Trumpxit, Brexit: o soberanismo neoliberal

Albert Recio Andreu -

Defender a economía nacional é, xa que logo, un exercicio que debe combinar tanto o fortalecemento da propia estrutura como un exercicio de navegación complexa no contexto das relacións internacionais

I

 Estados Unidos e Reino Unido (os seus gobernos de dereitas) acaban de realizar un verdadeiro exercicio de soberanía nacional. O primeiro, decretando o abandono unilateral dos compromisos de redución de emisións e as normas de cesión de datos entre empresas. O segundo, pedindo oficialmente a saída da Unión Europea. Trátase, en ambos os casos, de decisións que teñen un impacto evidente -e fundamentalmente negativo- para o funcionamento da economía mundial e, sobre todo, para o benestar de millóns de persoas.

 Se o fan é porque teñen poder na esfera nacional e confían que os custos, polo menos a curto prazo, recaerán sobre o resto do planeta. Porque -e isto é o que me parece máis relevante- confían en que, máis aló do ruído mediático e algunhas críticas mordaces (especialmente de políticos europeos), gran parte das sancións quedarán en pouca cousa. No caso de Estados Unidos isto parece obvio; as regras que infrinxe non afectan ao núcleo das regulacións económicas, nin existe mecanismo formal delimitado para o castigar polas súas maldades. No caso británico a cousa é máis complexa, e seguramente o papel fundamental terao a City e a súa rede de aliados no sistema financeiro internacional, que poden actuar como lobby para que ao final o Brexit se acabe convertendo nun acordo de libre comercio que deixa fóra do control europeo cuestións chave para a dereita británica (á fin e ao cabo, Reino Unido xa gozaba de prerrogativas específicas no seo da UE, e eludira a integración no euro para protexer o seu macrocéfalo sector financeiro).

 É un exercicio de soberanía só ao alcance de nacións poderosas no contexto internacional. Outra cousa é que as súas decisións poden xerar efectos imprevistos polos seus autores e poida que estoupen nos seus fociños. Pero, en todo caso, as posibilidades de implementar decisións unilaterais están directamente correlacionadas co poder de cada país na esfera mundial.

II

 A cuestión crucial é, ao meu ver, a autonomía dos tratados económicos respecto dos aspectos sociais e ambientais da propia actividade económica. O fundamento deste desencaixe, ou a ideoloxía que o sustenta, está na teoría clásica do comercio internacional que establece que a produción mundial se maximiza se se establece plena liberdade de comercio entre territorios e cada país se especializa naquela actividade na que é, en termos relativos, máis eficiente. É certo que a teoría se refinou e se poden atopar moitas versións críticas, mais o substrato de ideas da vella teoría segue conformando as conviccións da maioría de economistas relevantes (os críticos hai anos que foron condenados ao ostracismo ou, como moito, a xogar nunha liga académica paralela).

 O modelo de base funciona con supostos realmente incríbeis, como o da competencia perfecta ou a idea de que a especialización nacional está asociada á existencia de dotacións diferentes de factores produtivos. O primeiro é simplemente unha andrómena. Como moito, un recurso heurístico para o traballo teórico, que malia a súa inadecuación para entender as economías reais segue gozando dun enorme prestixio na profesión. Sorprende, por exemplo, que autores como Stiglitz -tras realizar críticas detalladas de aspectos concretos do funcionamento dos mercados reais- acabe introducindo apuntamentos en favor de restablecer a competencia perfecta. O segundo -que a especialización nacional está asociada á existencia de dotacións diferentes de factores produtivos- podía xustificarse nos albores do capitalismo, pero non nunha era na que a mobilidade de persoas e capitais permite alterar con relativa facilidade as “dotacións” dos diferentes territorios.

 A crenza na bondade da competencia perfecta e o terror pola intromisión que poden realizar os axentes e institucións extra-mercantís (Estado, sindicatos ou calquera outro tipo de organización social) actúa como un cinto de seguridade que illa a esfera do intercambio comercial respecto das políticas sociais e ambientais. Ou, en todo caso, actúa como gran mecanismo de lexitimación dos intereses dos lobbys empresariais interesados en que nada interfira nos seus intereses crematísticos.

 Hai anos que os movementos sociais desenvolven unha loita desigual en contra desta política comercial e en favor de introducir outro tipo de controis aos movementos económicos internacionais. Non só nos tratados comerciais, senón en forma doutros moitos mecanismos reguladores. Isto é o que precisamente tratan de atallar tratados como o TTIP ou o CETA: pretenden garantir a total autonomía dos intereses empresariais na organización da actividade económica. E é evidente que só cunha regulación a escala planetaria se poden abordar axeitadamente cuestións como a do cambio climático, a garantía de dereitos sociais universais ou a eliminación dos paraísos fiscais.

 Pero, aínda que non existise tal regulación universal, poderíase polo menos esperar que os países afectados por decisións doutros estados -como ocorre coa decisión de Trump de eliminar os controis das emisións- aplicasen medidas comerciais ou doutro tipo fronte aos países que rompen acordos e xeran custos sociais ao resto. Pero precisamente isto é o que queda fóra do campo de posibilidades do marco económico actual, e facilita a impunidade dos países poderosos. Estadounidenses (e en menor medida británicos) practicaron un acto de soberanía porque saben que contan cunha posición de poder e un marco institucional que pode minimizar, polo menos a curto prazo, o custo da súa acción. É o tipo de soberanismo que permite un marco xeral neoliberal, un marco organizado a partir de dúas xerarquías de poder, a do gran capital sobre o conxunto da sociedade e o das nacións poderosas sobre o resto.

III

 En teoría, calquera estado soberano pode aplicar as medidas que queira. Esta é a convicción das xentes de esquerda que claman por romper a Unión Europea. Coido que perden de vista dúas cuestións básicas. Ou, polo menos, minimízanas. A primeira é que a capacidade de soberanía real non é o mesmo que a súa definición formal. A capacidade real depende da posición de poder do propio país con respecto á contorna, da súa posición, de como está configurado esta contorna.

 As posibilidades para que un país saia relativamente ileso dunha declaración de creba (é dicir, de non pagamento da débeda), por exemplo, dependen crucialmente da súa capacidade de supervivencia autónoma fronte aos acredores, e non só da maior afouteza do seu goberno. E isto vale para calquera cousa. Defender a economía nacional é, xa que logo, un exercicio que debe combinar tanto o fortalecemento da propia estrutura como un exercicio de navegación complexa no contexto das relacións internacionais. Sobre todo, cando o que se formula é a posibilidade de autonomía real que poden ter estados pequenos ou medianos para definir a súa propia política exterior.

 A segunda cuestión básica é máis importante, ao meu ver. Unha boa parte dos principais problemas que nos afectan teñen unha escala planetaria. Esixen cambios profundos nas regulacións a nivel internacional e nacional. Dada a desigualdade de poderes a escala internacional, estes cambios serán difíciles de conseguir se non se forzan certas modificacións nas nacións máis poderosas. E a única forma de conseguilo é xerando movementos a escala planetaria que avancen nesta dirección.

 Non se trata do vello internacionalismo de respecto ás políticas nacionais de partidos amigos, senón de xerar unha verdadeira rede internacional de loita por cambiar as lóxicas e os contidos das regulacións supranacionais. Algo que, de feito, xa están realizando moitos movementos sociais, pero que se debe producir tamén no plano da acción política. E neste sentido é no que me parece que o soberanismo democrático corre o perigo de ser máis un freo que un acicate ao cambio na correlación de forzas a escala planetaria. Ao Trumpxit habería que responderlle co boicoteo, non co sálvese quen poida.

 

[Artigo tirado do sitio web Mientras Tanto, núm. abril de 2017]

Volver