Ucraína será a primeira batalla gañada no mundo que está a nacer

Sergio Rodríguez Gelfenstein - 15 Nov 2023

Polo momento, semella estenderse nos Estados Unidos a convicción de que Ucraína non lle vai gañar a guerra a Rusia, o pesimismo vai a máis e o pánico inunda os intersticios do poder imperial. Non o sabemos aínda, mais quizais Ucraína sexa a primeira batalla gañada no mundo que está a nacer

 Mentres en Palestina se produce un xenocidio en vivo e en directo que xa dura máis dun mes, encirrado e alimentado militarmente polos Estados Unidos, Ucraína, a outra filla putativa de Washington debátese no esquecemento.

 En novembro fixéronse públicas unha serie de declaracións que dan conta do estado putrefacto e en fase terminal en que se atopa Kiev, só esperando por unha extrema unción que, sen dúbida, terá repercusións máis aló das súas fronteiras.

 O primeiro día deste mes, o xefe do Pentágono, o xeneral Lloyd Austin ao intervir na audiencia do Senado sobre os fondos adicionais afirmou con extraordinaria contundencia que Ucraína non podería gañar o conflito con Rusia sen o apoio de Washington. Desta maneira fíxose patente algo sabido polos militares desde hai moito tempo que os líderes políticos occidentais pretenderon agochar. Dito en poucas palabras, o esforzo militar de Ucraína depende case exclusivamente da achega que faga Estados Unidos para sostelo.

 Para facer máis evidente a aseveración e talvez pensando en que podería haber algunhas dúbidas respecto diso, só tres días despois, o 4 de novembro, a secretaria de prensa da Casa Branca Karine Jean-Pierre, advertiu que o goberno de Estados Unidos “está a quedar sen fondos para financiar os envíos de armas a Ucraína”. En algo que podería parecer risíbel se non estivesen en xogo miles de vidas humanas, a voceira afirmou que van comezar a entregar “paquetes máis pequenos de axuda” para ampliar a capacidade de apoio ao réxime de Kiev “durante o maior tempo posíbel”.

 Cómpre lembrar que o 20 de outubro, a Casa Branca pediu ao Congreso un novo paquete de axuda para Kiev por un valor de 60.000 millóns de dólares. Con todo, o pasado xoves 2, a Cámara de Representantes aprobou un proxecto de lei que prevé máis de 14.000 millóns de dólares en axuda de emerxencia para Israel, pero no que non se menciona a Ucraína. A explicación veu do congresista republicano Mike Johnson, novo líder da Cámara de Representantes quen destacou que as necesidades de Israel son máis “urxentes” que as de Ucraína.

 Todo isto ocorre cando o ministro de Finanzas de Ucraína Serguei Marchenko informou a opinión pública de que o seu país se enfronta a un déficit de 29.000 millóns de dólares para 2024 polo que, sen a axuda dos seus aliados occidentais, dificilmente poderá ser superado tal atranco. Marchenko asegurou que vía moito “cansazo” e “debilidade” entre os socios de Ucraína e engadiu que aos funcionarios occidentais “gustaríalles esquecerse” das accións militares, aínda que as hostilidades “seguen en curso, a grande escala”.

 Engadindo datos para avalar a situación, o propio comandante en xefe das Forzas Armadas de Ucraína, o xeneral Valeri Zaluzhny, admitiu nunha entrevista para a revista británica The Economist que Rusia estaba nunha mellor posición no conflito armado, describindo a situación actual na fronte como “un punto morto” en termos do nivel de tecnoloxía.

 A entrevista de Zaluzhny causou non só descontento e desmoralización en Ucraína, tamén terror xeneralizado entre algúns dos seus aliados. En sentido contrario, o presidente Zelenski aseverou que o seu país non estaba nun punto morto respecto de Rusia. Afirmou que o que ocorría era que Moscova tiña unha total superioridade aérea que os obrigaba a coidar os seus militares. A continuación esbozou unha proposta para superar tal situación, a partir da entrega por parte de Occidente dos avións caza polivalentes F-16 prometidos.

 Botándolle “máis leña ao lume”, ao día seguinte, 5 de novembro o exasesor do xefe da Oficina Presidencial de Ucraína, Alexei Arestovich sinalou a súa conformidade con Zaluzhny ao afirmar que Ucraína non podía –nas condicións actuais- derrotar a Rusia no campo de batalla. Argumentando a favor da súa idea, Arestovich asegurou que: “O inimigo é máis poderoso en termos económicos, militares, de mobilización e de organización, e os nosos socios, dos que dependemos, non están interesados en derrotar a Federación Rusa».

 O interesante desta declaración é que, por unha banda, foi a primeira vez que se refuta publicamente desde Ucraína a idea de que o fracaso das operacións depende exclusivamente da achega de Occidente en armamento e recursos financeiros, ao incorporar o gran déficit en materia de recursos humanos e organización nos que a axuda externa non ten maior influencia. Doutra banda, nesta declaración é explícita a dependencia de Occidente para soster as accións, como xa o sinalou o xeneral Austin.

 Este debate que cobre a noticia informativa interna do país, insírese nunha dinámica electoral de cara aos comicios presidenciais do próximo ano. Mais Zelenski pechou calquera posibilidade respecto diso ao dicir que non se poden facer eleccións nunha situación na que impera a Lei Marcial.

 Aínda que se comentou polo baixo que o novo ministro de defensa Rustem Umerov, vinculado ao expresidente Piotr Poroshenko presentaría unha solicitude para destituír a Zaluzhny, tal información foi desmentida polo asesor da Oficina Presidencial Serguéi Leschenko, quen a cualificou de «nova falsa». No entanto, o mal xa estaba feito cando se fixo patente que un sector da sociedade desexa que Zaluzhny se vaia.

 Respecto diso, a Oficina Presidencial emitiu unha dura crítica pública a Zaluzhny, pero o presidente non tomou a decisión de destituílo. Zelenski debe tomar nota das excelentes relacións de Zaluzhny cos mandos militares da OTAN e en especial co secretario de defensa de Estados Unidos. Porén, hai que entender a dimensión negativa do que significa para calquera país que o xefe de Estado e o xefe das forzas armadas emitan opinións contraditorias publicamente en particular ao referirse á situación do conflito no seu aspecto bélico. O New York Times sinalou que tal situación é expresión dunha “fenda emerxente entre o liderado militar e civil nun momento xa difícil para Ucraína» sobre todo porque “a fisura [entre Zelenski e Zaluzhny] prodúcese mentres Ucraína está a loitar no seu esforzo de guerra, militar e diplomaticamente».

 Esta controversia, foi unha vez máis motivo para a intervención de Arestovich co fin de continuar “botando sal na ferida”. Para ninguén é un segredo que o exasesor manifestou a súa aspiración á presidencia. Dalgunha maneira, iso explica a súa permanente aparición nos medios e nas redes sociais. Neste contexto explícase o seu aparente interese en mediar na liorta que evidentemente atenta contra o espírito de combate das forzas armadas. Arestovich fixo un chamado a Zelenski para que “mostre sensatez” e dirima as súas leas con Zaluzhny. Así mesmo fíxolle saber que está nas súas mans “a clave para cambiar a postura da oposición, dos estadounidenses, de todo o mundo, do Exército e da sociedade» aproveitando para lle dicir que non son os que o critican e instan facer as eleccións, os que xeran inestabilidade no país «senón vostede mesmo, coas súas políticas ineficaces que socavan a fe dos cidadáns na vitoria, os sentimentos no Exército, a confianza dos socios e aliados”.

 A esta polémica fóronse incorporando algúns dos máis influentes medios de comunicación occidentais. Por exemplo, a revista Time, que agora se tornou -sen andrómenas- en forte detractora do goberno de Ucraína, publicou un artigo no que cualifica a Zelenski como unha persoa que vive á marxe da realidade. A aseveración resulta sorprendente sabendo que este medio informativo está fortemente ligado á CIA, principal axencia de intelixencia exterior dos Estados Unidos.

 A este respecto, o xornalista e expresentador de Fox News, Clayton Morris preguntouse: “Por que unha revista apoiada pola CIA decide de súpeto mostrar o verdadeiro e sombrío panorama da situación en Ucraína? Para conseguir o seu apoio ou [para] sentar as bases de algo menos agradábel?» Morris afirmou que, para escribir o artigo, Time conseguiu acceder ao círculo íntimo de Zelenski e, como resultado diso, púidoselle retratar como un «líder mentalmente inestábel e non realizado».

 O artigo, publicado o pasado 30 de outubro fai comentarios sobre Zelenski e a súa contorna, sinalando que o excesivo optimismo fóra da realidade do presidente ucraíno, mesmo a pesar dos fracasos nas operacións de combate, “obstaculiza os intentos do seu equipo de realizar novas estratexias e ideas”.

 Con extrema dureza, a publicación asegura que Ucraína xa non poderá contar co recurso humano necesario para utilizar todo o armamento que Occidente lle prometeu. Ao mesmo tempo afirma que tamén conspira contra iso que os funcionarios locais «rouban como se non houbese un mañá».

 O pano de fondo desta disputa maniféstase o desacordo entre Zaluzhny e Zelenski na apreciación que cada un ten da situación na fronte ante o fracaso da contraofensiva. Sobre este asunto, o New York Times chegou a dicir que as operacións dos militares ucraínos non lograron ter «ningún avance» provocando -pola contra- un gran número de vítimas, e engadindo que «Ucraína está a enfrontar ataques intensivos rusos no leste», mentres que o escepticismo en Europa e o partido Republicano de Estados Unidos creceu.

 Desde o 4 de xuño (data de inicio da “contraofensiva”), as forzas armadas de Ucraína tiveron 90.000 baixas (entre mortos e feridos graves irrecuperables) así como 557 tanques e 1.900 vehículos blindados destruídos. Para que se teña unha idea do significado desta cifra abonda con dicir que até o momento Occidente enviou a Ucraína 595 tanques (dos 830 comprometidos) e 1.550 vehículos blindados.

 Rusia, pola súa banda, está a realizar operacións de defensa activa que significa a execución de accións ofensivas a pequena escala nalgúns sectores, centrando os seus ataques a través de golpes contra os medios aéreos, os lugares de concentración de tropas e a loxística. Debe lembrarse que -desde o punto de vista bélico- para Rusia este conflito ten basicamente as características dunha guerra de desgaste que xa pasou as posibilidades de Ucraína, afectando tamén a Estados Unidos e sobre todo a Europa.

 Neste contexto comézanse a apreciar manifestacións de desesperación na elite ucraína. Así, comezouse a verificar un chamado á “comprensión” de Occidente porque segundo Zelenski as tropas ucraínas están a defender «valores comúns» como a democracia, atacados hoxe pola autocracia rusa. No imaxinario colectivo trátase de instalar unha nova bipolaridade “democracia vs. autocracia”. O desacougo de Zelenski invoca a Occidente a loitar contra o perigo ruso que podería “matar a todos” co cal quedaría a porta aberta para atacar os países da OTAN, nese caso “…vostedes enviarán os seus fillos e fillas [á guerra]. E o prezo será máis alto. É moi importante non perder a vontade, non perder esta forte posición, e non perder a súa democracia».

 No máximo da súa frustración, o pasado luns 6 de novembro o angustiado presidente ucraíno solicitou a “os Estados Unidos, a Unión Europea e os países asiáticos” enviar ao seu país sistemas de defensa aérea ou “polo menos alugalos durante o inverno”.

 O certo é que a tal “contraofensiva” das Forzas Armadas de Ucraína non estivo á altura das esperanzas de Occidente e probabelmente sexa a última oportunidade para Ucraína porque xa non ten recursos para realizar unha operación de envergadura importante na fronte.

 Toda esta situación está a colocar sobre o tapete a posibilidade dunha saída negociada ao conflito se é que a houbese a estas alturas. O propio Washington Post sinalou que houbo unha posibilidade de resolver diplomaticamente o conflito ucraíno, pero xa desapareceu, tendo en conta que Rusia ten unha vantaxe na fronte e é pouco probábel que se conxele.

 Aínda que Zelenski se negue a tal idea, esta foise estendendo cada vez máis. Por exemplo, o ministro de Asuntos Exteriores e Europeos de Eslovaquia, Juraj Blanar afirmou sen ambaxes que o conflito en Ucraína non ten solución militar.

 Mesmo Josep Borrell, alto representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores e sempiterno belicista, tivo que recoñecer que a crise en Asia Occidental tivo forte impacto na política cara a Ucraína. Nun arrauto inusual de honestidade, Borrell afirmou: «Sexamos francos, a crise de Oriente Medio xa está a ter un impacto duradeiro na nosa política en Ucraína». Borrell chamou a buscar unha solución ao conflito en Oriente Medio mais non esquecerse de Ucraína porque: “Se Ucraína perde, nós perdemos. Temos que manter a nosa unanimidade e a nosa unidade no apoio a Ucraína”.

 Como dixo o diplomático e analista político internacional indio MK Bhadrahumar: “A guerra de Ucraína está en piloto automático”. Arguméntao afirmando que os obxectivos estratéxicos fixados polo Presidente Vladimir Putin en febreiro do ano pasado se manteñen incólumes. Pero agora, “Rusia sente que tomou a dianteira na guerra e que iso é irreversíbel”.

 Aínda que Rusia non iniciou unha gran ofensiva, a preparación para ela é ostensíbel. Con todo, desde hai un mes o que ocorra en Ucraína estará irremediabelmente unido ao conflito en Asia Occidental. Esta situación non poderá estar ausente das apreciacións políticas e militares. A simultaneidade no tempo de ambos os acontecementos e moitos outros que están a ocorrer en variados recunchos do planeta, están en relación coa crise de Occidente e de Estados Unidos e a incapacidade de manter a súa hexemonía unilateral no globo.

 Parece difícil que Estados Unidos logre lidar cos dous conflitos ao mesmo tempo, sobre todo porque non son os únicos. En paralelo, debe contender con China no plano económico, xestionar a súa propia crise interna, soster o poder colonial que hoxe fraquea en África e xerar respostas á rebelión silenciosa que se comeza a manifestar de diferentes formas en América Latina e o Caribe sobre todo porque Cuba, Nicaragua e Venezuela foron capaces de resistir e manter no alto as súas bandeiras.

 Polo momento, semella estenderse nos Estados Unidos a convicción de que Ucraína non lle vai gañar a guerra a Rusia, o pesimismo vai a máis e o pánico inunda os intersticios do poder imperial. Non o sabemos aínda, mais quizais Ucraína sexa a primeira batalla gañada no mundo que está a nacer.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 9 de novembro de 2023]