Un día despois das eleccións, o Goberno de Feixoo comunica a retirada da ambulancia medicalizada do Salnés

O dispositivo de atención avanzada será trasladado a Sanxenxo por tempo indefinido
Vilagarcía - 14 Xul 2020

Tan só un día despois das eleccións ao parlamento autonómico, o goberno do PP na Xunta de Galiza comunicaba ao persoal da ambulancia medicalizada do Salnés que a partir do próximo mércores será trasladado a Sanxenxo, onde farán base no centro de saúde. A CIG considera un engano e un menosprezo absoluto a toda a cidadanía da comarca que o PP agardara a coñecer os resultados das eleccións para anunciar este recorte dos servizos públicos e evitar así que lle pasara factura nas votacións.

A ambulancia medicalizada (con base no Hospital do Salnés) comezou a funcionar o pasado mes de outubro, despois de anos de reivindicación e mobilizacións por parte da CIG e o conxunto da cidadanía.  Non obstante, a CIG do Salnés xa denunciou que se trataba dunha ambulancia "low cost" ao contar cun médico e unha enfermeira pero só 1 técnico/a dos 2 necesarios. Esta dotación de efectivos, apuntan, "é a mínima para prestar unha atención axeitada e evitar a sobrecarga de traballo e o sobreesforzo no persoal".

Agora, coa chegada do verán, dos/as turistas/as e das 'celebridades', a Xunta decide suprimir este servizo e trasladar a ambulancia a Sanxenxo, cunha poboación estábel moi inferior e cando este concello está cuberto tamén pola ambulancia medicalizada de Pontevedra. Un cambio que se fai, ademais, sen comunicación previa aos traballadores e as traballadoras, sen informar en que condicións, nin concretar durante canto tempo.

Deste xeito, as 90.000 persoas que viven nos concellos de Vilagarcía, Cambados, Ribadumia, A Illa, Meis, Catoira, Vilanova e Caldas quedan outra vez sen ambulancia medicalizada "e se hai que facer un servizo de urxencia (como un infarto, onde os tempos son vitais) terá que vir a ambulancia dende Sanxenxo, que está a máis de 30 minutos de Vilagarcía ou de Catoira", advirten dende a CIG-Saúde e a FGAMT-CIG.

A decisión responde a un criterio político, pero non sanitario

Neste senso, lembran que no período estival a Consellaría de Sanidade reforzaba o transporte sanitario da área de Pontevedra pondo unha ambulancia medicalizada a maiores en Sanxenxo, pero desta volta, traslada a do Salnés "nunha decisión claramente política que non responde a un criterio sanitario senón a priorizar o benestar dalgúns turistas de alto standing (no ano que menos visitantes hai a causa da pandemia), en detrimento do benestar do conxunto da cidadanía da comarca".

Diante disto, a CIG anuncia que levará adiante todas as accións que sexan necesarias para reverter este recorte e este menosprezo pola seguridade e a saúde da veciñanza do Salnés.