UGT e CCOO lexitiman coa patronal a precariedade e os baixos salarios

Nacional -

CCOO e UGT veñen de lexitimar e consolidar a reforma laboral, na súa peor versión, asinando coa patronal o IV Acordo Interconfederal de Negociación Colectiva. Renuncian así a loitar pola recuperación de dereitos laborais, salariais e sociais da clase traballadora perpetuando o empobrecemento xeneralizado e a precariedade, ao pactar unha suba de arredor do 2%, cando a perda de poder adquisitivo, desde 2009, foi de preto do 16%.

Por iso o secretario xeral da CIG, Paulo Carril denuncia que os incrementos salariais dos que se fala “aceitan a lóxica neoliberal que xa vimos no acordo de función pública, ao ligar salarios a produtividade e resultados do absentismo”.

E é que CCOO e UGT veñen avalar agora un sistema mixto de incremento salarial, segundo o que se prevé un incremento fixo dun 2% -que nin sequera está garantido, porque no propio texto se matiza que será de “entorno a” esa porcentaxe- e un 1% variábel –ligado á produtividade-.

Sen garantía de revisión salarial

Para Carril é un “despropósito” non establecer garantía de revisión salarial vinculada ao IPC, “aceptando o que demandaba a patronal”, mais tamén o sistema que o goberno do PP introduciu na reforma das pensións de 2013, que tanto parecían cuestionar hai unhas semanas, e que “vai impedir a recuperación do poder adquisitivo da clase traballadora”. Dáse así por bo un dos obxectivos da reforma laboral, que era provocar a devaluación salarial, ao impedirse agora a súa recuperación real.

Segundo os datos de facenda, os salarios medios desde 2009 até 2016 non só non se incrementaron, senón que mesmo caeron un 1,5%. Isto supuxo que pasaran de ser, dunha media de 20.838 en 2009, a ser de 20.513 en 2016. Nin máis nin menos que 325 euros menos.

Pero hai máis. Desde xaneiro de 2009 até a actualidade, o IPC subiu un 14,3%, co que a perda de poder adquisitivo achégase ao 16%. Por iso para a CIG este acordo “é unha vergoña”.

Venden fume: o salario mínimo de convenio non estará nos 14.000€

Respecto do establecemento dun salario mínimo de 14.000 euros anuais, a CIG cuestiona que esta suba sexa real, xa que non terá efectos de forma automática ao quedar ao arbitrio dos convenios e condicionado a un calendario temporal. Un exemplo máis das mentiras deste acordo.

Diálogo social para desmobilizar a clase traballadora

En materia de negociación colectiva o acordo vai en consonancia ao discurso da Ministra de Traballo, e do goberno do PSOE no seu conxunto, limitándose a recoller un listado de declaracións de intencións sen consecuencias reais, máis alá de consolidar o seu desmantelamento e centralización da negociación colectiva en Madrid. Tal e como as reformas laborais de 2010 e 2012 impuxeron.

O secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, denuncia que se dan maiores facilidades para aplicar aspectos centrais da reforma laboral, como o relativo á ultraactividade, porque no canto de garantir que mentres non haxa un convenio novo se mantén o anterior, o texto di literalmente que “os negociadores débense comprometer a seguir o proceso de negociación a fin de propiciar o acordo determinando en que termos terá lugar o mantemento do convenio vencido durante a duración mutuamente acordada de dito proceso”. Ou sexa, “acordan pactar que é o que segue en vigor e que non”, denuncia.

Ese parágrafo engade ademais que “cada unha das partes poderá decidir que a negociación está esgotada e propor a mediación obrigatoria ou a arbitraxe voluntaria” co que “se perpetúa un modelo de diálogo social que alimenta a desmobilización da clase traballadora, facendo estas organizacións sindicais o papel de muros de contención para garantirlle á patronal a paz social, matando o lexítimo dereito a presionar e defender nas rúas os nosos dereitos”, denuncia.

Renuncia a exixir a derrogación da reforma laboral

Para a CIG tamén resulta “escandaloso” o nivel ao que chegan de “aceptación da reforma laboral, dos postulados patronais e da política neoliberal”. Tal é así que se comprometen a pactar unha axenda de temas a trasladarlle ao goberno, de común acordo, a patronal CCOO e UGT. Cuestión que para Carril é xa o “despropósito do entreguismo” e que o leva a preguntarse “onde queda a demanda de que se derrogue a reforma se ti estás pactando coa patronal as materias que teñen que ser abordadas?”.

Descolgues patronais preservados

Chama tamén a atención que se lle dea “carta branca” e se acepte a externalización e a subcontratación, ou se avale a lóxica perversa da reforma laboral mantendo a posibilidade de que as empresas aleguen causas económicas, técnicas ou produtivas, para aplicar reducións de xornada, para descolgarse dos convenios empeorando as condicións de traballo, aplicar EREs temporais ou a flexibilidade.

Por iso a CIG cualifica de “cinismo e hipocrisía” que se pacte a creación dun Observatorio, asumindo o absentismo como o concibe a patronal: “como a presunción de que a xente cando está de baixa ou non vai traballar por algunha outra razón é porque non quere e ten que ser castigado”.

Dereito á igualdade?

Para a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, “é o colmo” que as únicas medidas recollidas para promover a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes se “limiten a un estudo sobre a discriminación salarial e a unha declaración de intencións sobre a necesidade de apostar por un desenvolvemento do sistema de atención á dependencia e á infancia ou a unha equiparación dos permisos de paternidade e maternidade que precisarían para o seu desenvolvemento partidas orzamentarias que non existen”.

Aínda máis “indignante” considera que “CCOO, UGT e patronal asuman con normalidade que a responsabilidade dos coidados recae exclusivamente sobre as mulleres e que limiten o impacto destas medidas ás traballadoras cunha actividade retribuída, dando por feito que é un labor do que os traballadores están excluídos e que as mulleres non asalariadas teñen a obriga de facelo de balde”.

Consolidación da precariedade

O acordo é pois, para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, “moito máis condenábel se temos en conta a situación social que vivimos de empobrecemento xeneralizado e de explotación, a consecuencia das reformas laborais e da negociación colectiva”.

Por iso denuncia que os supostos obxectivos deste acordo: creación de emprego, mellora da competitividade e loita contra a economía somerxida, nada teñen que ver co que logo se plasma no texto, no que “non se contempla nin unha soa medida real nesas materias”. Lonxe diso afirma que “se limita a recoller consideracións e declaracións de intencións que, en todo caso, o que fan é consolidar o emprego precario e os baixos salarios”.

Volver