Un cento de veciños e veciñas do Mesón do Vento mobilízanse coa CIG contra o peche da oficina de Abanca

Dende marzo, a entidade pechou 32 sucursais en Galiza
Ordes - 09 Xul 2021

A CIG-Banca realizou unha concentración na mañá deste venres diante da oficina de Abanca no Mesón do Vento (Ordes), en protesta pola intención da entidade de pechar esta sucursal. Na protesta participaron arredor dun cento de veciños e veciñas que quixeron manifestar deste xeito o seu total rexeitamento a unha decisión empresarial que as deixa sen servizos financeiros e lles obriga a ter que desprazarse até o centro urbano de Ordes para poder facer as súas xestións, co conseguinte gasto económico e perda de tempo.

A mobilización enmárcase na campaña que o sector de banca da CIG está a realizar para reclamar o mantemento da atención presencial ao público, na defensa do emprego e para denunciar o peche de oficinas nas zonas rurais, nas zonas periurbanas e nos barrios onde as entidades consideran que teñen unha clientela menos rendíbel, afondando así na marxinación e exclusión financeira.

Neste senso, o secretario da sección sindical da CIG en Abanca, Clodomiro Montero, subliñou que dende marzo, Abanca xa leva pechado 32 oficinas en Galiza. "É inxusto que se recorten os servizos á clientela e se destrúa emprego, mentres o dono de Abanca, Juan Carlos Escotet se embolsou 3 mil millóns de euros dende o ano 2014, cando se privatizaron as caixas de aforros", salientou.

Montero animou ás persoas usuarias de Abanca e á veciñanza do Mesón do Vento a seguir protestando polo mantemento da oficina e a dirixirse aos responsábeis políticos para esixirlles "que dean a cara" e que interveñan para reverter esta decisión empresarial.

Peche de oficinas, destrución de emprego e recorte de servizos

Estes peches de oficinas hainos que inserir no proceso de reconversión salvaxe que vive o sector bancario (un dos máis concentrados de toda Europa), que ten provocado na última década a destrución de miles de postos de traballo e o peche de ducias de sucursais, deixando sen acceso aos servizos financeiros a amplos territorios e segmentos da sociedade.

A isto hai que engadir a estratexia das empresas de recortar os servizos e os horarios de caixa, que agora só están operativas até as 11:00 horas, obrigando a clientela a ter que desprazarse para ser atendida só das 8:00 ás 11:00 horas en oficinas xa saturadas e tendo que facer longas colas. Estas restricións foron denunciadas pola CIG diante da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) para que investigue a existencia dun posíbel pacto entre entidades, pois non hai que perder de vista que a medida foi posta en marcha practicamente ao unísono e cos mesmos horarios.

Con estas restricións as entidades buscan forzar aínda máis a dixitalización da súa clientela, derivándoa ao caixeiro ou a banca online para a realización das xestións que antes facían nas xanelas. Unha suposta dixitalización que as empresas utilizan ademais nos seus informes técnicos para tratar de xustificar os ERE e despedir o persoal que tradicionalmente atendía as caixas.

Por iso, neste contexto, resulta especialmente lamentábel orde que a Xunta de Galiza vén de publicar que regula as subvencións ás entidades financeiras para que instalen caixeiros automáticos e contraten axentes financeiros naqueles concellos aos que previamente deixaron sen oficinas e sen servizos bancarios. A CIG-Banca cualifica esta medida de "indecente" por canto incentiva os peches de oficinas e, polo tanto, novos despedimentos, e por canto supón seguir transferindo cartos públicos a unhas empresas que teñen beneficios multimillonarios.