Ucraína: como e por que se fabricou a guerra?

Atilio A. Boron - 30 Mar 2022

A de Ucraína é unha guerra inmoralmente provocada por Estados Unidos e os seus aliados europeos. Sen reparar nos terríbeis custos humanos da guerra, que agora as potencias occidentais choran con bágoas de crocodilo, pecharon todas as opcións a Rusia, que, mesmo nun momento, chegou a propoñer iniciar conversas para entrar na OTAN

 Antes de ser elixido presidente dos Estados Unidos Dwight D. Eisenhower foi o primeiro Comandante da OTAN. En febreiro de 1951, poucos meses despois de asumir as súas funcións escribiu textualmente o seguinte: “Se en 10 anos todas as tropas americanas situadas en Europa co propósito de asegurar a defensa nacional non volveron aos Estados Unidos, daquela este proxecto, a OTAN, fracasaría”. As tropas non regresaron senón que a súa presenza en Europa non cesou de ir a máis. Non só iso senón que, unha vez desintegrada a Unión Soviética e contrariando as solemnes e ocas promesas dos principais líderes dos gobernos occidentais (Clinton, Bush, Obama, Helmut Kohl en Alemaá, Tony Blair no Reino Unido, etcétera) no sentido de que “a OTAN non se movería unha polgada cara ao Leste”, trasladaron materiais e efectivos até as fronteiras mesmas de Rusia. Como! Non era que o inimigo era a Unión Soviética e o comunismo? Non. O inimigo era, e é, Rusia, unha país demasiado extenso e poderoso cuxa sos presenza, sexa baixo un réxime comunista ou capitalista, é un atranco para os plans de dominación mundial (Chomsky dixit ) de Estados Unidos.

 Cando en 1997 Bill Clinton dá comezo á ampliación da OTAN a neta de Eisenhower, Susan, reuniu as sinaturas de 49 coñecidos especialistas (militares, diplomáticos e académicos) e publicou unha carta aberta o 26 de xuño dicindo que o “plan para expandir a OTAN é un erro político de proporcións históricas”. Susan tivo moi en conta a opinión que pouco antes -o 5 de febreiro nun artigo publicado no New York Times- expresara nada menos que George Kennan, o diplomático que co seu famoso “Long Telegram” do 22 de febreiro de 1946 enviado ao presidente Harry Truman (e asinado co pseudónimo de Mister X) fora o arquitecto da política da “contención” do expansionismo soviético que pouco despois daría lugar á creación da OTAN. Fondamente perturbado polas intencións de Clinton, Kennan escribiu nesa reflexión que “a expansión da OTAN sería o máis tráxico erro da política de Estados Unidos en toda a era da posguerra fría... porque impulsaría a política exterior de Rusia nunha dirección que decididamente non sería a que desexamos”. (https://www.nytimes.com/1997/02/05/opinion/a-fateful-error.html)

 Clinton, e con el, todo o complexo industrial-militar e financeiro, desoíron as advertencias do veterano diplomático e seguiron coa súa política. Estimular as guerras e o gasto militar era o que se supoñía debía facer Washington, dado que os seus políticos na Administración e o Congreso financian as súas carreiras políticas coas contribucións das grandes empresas daquel sector. Non acabara de derrubarse a URSS cando o Subsecretario de Defensa de George W. Bush pai, Paul Wolfowitz, redactou unha “Guía para a Planificación da Defensa” que se filtrou á prensa o 7 de marzo de 1992 que sinala no seu primeiro parágrafo que “O noso primeiro obxectivo é evitar a reaparición dun novo rival, xa sexa no territorio da antiga Unión Soviética ou en calquera outro lugar, que supoña unha ameaza... o cal require que nos esforcemos en evitar que calquera potencia hostil domine unha rexión cuxos recursos, baixo un control consolidado, serían suficientes para xerar un poder global”. O escándalo foi maiúsculo e o unilateralismo extremo do seu contido deu pé a que fose cualificado, mesmo en certos medios do establishment, como imperialista. Tamén causou desacougo que o seu autor propuxese, sen maiores problemas, a importancia de “intervencións militares preventivas” para neutralizar as posíbeis ameazas doutras nacións e evitar que réximes autocráticos se convertesen en superpotencias. Por suposto, o destinatario do documento é claramente a Rusia postsoviética. Despois que o documento se filtrase á prensa o Pentágono publicou a versión edulcorada, en realidade, unha simple tentativa de “redución de danos” cubrindo, infrutuosamente, as súas expresións máis brutais cunha linguaxe máis diplomática pero sen abandonar no máis mínimo as teses centrais da “Guía”. («U.S. Strategy Plan Calls For Insuring No Rivals Develop». The New York Times, 8.3.1992).

 A reconstrución do poderío económico e militar de Rusia alentou a aparición de novas reflexións e “policy papers” recomendando á Casa Branca diversos cursos de acción. Os avances militares daquel país quedaron de manifesto no seu decisivo papel na derrota da insurxencia xihadista en Siria, lameira creada pola decisión de Washington de querer derrocar a Basher al Assad coa axuda do Estado Islámico e os seus decapitadores en serie. O mesmo, cando despois do golpe do 2014 en Ucraína, nunha fulminante operación Vladimir Putin reintegrou Crimea á xurisdición rusa. Pero en 2019 aparece un documento fundamental publicado nada menos que pola Rand Corporation e cun título que o di todo: “Forzando e desequilibrando a Rusia”. Segundo os seus autores nas súas páxinas, “enuméranse opcións non violentas e de imposición de custos que Estados Unidos e os seus aliados poderían promover nas áreas económica, política e militar para estresar a Rusia -forzando e desequilibrando- a súa economía, as súas forzas armadas e a estabilidade do seu réxime político”. O documento examina prolixamente as diversas áreas para cada unha das cales presenta varias opcións. Por exemplo, na economía impoñer sancións e atrancos comerciais, acabar coa dependencia europea do gas ruso, favorecer as exportacións norteamericanas de gas cara a Europa, e fomentar a emigración de científicos e xentes con elevada formación técnica para privar a Rusia deste tipo de recurso humano. Para cada unha destas opcións estimábase a probabilidade de éxito da medida, os seus beneficios e tamén os seus costos e riscos, e a partir de alí formulábase unha recomendación.

 No terreo militar contemplábase, en primeiro lugar, fornecer de axuda letal a Ucraína, acrecentar o apoio aos rebeldes sirios, promover a liberalización en Belarús, expandir os lazos entre Estados Unidos e os países do Sur do Cáucaso e reducir a influencia rusa en Asia Central. Novamente, cada unha destas alternativas é sopesada en termos de probabilidades de éxito, os seus beneficios e os seus custos. [O informe pode consultarse en: (https://www.rand.org/content/dam/rand/pubs/research_briefs/RB10000/RB10014/RAND_RB10014.pdf ]

 Conclusión: tal como dixemos antes de coñecer este documento e como o ratificamos aínda con máis forza, a de Ucraína é unha guerra inmoralmente provocada por Estados Unidos e os seus aliados europeos. Sen reparar nos terríbeis custos humanos da guerra, que agora as potencias occidentais choran con bágoas de crocodilo, pecharon todas as opcións a Rusia, que, mesmo nun momento, chegou a propoñer iniciar conversas para entrar na OTAN, actitude que non suscitou nas moi democráticas e humanistas potencias occidentais a menor intención sequera de comezar a falar sobre o tema. Ningún das xustas demandas rusas en materia de seguridade foi escoitada, coma se se puidese construír unha orde mundial estábel e segura para todos, menos para unha superpotencia como Rusia, acosada desde o Báltico até o Mar Negro. Os perversos plans de Wolfowitz e a Rand son dunha elocuencia irrefutábel. É a folla de ruta que deseñou Estados Unidos para, coa complicidade dos desprezábeis gobernos europeos, destruír Rusia como se fixo con Iugoslavia. Ninguén pode predicir como terminará esta guerra. Porén, cómpre lembdrar con Clausewitz, que durante séculos Rusia foi atacada, acosada e invadida. En cada caso ao principio parecía que a desfeita sería inevitábel, mais sempre soubo reverter o que parecía un resultado cantado e derrotar os seus agresores. Será distinto esta vez?

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 28 de marzo de 2022]