UE – Mercosur: Un acordo entre dous bloques en crise

Eduardo Lucita - 08 Xul 2019

Polo lado da UE trátase de recuperar presenza no concerto internacional e nos intercambios comerciais e operará como un mercado de reemprazo. É unha resposta ao bloqueo da administración Trump aos acordos de libre comercio (TPP e TTIP), ao Brexit...

 Máis de dúas décadas despois que comezasen as negociacións anunciouse que a UE e o Mercosur alcanzaron un Acordo de Asociación Estratéxica. O documento acordado polos negociadores, fixa nun texto moi breve propostas políticas e os eixes centrais do comercio entre os bloques. Aínda debe pasar a revisión legal e aprobarse nos parlamentos.

 Trátase dun acordo entre dous bloques en crise. O Mercosur está estancado desde hai anos e sen un rumbo definido. A UE atravesa unha forte crise comercial e está sometida a tendencias disgregadoras, tanto desde dentro como de fóra do bloque.

 Que cambiou desde novembro pasado?

 Non é un segredo que o presidente Mauricio Macri apostou todo a que este acordo se asinase no marco da reunión da OMC en Bos Aires a fins do ano pasado, o que non foi posíbel pola posición da UE e polo rebumbio político existente en Brasil baixo a presidencia de Michel Temer. É unha peza estratéxica da súa política de “inserción intelixente” no mundo.

 É indubidábel que a presenza de Jair Bolsonaro na presidencia de Brasil, e especialmente do seu ministro de economía, o ultraliberal Pablo Guedes, reforzou o posicionamento do goberno Macri para alcanzar este acordo. É coñecido que o presidente do goberno español xogou un papel decisivo para favorecer reunións bilaterais co presidente francés e que a postura favorábel de Alemaña foi empurrada pola industria automotriz dese país. Tamén é certo que foi un acordo ás presas, dado que as principais autoridades europeas deixarán axiña os seus cargos e os cambios políticos que se enxergan non son favorábeis ao tratado.

 Polo lado da UE trátase de recuperar presenza no concerto internacional e nos intercambios comerciais e operará como un mercado de reemprazo. É unha resposta ao bloqueo da administración Trump aos acordos de libre comercio (TPP e TTIP), ao Brexit e ao auxe dos nacionalismos. É tamén proba da eficacia da alianza franco/alemá (Angela Merkel- Enmanuel Macron) que xunto con China están dispostos a asumir o liderado da globalización mercantilista, ocupando espazos cedidos polos EUA de Trump.

 Estes desafíos á política exterior da Administración Trump complétanse coa decisión de outorgar un crédito a Irán para que este país poida soportar as sancións económicas norteamericanas e manter as relacións comerciais coa Unión, a cambio de que Teherán non abandone o acordo nuclear.

Un acordo desequilibrado

 A partir de agora o Mercosur terá non só que resolver as súas asimetrías internas, senón tamén as que ten coa UE, que o acordo non resolve e que son moi favorábeis á Unión. É certo que o acordo rebaixa aranceis a un 90% dos produtos e servizos que intercambian os bloques -operarán case de inmediato para os produtos europeos e con prazos de até 10-15 anos para os do Mercosur-; con todo, o custo fiscal é menor para a UE (a súa media arancelaria é da orde do 11%) que para os nosos países (con aranceis que van do 14 ao 35%).

 Por outra banda os “beneficios” para a rexión de América do Sur están limitados polas cotas arancelarias (cantidades fixas non aranceladas) e non haberá maiores desgravacións por fóra desas cotas, mentres que as exportacións da Unión non están cuantitativamente limitadas e unha vez cumpridos os prazos de desgravacións ingresasen con arancel cero.

 Non é menor o tema da regras de orixe, a UE non ten maiores controis sobre estas e é coñecida a forte penetración das importacións asiáticas. Está tamén a apertura dos mercados estatais de obras públicas e compras gobernamentais, a nivel nacional, provincial e municipal, poñendo nun pé de igualdade ás grandes corporacións europeas coas empresas nacionais, polo xeral Pemes. Os mercados de servizos e de comercio electrónico, que en xeral evaden normas e pagamentos impositivos e a imposición de propiedade intelectual, marcas e patentes que as multinacionais buscan monopolizar, están tamén atinxidos por este acordo.

Unha integración subordinada

 En Arxentina sairán favorecidos os sectores exportadores: agro-industrial -colisionará cos agricultores de Francia, Irlanda, Polonia... para os que o Programa Común Agrario (PAC) é un valo protector e un dos alicerces da UE- a pesca, terán problemas sectores froitohortícolas, os viños e outros produtos rexionais. Os servizos (software e profesionais) sairán beneficiados mentres que o gran perdedor será a industria e os empregos que xera, debilitando o mercado interno. O retroceso industrial favorecerá o avance da primarización. Non en balde as cámaras do sector agroindustrial reaccionaron favorabelmente, mentres que as industriais manifestaron preocupación, cando non rexeitamento.

 Ao mesmo tempo o acordo presionará para que se concrete a transformación do sector produtivo proposta polo goberno Macri distinguindo os sectores competitivos, os que non o son e deben desaparecer e aqueles que hai que estimular para mellorar. Se a isto se suma que a renegociación dos vencementos da débeda co FMI terá como contrapartida as reformas pendentes segundo a ideoloxía neoliberal (laboral, das pensións e fiscal) a reestruturación completa dun capitalismo local pro-mercado sometida ás tendencias globais está contida na orientación xeral do acordo.

 Para o Mercosur este Acordo de Asociación Estratéxica redundará nunha integración subordinada aos vaivéns do mercado mundial, pasará agora pola peneira da revisión xurídica e deberá ser aprobada tanto polo parlamento europeo como polos parlamentos dos 28 países que compoñen a UE e os 4 do Mercosur. Está pendente tamén a redacción da letra pequena do acordo (segundo se di, daríase a coñecer nos próximos días) que contería listas de produtos sensíbeis que serían protexidos. Todo levará tempo; porén, non se debe descartar que se recorra ao procedemento -xa utilizado nos acordos da UE con Canadá, Colombia/Perú e Centroamérica- polo cal a Comisión Europea solicita unha aplicación provisional e o Consello da UE autorízaa, así non se tería que agardar até a ratificación dos parlamentos nacionais para entrar en vixencia, que podería ser en 2021.

A dimensión xeopolítica

 O acordo ten un forte contido xeopolítico. En principio ampliará a influencia económica e política da Unión na rexión. Non se pode obviar que o anuncio oficial coincidiu coa inauguración das sesións do G20 en Osaka. Forma así parte da disputa entre o multilateralismo que promoven Europa e China fronte ao proteccionismo dos EUA baixo Trump, e ao mesmo tempo é un forte aval da cúpula da UE á política do goberno Macri, xusto cando comeza a campaña electoral onde está en xogo a súa reelección.

 Novas investigacións sobre o “Apagón do século” con epicentro en Arxentina e ramificacións en Brasil e Uruguai, infórmannos de que sería provocado pola entrada de enerxía desde Brasil vía o sistema interconectado. Será un sinal a futuro da inserción intelixente que promove o goberno Macri?

 

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 4 de xullo de 2019]