Un debate urxente e pendente

Fermín Paz Lamigueiro - 27 Mai 2020

É un espazo que temos que construír xuntos se queremos atoparnos. Nel, deberíamos facer o meirande esforzo para entendernos e convencernos da necesidade de loitar en común

 Cada vez é máis difícil a elección entre a supervivencia colectiva a longo prazo, ter un emprego e chegar a fin de mes. Non vou desenvolver polo miúdo conceptos como o ecoloxismo e o sindicalismo. O que me interesa é falar da interrelación que deberían manter estes dous sistemas organizativos, un como movemento activo para coidar do medio ambiente e o outro no plano sociolaboral. Non é bo o desencontro entre estes dous espazos porque lles resta potencialidade.

 É necesario analizar os conflitos que poboan o territorio da necesaria confluencia entre o traballo asalariado, nun período histórico de crise sistémica do modo de produción capitalista, e as esixencias de protección dun planeta ameazado por múltiples desastres ecolóxicos, moitos deles, xa comprobados.

 A realidade impón un debate urxente e pendente sobre as relacións existentes, con vistas a establecer propostas e espazos de colaboración para afrontar tanto a crise do sistema económico como a dos ecosistemas.

 Para comezar fareime una pregunta, que pode e debe facer o sindicalismo cando ten que construír unha relación desta natureza? Desde logo, non refuxiarse exclusivamente no discurso critico contra o sistema capitalista por manter o seu obxectivo de crecemento ilimitado e cuxo efecto colateral é a devastación ambiental, a eliminación progresiva dos postos de traballo e a súa precarización. Debe tentar ir mais aló e integrar a cuestión ecolóxica como asunto central nas nosas análises e propostas de acción sindical e loita, tanto no nivel xeral como sectorial.

 Por iso, precisamos debater e buscar consensos co ecoloxismo pero non para facermos análises xeralistas na defensa do medio ambiente ou en abstracto sobre a industrialización racional que poden ser máis ou menos doadas, senón para propoñer solucións concretas que adoitan ser moito máis complexas, por exemplo cando se trata do peche dunha fabrica ou da transición dunha estratexia industrial a outra. Dalgún caso destes falarei noutro artigo.

 Estou convencido de que a responsabilidade ecolóxica é de todos, mais non todos temos a mesma responsabilidade. Nas derradeiras décadas do século pasado, a industria tivo un desenvolvemento aloucado certamente mais daquela poucos chiflaron diante daquela carreira algo tola e ben trampulleira. Sabedores de onde viñamos, saudamos a industrialización aínda que as condicións de vida e de traballo non fosen ningún agasallo. A nosa forza de traballo xamais foi ben valorizada polo capital e, por iso, o intercambio sempre foi unha fonte de conflitividade sumada á do pozo negro do confinamento das liberdades.

 Cando os asesores de grandes grupos empresariais se decataron de que a cuestión ambiental se podía converter na base dun ataque xeral ao sistema industrial promovido de xeito moi maioritario pola iniciativa privada (o sector público só tapaba algún dos furados que esta deixaba para producir bens, servizos ou mercadorías, cando foi posíbel), movéronse e preocupáronse pola mensaxe ecoloxista na medida en que este movemento os culpabilizaba dunha industrialización irracional coa complicidade dunha boa parte do poder político (moi permisivo ou deixando facer sen control ningún), provocando a desfeita da natureza, pola grande degradación do medio ambiente e a urbanización, daquela maneira, dalgúns espazos territoriais.

 Desa convulsión nace a chamada nova industrialización porque eu négome a denominala con ningún cualificativo que emparente co termo revolución.

 A dialéctica meteu de cheo a clase traballadora neste asunto e non só polo convencemento de que outro mundo é posíbel senón pola necesidade de se defender diante das consecuencias para as condicións de vida que está provocando a devandita convulsión do aparello produtivo. Os capitalistas, quen os apoia politicamente e algúns medios de información que se posicionan favorábeis a determinadas teses da modernización industrial, foron quen de instrumentalizar o cambio, ao seu favor.

 Como a crise ambiental provocada pola súa rapina era evidente e tiña moita dificultade negala, de súpeto, decidiron "verdear" a súa estratexia, propoñendo espazos de transición até o novo, e necesario, proceso industrializador. Para facer o camiño, da vella fábrica obrigada a pechar até as novas instalacións “non contaminantes e comprometidas cun desenvolvemento sustentábel”, deixan clarificado os seus obxectivos: xa non precisarán da mesma cantidade de traballadores , nin manter as mesmas condicións sociolaborais e a localización sería a do mellor ofertante, onde máis facilidades houbese e onde máis permisivos fosen.

 Esta foi a centralidade da súa esixencia a lexisladores, gobernos e a todo o entramado institucional ademais da coartada para xustificar tanto os peches como a precarizacion; o novo concepto industrializador baséase na produtividade, produtividade e máis produtividade, e todo o demais relacionado co mundo do traballo, a ceacú.

 O único importante para eles segue sendo: un aparello produtivo de nova tecnoloxía (a ser posíbel subvencionada), producir máis con menos custos e vender o que poidan e onde poidan. E para rematar un lema moi clarificador, “e quen quede no camiño que colla de novo o sacho”.

 Os defensores do capitalismo na súa grande maioría non son militantes da corrente negaciónista do cambio climático, mais tampouco acreditan nun decrecemento económico e industrial, como posíbel solución. Saben axustarse aos requirimentos da conxuntura, chamada "modernidade", mais sempre escravos da produtividade, os rendementos económicos, dos desequilibrios e das desigualdades e do poder en todas as súas vertentes.

 Neste escenario a confrontación non podía ser exclusiva do mundo do traballo; ás veces nesta dinámica dun contexto de cambio, xorden outras. Nalgúns sectores do sindicalismo non acertamos a comprender algunhas coincidencias do ecoloxismo coas propostas das direccións empresariais na devandita dinámica cunha preocupación exclusivista nos asuntos ambientais, mentres diante certo tipo de medidas laborais e algunhas das componendas negociadoras manteñen un silencio calculado.

 Quen traballa non pode fuxir dás problemáticas da relación laboral e da necesidade da solidariedade entre a clase obreira, e quen decide comprometerse coa defensa da natureza ten unha obriga coa protección de todos os ecosistemas e para tratar de corrixir os danos producidos neles.

 O problema entre nós, as máis das veces, xorde nas prioridades da acción. O sindicalismo propón que a súa loita vai primeiro porque ninguén quere arriscarse a seguir perdendo aínda máis no referente a dereitos, calidade do emprego e mesmamente o traballo; namentres, o ecoloxismo esixe acción e axenda para deter ou minorar as consecuencias do cambio climático e da súa espiral destrutiva para o mundo sen deterse nos efectos colaterais.

 Os primeiros critican os segundos pola falta de sensibilidade diante da agresión constante aos traballadores e aos seus dereitos, namentres o ecoloxismo critica o sindicalismo por atrincheirarse na fábrica diante da evidencia científica de que nos diriximos a un calexo sen saída a nivel mundial. Ovo ou galiña, quen foi primeiro? Unha contraposición, sen resolución. Cómpre darlle un xiro a esta situación. Se fose doado xa estaría feito. Cando menos, debemos intentalo.

 As derrotas colectivas xeran debilidade, e a debilidade xera a falta de confianza e combatividade que á súa vez levan a novas derrotas. É un círculo vicioso do que é difícil saír, pero do que temos que fuxir custe o que custe, sindicalistas máis ecoloxistas.

 Haberá que cambiar como vivimos, como traballamos, como nos relacionamos, como planeamos o noso futuro. E aquí si veremos a verdadeira contradición insalvábel, a que hai entre a inmensa maioría e os que rematarán con todo por defender o seu dereito ao beneficio económico.

 

 

[Galiza, 27 de maio de 2020]