Un pequeno aseo será a zona de illamento para as persoas maiores dependentes sospeitosas de Covid19 no centro de día de Dodro

CIG-Autonómica advirte do inadecuado da escolla e xa puxo os feitos en coñecemento da Inspección

Dodro -

Un aseo de diminutas dimensións é o lugar escollido polo Consorcio Galego de Igualdade e Benestar como zona de illamento para as persoas maiores dependentes do centro de día de Dodro, no caso de seren sospeitosas de padecer Covid19. Dende a CIG-Autonómica denuncian "a falta de humanidade e o trato indigno e humillante" que se lle vai dar neste centro os usuarios e usuarias que se atopen nesa situación.

Iso sen contar, engade Cristina Terrón, do sector de Autonómica da CIG-Administración, "coas consecuencias que pode ter para a saúde dunha persoa maior esta situación estresante e delicada".

Pero ademais Terrón apunta que se o lugar escollido "xa non parece moi digno", hai que engadirlle que non dispón de ningunha clase de fiestra, ventilación nin aire acondicionado, que a súa vez funciona como sistema de calefacción do centro. Nesa zona de illamento, segundo o protocolo, estará a persoa maior afectada e un membro da equipa, ataviado cun EPI.

Esta estancia "tan pouco cofortábel e acolledora", funcionará como sala de espera, tendo en conta que cando se active o protocolo "non se sabe o tempo no que a persoa con posíbel contaxio ten que permanecer no lugar de illamento", xa que poden ser só uns minutos ou varias horas.

Sinala que noutros centros optaron por escoller como zona de illamento os despachos sanitarios ou de enfermaría, unha elección que semella moito máis adecuada que un aseo. Para a CIG-Autonómica esta actuación denota "unha falta de humanidade e de respecto que non se pode consentir" polo que estes feitos xa foron postos en coñecemento da Inspección de Traballo e Seguridade Social da Coruña.

A este respecto denuncian que a situación do centro de día de Dodro non é un caso excepcional, "xa que no Centro de Día de Boiro tamén se optou por un wc como lugar de illamento, aínda que nese caso polo menos dispón dunha pequena fiestra para ventilar".

Volver