Un Maidán para China

Rafael Poch de Feliu - 24 Set 2019

O movemento de Hong Kong é un Maidán contra China. Do mesmo xeito que en Kiev hai cinco anos, por máis que o motor sexa local, os padriños e promotores deste movemento da "sociedade civil" están en Washington e Berlín

Historicamente o ascenso, riqueza e benestar de Hong Kong derivou do seu particular estatus de porto franco para o capital, centro financeiro internacional, emporio produtivo e porta comercial para a enorme e pechada China maoísta. Todo iso encarreirou unha estábel e continua prosperidade para os seus habitantes entre 1949 e o ano 2000, pero estase acabando. Como emporio tecnolóxico Shenzhen, aquela vila de pescadores dos anos setenta convertido hoxe en cidade millonaria, a supera como hub da alta tecnoloxía. Guangzhou (Cantón) superará axiña en PNB a Hong Kong. Shanghai consolídase como centro financeiro e Singapur que xa acolleu en 1997 moitos medos do diñeiro hongkonés cando a ex coloniase  integrouse en China sen perder a súa autonomía, é o porto franco do capital global en Asia por excelencia. Respecto da porta comercial, quen a necesita cando toda China leva décadas aberta de par en par?

O que queda de Hong Kong

 Por primeira vez en dúas xeracións os mozos de Hong Kong non albiscan un porvir prometedor. Ao revés, constatan incerteza e decadencia medibeis en salarios, custos de vivenda e perspectivas de futuro. Todo iso atribúeno a China con toda a razón, porque o ascenso de China disolveu o particular estatuto de Hong Kong que foi a base da súa prosperidade. Malia os coidados que os oligarcas locais recibiron de Pequín desde 1997, o PIB da rexión autónoma especial que a mediados dos noventa representaba o 27% do chinés, hoxe só pesa un 2,7%. Así que saen á rúa desde hai meses pedindo unha solución a algo que non a ten: o que queda de Hong Kong non volverá ser o que foi.

 Por razóns obxectivas o vector do crecemento económico chinés, que é á vez xeral e enormemente desigual, empurra neste caso cara á nivelación territorial. O enclave estase convertendo"noutra cidade China", como explica Carl Zha nunha clarificadora entrevista. Para un enclave cunha renda per capita de 48.517 dólares formar parte dunha China cunha renda de 9.608 dólares non é un bo negocio. Así que, "Por que un hongkonés tería que querer ser chinés"?, pregúntase o economista tailandés Chartchai Parasuk. Todo isto non ten gran cousa que ver cunha loita política pola liberdade e a democracia que nos adoitan presentar os nosos medios de comunicación. É un claro asunto económico.

Beco sen saída

 Visto desde Pequín é imposíbel ceder ás confusas demandas "soberanistas" que se formulan desde as rúas de Hong Kong, mesmo se estas non fosen sempre ampliábel e en continua evolución como para impedir todo acordo. Polo si ou polo non, unha minoría violenta e ben organizada cuxos métodos (bloqueo de aeroporto, disturbios) serían inmediatamente criminalizados e ferozmente reprimidos en calquera cidade occidental, encárgase de radicalizar a situación. Se China cede en Hong Kong, detrás virá Xinjiang, o Tibet e Taiwán. E unha vez aberta a caixa de Pandora poderían apuntarse tamén diversas provincias da China continental e etnicamente han. Á fin e ao cabo, a desmembración territorial é un escenario que China coñece desde varios séculos antes de Cristo... É obvio que Pequín non vai admitilo, pero cal é o papel en todo isto dos gobernos de Estados Unidos e Alemaña, os que mandan en Euroatlántida?

O soño da desmembración territorial

 A desmembración de China é o escenario co que soña Occidente para o seu rival estratéxico, naturalmente en nome da "democracia e os dereitos humanos". Respecto diso non hai o menor disimulo. En Múnic está a sede dos separatistas uigures de Xinjiang, cuxa ideoloxía abala entre un supremacismo racista túrquico e o integrismo islámico. Políticos alemáns, nomeadamente verdes e liberais, apoian abertamente o irredentismo tibetano, cuxos vínculos coa CIA se remontan aos anos cincuenta. Escritores como Liao Yiwu, un excitado opositor que describe a China como "unha chea de lixo en expansión" e clama pola súa "desmembración en ben da humanidade", recibiron o "premio da paz" do gremio dos libreiros alemáns (2012). A plana maior da oposición hongkonesa máis radical, que agora pide a Donald Trump que os libere, foi recibida nos salóns de Washington por personaxes como o vicepresidente Mike Pence, o Secretario de Estado Mike Pompeo ou o demente e recentemente cesado conselleiro de seguridade nacional, John Bolton. En Berlín, o ministro de exteriores recibiu o mozo Joshua Wong, outro dirixente das protestas con quen, segundo as súas declaracións, se falou de preparar unha base para futuros exiliados de Hong Kong en Alemaña. Wong sobranceou xa nas protestas dos paraugas de 2014, cando tiña 17 anos, e xa mantiña contactos regulares co consulado de Estados Unidos alá. Desde aquela foi recibido por dinosauros belicistas como o senador Marco Rubio, un dos promotores da errada tantativa golpista en Venezuela, e apadriñado polas ONG da contorna da CIA entusiasmadas pola súa reivindicación desmembracionista dun referendo para que Hong Kong saia de China. Rubio presentou a candidatura de Wong ao Premio Nobel da Paz. Desde a época de Obama o Congreso de Estados Unidos prepara unha "Hong Kong Human Rights and Democracy Act" para dar ambiente ao actual conflito coas correspondentes sancións. En Berlín, o xornal ultra-atlantista Bild reuniu hai uns días unha mostra dos seus heroes para unha foto de grupo: o ucraínoVitali Klichkó, o sirio Raed al-Saleh, xefe dos "cascos brancos", e o millonario ruso exiliado Mikhail Jodorkovski. Cal é a lóxica de fondo destas inequívocas mensaxes?

Hexemónicos e emerxentes

 Hoxe en día neste mundo incerto só hai dous plans xerais de ordenamento: o belicista de Occidente liderado por Washington baseado no intervencionismo, os cambios de réxime e o control de recursos pola vía militar, é dicir, un escenario de caos hexemónico, e o integrador que representa o plan chinés de "novas rutas da seda" coñecido como "Belt and Road Initiative" que por moitas e lexítimas dúbidas que suscite non parece incompatíbel cunha orde multipolar baseada no consenso entre os diversos centros de poder e actores do mundo. Este esquema xeral pode semellar simple, pero é o que temos riba da mesa. Non hai outra cousa.

 As protestas de Hong Kong representan unha oportunidade dourada para que o proxecto do caos aseste un golpe no baixo ventre ao proxecto integrador. Naturalmente en nome da "democracia e os dereitos humanos", como en Siria, Iraq, Libia, Afganistán e demais. En 2014 a combinación da baixada dos prezos do petróleo mobilizando os amigos do Golfo e das sancións que seguiron á operación de cambio de réxime en Ucraína, tentaron frear a recuperación de Rusia. Vistas desde esa perspectiva xeral, as concretas angueiras democráticas e anticorrupción do movemento nacional ucraíno na Praza Maidán de Kiev foron unha insignificante nota ao pé de páxina de gran valor instrumental. Hoxe pasa algo parecido coas rúas de Hong Kong: do que se trata é de forzar a Pequín a escenificar un Tiananmen 2, unha represión que permita incrementar a demonización de China, explica o xornalista brasileiro Pepe Escobar. "A inevitábel consecuencia sería que Occidente e amplos sectores do Sur Global boicoteasen as Novas Rutas da Seda "Belt and Road Initiative",  unha complexa estratexia con diversos estratos de integración económica que se está ampliando alén de Eurasia", di.

 En 2014, as autoridades rusas responderon apoiando a oposición do Leste de Ucraína e anexionando Crimea, medidas que amorteceron a súa derrota e lles permitiron salvar a cara e unha consolidación polo menos temporal do delicado prestixio interno da súa orde autocrática. Por aquilo Moscova aínda está pagando o prezo de dolorosas sancións económicas e máis militarización xunto ás súas fronteiras. En Pequín agora deberán ir con moitísimo tento para non propiciar unha derrota propagandística que os persiga outros 30 anos como ocorreu con Tiananmen lastrando a súa proxección mundial e xustificando novas sancións.

 O movemento de Hong Kong é un Maidán contra China. Do mesmo xeito que en Kiev hai cinco anos, por máis que o motor sexa local, os padriños e promotores deste movemento da "sociedade civil" están en Washington e Berlín. Alí non queren diálogo. Nin lles interesa o máis mínimo a problemática social de Hong Kong. Buscan escenas violentas para o seu aparello de propaganda e mortos para levar a situación a un extremo que dea o resultado procurado: o desprestixio e ulterior demonización de China e da súa proxección mundial en beneficio do proxecto do caos hexemónico.

 Estamos ante un típico pulso da dialéctica dos imperios combatentes. A crise do que queda de Hong Kong está sendo instrumentalizada cara a un beco sen saída. Os chineses van ter que aplicarse a fondo para non perder esta batalla que doutra banda revela ben ás claras a súa vulnerabilidade ante a guerra híbrida do adversario.

 

[Artigo tirado do web do autor, do 18 de setembro de 2019]