Un bombeiro vigués préndese lume para denunciar inseguridade por escaseza de persoal

Desenvolveron unha protesta diante do Concello coincidindo co pleno de constitución da corporación local

Vigo -

Os bombeiros do Concello de Vigo aproveitaron o pleno e constitución da nova corporación local que tivo lugar este sábado para escenificar a situación de inseguridade que padecen como consecuencia da falta de persoal. Un membro do parque municipal prendeuse lume ás portas do consistorio para reclamar a convocatoria da OPE e a contratación de máis traballadores/as co obxectivo de garantir o servizo “porque nestes momentos a cidade non é segura”.

A espectacular acción de protesta tivo lugar minutos antes do inicio do pleno de constitución a coporación municipal. Miguel Uclés, representante da CIG no comité de empresa dos bombeiros vigueses, prendeuse lume ataviado cun traxe ignífugo mentres os seus compañeiros berraban consignas como “Vigo sen bombeiros non é segura” ou “Bombeiros solución”.

Na mobilización, que fai parte da campaña que desenvolven para denunciar a falta de persoal e a precariedade, tamén participaron responsábeis e delegados/as sindicais da central, co secretario comarcal, Alberto Gonçalves, á cabeza.

Ao remata da acción Uclés compareceu diante dos medios de comunicación para explicar que “escenificamos a punto de inseguridade no que nos ten o Concello de Vigo, xa que o servizo conta cun terzo dos efectivos/as que debera ter”. Lembrou que levan varios meses “cun decreto ilegal” que lles obriga a facer xornadas de até 14 horas diarias, polo que cada bombeiro realiza 144 horas ao mes a maiores da súa xornada laboral ordinaria.

Como consecuencia, os traballadores/as padecen un elevado estrés ambiental que está a provocar “que collan baixas porque non poden aturar a situación”, polo que esixen a convocatoria da Oferta Pública de Emprego (OPE), a contratación de máis persoal “e que Vigo sexa un referente en materia de seguridade, xa que nestes momentos é unha cidade insegura”.

Volver