Un informe da Universidade da Coruña avala a legalidade e a viabilidade da adquisición pública das fábricas de Alcoa

O estudo, encargado pola CIG, será trasladado ao Ministerio de Industria e á Xunta

A Coruña -

A sala de prensa do Reitorado da Universidade da Coruña foi o escenario no que a CIG e o profesor da UdC Carlos Aymerich presentaron publicamente o contido do informe xurídico que a central sindical solicitou á universidade a respecto da viabilidade da adquisición pública das factorías de Alcoa na Coruña e Avilés. A CIG dará cumprido traslado deste estudo tanto ao goberno español como ao goberno galego, a quen lles esixe urxentes políticas públicas en defensa do interese xeral, na base precisamente da proposta da intervención das plantas de maneira transitoria, a través da SEPI.

O informe foi elaborado polo profesor titular de dereito administrativo da UdC, Carlos Aymerich, quen analizou se a adquisición das plantas sería conforme ao ordenamento constitucional e legal español e axustado ao dereito comunitario, así como as posibilidades e consecuencias de que a compra se fixera en condicións normais de mercado ou fóra destas.

Os poderes públicos deben exercer un papel fundamental na economía

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, apuntou que a central pediu este informe ante a incapacidade do Ministerio de Industria e da Xunta de adoptar alternativas para garantir a continuidade dos empregos e da produción industrial nas fábricas máis alá do 1 de xullo. Con esta data no horizonte, Carril advirte que "toda urxencia é pouca" para atopar unha solución "que esixe dun marco estábel para a industria electrointensiva (e na CIG temos unha proposta de tarifa dende o pasado mes de outubro), pero tamén de accións de goberno que pasan, tal e como temos demandado en reiteradas ocasións e así llo propuxemos ao secretario de Estado de Industria o 8 de xaneiro, pola asunción transitoria da propiedade das factorías a través da SEPI, con independencia dos supostos inversores que poidan existir".

O secretario xeral da CIG subliñou que o informe da UdC avala a legalidade desta adquisición, compatíbel coas normas da UE, pondo a atención no feito de que foi no sector público onde naceu a antiga Inespal, para logo ser privatizada e "malvendida a Alcoa". Pero ademais, lembrou que existen antecedentes deste tipo de actuacións, como o caso da planta de aluminio de Portovesme, pechada por Alcoa en 2014 e hoxe en activo logo dun proceso de intervención do Estado italiano. Por iso asegurou que "non se pode repetir o que pasou con Endesa. Compañía pública que foi privatizada e agora é propiedade de Enel, empresa pública do Estado italiano".  

Carril insistiu en que este informe avala a reivindicación da CIG e "só depende da vontade política darlle unha saída ás factorías a través da SEPI". Abundando nesta cuestión apelou ao "papel fundamental" que deben exercer os poderes públicos na economía, especialmente no sector industrial, e máis tendo en conta que o aluminio ten un carácter estratéxico. Xunto a isto, destacou que ao longo dos anos Galiza desempeñou un exclusivo rol subministrador de enerxía eléctrica para o desenvolvemento do resto do Estado, "espoliándose os nosos recursos sen tirármonos ningún proveito para a industrialización e a creación de emprego no noso país". Máis ao contrario, denunciou, "no país da enerxía quedamos sen electricidade polo elevado custe desta e vemos como pechan as nosas industrias".

Paulo Carril criticou o "escandaloso e lamentábel" papel xogado polo Ministerio de Industria, a Xunta e o Principado de Asturias durante o conflito de Alcoa, máis acusado dende o 8 de xaneiro, "facendo seu o proxecto de peche formulado por Alcoa e negándose a aceptar ningún compromiso que non pasara por asinarlle o plan de peche á multinacional". Engadiu que naqueles días se buscou a confusión interesada e intencionada coa cuestión da nacionalización "para que de forma demagóxica correran todas as negativas que temos escoitado para que os poderes públicas teñen un papel central neste asunto. Neste sentido tamén foi a nosa negativa a asinar o acordo do ERE de Alcoa sen garantías de arranque da electrólise e da continuidade da actividade sen despedimentos".

A adquisición, dentro do ordenamento xurídico

Pola súa banda, Carlos Aymerich subliñou que a adquisición por parte do Estado das fábricas que o grupo Alcoa posúe na Coruña e Avilés, a modo de iniciativa pública na económica en pé de igualdade coa privada, sería plenamente legal. Explicou que o ordenamento xurídico español habilita as Administracións Públicas para intervir na economía a través da participación directa en actividades distintas daquelas que, por satisfaceren necesidades públicas esenciais, se corresponden coas propias dos servizos públicos. Do mesmo xeito permítese que os poderes públicos asuman directamente actividades industriais por razóns de interese público debidamente acreditadas, a través da reserva de determinadas actividades ao sector público, a intervención de empresas, ou a adquisición total ou parcial de empresas ou instalacións industriais.

"Trataríase, neste caso, de que as factorías pasasen transitoriamente á titularidade pública a fin de asegurar, alén dos seis meses inicialmente pactados, o mantemento do emprego e da actividade industrial en tanto non aparece un investidor privado solvente", aclara. Neste contexto, apuntou, non se podería considerar a adquisición das fábricas como unha axuda de Estado e a operación non requiriría da autorización previa da UE. Aínda así, Aymerich puntualizou que a experiencia doutros estados europeos demostra que a adquisición pública de activos produtivos privados pode ir acompañada de axudas de Estado sen por iso negarse, ao menos até o de agora, que a operación fose realizada en condicións de mercado.

Salientou que a intervención pública estase admitindo con crecente normalidade, incluída a estatalización transitoria das empresas a fin de asegurar a súa viabilidade. Pero ademais, o sector do aluminio é considerado estratéxico e, como tal, entendese prexudicial que a subministración deste dependa de países terceiros.

O exemplo da fábrica de Portovesme

A modo de exemplo, expúxose o caso da fábrica de aluminio de Portovesme, en Sardeña, pechada no ano 2014 ao non aparecer un inversor, pero na que entrou o goberno italiano, a través dunha empresa pública similar á SEPI, Invitalia, que tutelou un proceso de transición até a adquisición da planta pola compañía privada Syder Alloys. Neste proceso, o Estado italiano realizou inversións para a modernización das instalacións e asinou coa compradora un contrato para o acceso á enerxía en condicións competitivas. Ademais, creouse nova sociedade con participación da empresa privada (75%), a empresa pública (20%) e traballadores/as (5%), Syder Alloys Italia, que é a propietaria actual das instalacións.

Xunto a isto, impuxéronselle a Alcoa importantes compromisos como a cesión da planta a Invitalia para a posterior adquisición por unha terceira compañía, o pagamento de 20 millóns, a recuperación dos acuíferos contaminados ou colaboración técnica no reinicio da actividade produtiva. En paralelo aprobouse un novo sistema de redución dos cargos xerais de fomento das enerxías renovábeis e coxeneración para as industrias electrointensivas que supón unha redución de entre 1.000 e 1.500 millóns de euros anuais. 

"Este pode ser un  modelo de como o goberno estatal e a Xunta se poden implicar máis activamente nunha solución para as fábricas de Alcoa", aseverou Aymerich.

Se non hai regulación da tarifa eléctrica non haberá solución

No relativo aos posíbeis inversores dos que se fala estes días nos medios, o delegado da CIG en Alcoa, Julio Moskowich, recalcou que se non hai unha regulación da enerxía para a industria electrointensiva "que faga atractiva a inversión non haberá solución, e dá igual que aparece un inversor que aparezan 50". Neste senso, sinalou que malia as declaracións do goberno a respecto da confidencialidade das propostas de posíbeis interesados, "pouco a pouco empezaron a filtrarse nomes de grupos empresariais aos medios, o que nos leva a pensar que isto non é máis que propaganda para transmitir a impresión de que a problemática xa está en vías de resolverse, pero nós non cremos esta propaganda".

Moskowich puxo o acento en que restan escasos dous meses para acadar unha solución eficaz e definitiva, mais o proxecto de estatuto de consumidor electrointensivo elaborado polo Ministerio "non serve. Como CIG trasladámoslle xa no mes de outubro unha proposta de tarifa industrial para as electrointensivas ao Ministerio e á Xunta, tomaron nota e desde entón comezouse a falar dunha nova regulación, pero o que presentaron foi un desastre. E agora din que van a aprobar o estatuto dous días antes das eleccións xerais", criticou.

Volver