Un ano despois do inicio da folga de 4 meses na xustiza aínda hai delegadas/os que sofren represión sindical

Nova mobilización na Coruña en defensa da liberdade e o traballo sindical e en apoio a Chelo e Javier

A Coruña -

Hoxe,7 de febreiro, cúmprese un ano do inicio da histórica folga que durante catro meses desenvolveron os traballadores e as traballadoras da Administración de xustiza de Galiza para esixir a fin das discriminacións laborais e a recuperación do emprego destruído nos últimos anos. Pero a día de hoxe, aínda hai delegados e delegadas sindicais que están a sufrir represión por exercer o seu labor durante a folga.

Este é o caso da nosa compañeira Chelo Rodríguez, delegada da CIG no sector de xustiza, que ten pendente un expediente disciplinario e un xuízo, por mor da denuncia dunha letrada que a Fiscalía elevou ao xulgado. Nestas dilixencias previas, tamén está sendo investigado Javier Fernández, que naquel momento era delegado sindical. A denuncia que motivou a instrución ten a súa orixe na queixa presentada por esa funcionaria diante do TSXG, despois de que un piquete informativo falara con ela nunha das xornadas da folga, a causa da interpretación abusiva que estaba facendo dos servizos mínimos.

Co gallo do aniversario do inicio da folga indefinida, a CIG desenvolveu este xoves unha concentración nas dependencias xudiciais situadas na antiga Fábrica de Tabacos da Coruña, en defensa da liberdade e o traballo sindical e en solidariedade coa compañeira Chelo e o compañeiro Javier. A propia Chelo Rodríguez cualificou a data como "cabodano", en referencia ao peche en falso que tivo o conflito tras da sinatura do "mal acordo" e a "traizón" dos sindicatos asinantes, "a pesar do esforzo que supuxo para os traballadores e traballadoras manter a folga durante catro meses".  

Téntase criminalizar a loita do persoal de xustiza

Rodríguez indicou que a concentración de hoxe se realizou no edificio de Tabacos porque aí é onde están as oficinas da Fiscalía. "Vimos aquí a pedirlle que reflexione sobre o que se está facendo con nós". Abundando nesta cuestión, Javier Fernández subliñaba que "estamos sendo perseguidos sen ningún motivo, porque os feitos que motivaron a denuncia non son feitos delituosos". Ao contrario, engadiu "a letrada arrogouse unhas competencias que non lle corresponden para ampliar os servizos mínimos, e mentres a ela non lle pasou nada, nós estamos sendo perseguidos".

O secretario nacional do sector de Xustiza da CIG, Xesús H. Sánchez, considerou "lamentábel" que cando se cumpre un ano do inicio da folga indefinida "sigamos con compañeiros e compañeiras metidas en procesos xudiciais e administrativos por defender os dereitos dos traballadores e traballadoras". Sánchez sinalou á responsabilidade da Xunta de Galiza, que foi a primeira que criminalizou a loita do persoal de xustiza.

Por iso, advertiu, "dende a CIG non imos parar de mobilizarnos até lograr o arquivo do expediente disciplinario e do proceso xudicial aberto", tal e como xa aconteceu co xuízo de faltas que tivo lugar o pasado mes de decembro contra diversos membros do comité de folga, que concluíu cunha sentenza absolutoria.

Dende outubro de 2017 sen convocatoria da Mesa Sectorial

Sobre a situación actual da administración de xustiza, Sánchez criticou que o peche en falso do conflito impediu que se resolveran tanto as reivindicacións laborais e salariais das traballadoras/es, como aqueles referidas ao colapso dos órganos xudiciais a causa da falta de persoal. "O tan famoso plan de recuperación non axudou en nada. Cada empregado/a que se acolleu a este, como moito fixo 20 horas, cando a media de horas perdidas por traballador/a foi de 400 horas. Que se pode recuperar, entón, con esa medida?", preguntouse.

O responsábel de xustiza da CIG denunciou tamén a falta de negociación colectiva por parte da Xunta de Galiza, que leva sen convocar a Mesa Sectorial (órgano no que se tratan todas as cuestións relativas ao persoal) dende outubro de 2017.

Volver