxica, que cada vez máis se visualiza como unha proposta que só favorece uns poucos, xerando non só exclusión e desigualdade de xeito estrutural, senón tamén amputando as capacidades dos diferentes capitais para aproveitar ao máximo a captura dunha ganancia en retroceso debido á crise.

 Trump postulouse así como un candidato enfrontado ás elites beneficiadas pola globalización neoliberal e o capitalismo universalista, e defende a recuperación o papel de potencia mundial de EEUU, a reversión dos seus grandes desbalances macroeconómicos, así como o inicio dunha nova versión de certa alianza interclasista a partir da recuperación do mercado interno, o investimento e o emprego. Sitúa a progresía do Partido Demócrata -e algúns movementos sociais máis preocupados polo recoñecemento que pola redistribución e alianza popular- no bando universalista e neoliberal, e constrúe unha base política que axunta capitais e sectores populares diversos -agredidos pola globalización-, que nin moito menos está conformado unicamente polo precariado branco do centro do país.

 Baixo esta premisa Trump traza as liñas mestras da súa axenda, estruturada en torno ao lema América First (América primeiro), que se concreta en tres grandes fitos:

  1. Guerra económica. Trump entende que a guerra económica contra os bloques competidores de EEUU (China e UE) é a mellor vía para defender os seus capitais e alcanzar as súas metas. Para iso promove un programa económico sostido en primeiro lugar nunha desregulación fiscal e financeira interna, que mellore a posición das súas empresas e que xere diñeiro especulativo co que financiar o seu orzamento, sen depender tanto da compra de débeda pública por parte de China. En segundo termo, defende o aumento dos aranceis para os produtos provenientes da UE e China, favorecendo así a certos sectores especialmente castigados polas importacións; terceiro, aposta por relocalizar fases do proceso industrial dentro do país que xeren novo investimento e emprego; cuarto, impúlsase un aumento significativo do gasto público como motor de emprego e o investimento en cuestións estratéxicas e vinculadas á guerra de bloques -infraestruturas, exército, policía-, mentres que se reduce noutras -nomeadamente en saúde-, financiado como dicimos con novo diñeiro especulativo.

 En definitiva Trump, máis aló da retórica anti-elites, promove unha desregulación financeira e fiscal en favor das devanditas elites, cuxa posición espera mellorar mediante políticas activas comerciais, industriais e de gasto público que revertan a dependencia exterior. Baixo esta premisa confía en que a devandita mellora teña impactos positivos en termos de investimento e emprego -sostendo así a súa base popular e a súa proposta de pacto interclasista-, e que á súa vez reverta os desbalances estruturais.

  1. Guerra entre pobres. A lexitimidade dun proxecto elitista pero pretendidamente anti-elites só se sostén encirrando a disputa entre sectores populares de diferentes países. Do mesmo xeito que nos anos 30, esta é a vía para agochar a responsabilidade do capital na crise, derivando esta nos outros. Así, e máis aló dos responsábeis do capitalismo universalista, sinálase co dedo de xeito moi especial os migrantes ilegais -fenómeno directamente vinculado ao neoliberalismo- e o terrorismo, concepto vago no que destaca o árabe e musulmán. Deste xeito o dedo non sinala os ricos senón os pobres, fomentando a división entre estes e agochando as verdadeiras razóns da lameira actual. Trataríase de impulsar unha sociedade que, en palabras de Boaventura de Sousa Santos, combinase fascismo social e certo pluralismo político.
  2. Unilateralismo internacional: o corolario internacional da axenda de Trump condénsase na súa negativa a que EEUU pague a factura do proxecto universalista, favorecendo á súa vez a posición global dos seus capitais. Recordemos que a UE e China son os dous grandes inimigos a bater, cos que EEUU ten un desbalance estrutural. Deste xeito, Trump propón unha volta a unha lóxica de potencia mundial, que actúa de xeito unilateral nun contexto de guerra de bloques. Isto supón, en primeiro lugar, unha ofensiva contra a engrenaxe multilateral social e ambiental de Nacións Unidas, facendo saltar polo aire acordos como os do cambio climático; en segundo termo, propugna de xeito nítido unha xeopolítica baseada no control de recursos naturais, así como na lóxica de alianzas da guerra fría, con posíbeis implicacións militaristas -América latina como patio traseiro, recuperación do papel de Israel en Oriente Medio, etc.-. Para rematar, e aprendendo da experiencia chinesa en comercio e investimento internacional -baseada en negociacións bilaterais, sen necesidade de tratados e facendo valer o seu peso específico-, defende o non asinamento dos grandes acordos nas condicións actuais, xa que iso supoñería cesión e perda para o conxunto de capitais norteamericanos, que obterían mellores resultados en negociacións bilaterais e asimétricas, aproveitando o papel de EEUU como potencia.

 En definitiva, Trump avoga por redeseñar os tratados rexionais historicamente asinados -como o vixente con México e Canadá-; saír dos recentemente aprobados dentro da nova vaga -como o Transpacífico, TPP-; meter no conxelador os que estaban en negociación -como o TTIP, dándolle un novo enfoque conforme a un intento de novo pacto bilateral con Alemaña que posteriormente se imporía ao conxunto do continente, ou como o TISA, en función dunha nova negociación cuxo fin parece previsto para 2017-; e mesmo asinar novos tratados bilaterais (caso do Reino Unido tras o Brexit) para deste xeito, por esta cuádrupla vía, alcanzar unha mellor posición negociadora para os capitais nacionais.

 Trump non promove, xa que logo, unha estratexia anti-tratados, senón unicamente en favor daqueles que mellor se adapten a un capitalismo en crise e a unha guerra económica entre bloques. Trátase así de favorecer o comercio e investimento internacional, pero desde unha perspectiva diferente. No seu conxunto, Trump defende unha axenda explicitamente violenta, excluínte, non sabemos até que punto viábel, pero en todo caso moi perigosa. Afonda neste sentido no fascismo social, e mesmo nos sitúa ante un novo crash financeiro como o de 2008, froito da desregulación financeira que promove. Porén, o capitalismo universalista convertido en feudalismo global non nos ofrece un futuro máis esperanzador, e carece tamén resposta ante o colapso ecolóxico e a dominación múltiple que sofren de xeito asimétrico mulleres, homes e pobos.

 Por iso, sexa unha ou outra a axenda que impere, é crucial que as esquerdas impulsen relatos e axendas emancipadoras propias, situadas lonxe da trampa á que nos aboca a estreita marxe política que parece imporse entre proteccionismo -encarnado en Trump- e librecambismo -ironicamente representado pola UE e China-, entre un capitalismo ou outro. Ambos non son senón as dúas caras dunha mesma moeda, non caiamos na trampa.

 

[Artigo tirado do xornal vasco Gara, do 30 de abril de 2017]

 

Volver