Un 80% do persoal de Unísono en Vigo secunda os paros contra o abuso na xestión das quendas de traballo

Os empregados/as desenvolveron concorridas concentracións ás portas da compañía a pesar dos intentos da dirección de desactivar as protestas
Vigo - 17 Feb 2016
Arredor do 80% do persoal de Unísono en Vigo secundou esta mañá o paro dunha hora convocado para rexeitar o abuso na xestión das quendas no que se refire a preferencias horarias, gardas legais, cambios de banda, vacacións ou publicación de vacantes. Os empregados/as da compañía de telemárketing desenvolveron concorridas concentracións nos dous centros de traballo da cidade a pesar das presións exercidas pola dirección para intentar desactivar as protestas.

(Galería de imaxes)

O primeiro dos paros convocados polo comité de Unísono desenvolveuse de 12.00 a 13.00 horas, tempo que o persoal aproveitou para concentrarse ás portas dos dous centros de traballo da cidade, na Gran Vía 104 e 110.

O seguinte paro terá lugar esta mesma tarde entre as 20.00 e as 21.00 horas e coincidirá tamén con concentracións como as que tiveron lugar pola mañá. Nelas, o persoal berrou consignas como “Unísono escoita, o comité está en loita” ou “Sen traballadoras non sodes ninguén”.

Con estas protestas o persoal da empresa de telemarketing pretende denunciar o abuso na xestión das quendas de traballo no que se refire a preferencias horarias, gardas legais, cambios de banda, vacacións ou publicación de vacantes. “A dirección pon cada vez máis trabas á conciliación da vida laboral coa persoal e familiar, tras termos constatado reiteradas veces que existe a posibilidade dunha xestión alternativa”, indican.

Outro dos motivos da mobilización é reclamar unha suba de categoría para persoal da campaña de ING, xa que son traballadores/as cunha gran formación adquirida no contorno laboral que desenvolven as mesmas funcións que unha persoa do sector da banca pero que pola contra cobra o mesmo salario que un teleoperador/a especialista.

“Tras sentarnos a falar coa dirección da empresa en innumerables ocasións, tras visitar as instalacións da Inspección de Traballo outras tantas e tamén tras recorrer en non poucos casos a vía xudicial, tomamos a determinación de levar adiante este paros”, sosteñen.

A empresa tentou desactivar a protesta

Dende o comité de empresa denuncian tamén a “presión extrema” que a dirección de Unísono exerceu sobre o cadro de persoal nos días previos á convocatoria para intentar que non secundase os paros, até o punto de que arredor de 20 traballadores/as que participaron en anteriores convocatorias veñen de recibir escritos de amonestación nos que se lles advirte da posible aplicación dunha sanción grave.

Noutros casos a compañía intentou desactivar a protesta optando por reunir a grupos de empregados/as nunha sala durante as xornadas de onte e hoxe para persuadilos/as de que non participen nos paros “utilizando argumentos totalmente falsos”. Ademais, outros/as traballadores/as foron amedrentados/as directamente aludindo a cuestións que nada teñen que ver cos motivos da mobilización.