Un “precario” momento global: os eufemismos da crise cíclica?

Eduardo Camín - 09 Mai 2019

O capital financeiro transnacional e os seus axentes políticos utilizaron a crise para impoñer unha austeridade brutal e intentar desmantelar o que queda dos sistemas de benestar e os estados sociais desenvolvidos de Europa, América do Norte, para espremer máis plusvalía da man de obra

 Nos primeiros días de abril, a directora xerente do Fondo Monetario Internacional Christine Lagarde destacou no seu discurso o «precario momento global da economía mundial». Este eufemismo que pretende desvirtuar o fondo da dialéctica inherente á crise do capitalismo, pon en evidencia que o precario é aquilo que non só carece de recursos, que é pouco estábel e que obxectivamente non está en condicións de se soster no tempo.

 Aos poucos faise cada máis visíbel que os poderes fácticos do sistema mundial están cada vez máis á deriva, a medida que a crise do capitalismo global se lles vai das mans.

 As inmensas desigualdades estruturais da economía política mundial xa non poden ser través de mecanismos consensuais de control social. As clases dominantes perderon lexitimidade e estamos asistindo a unha ruptura da hexemonía do núcleo central do capitalismo a escala mundial. É moi difícil albiscar unha seguridade política e social, nun mundo onde millóns de persoas continúan atrapados no ciclo de pobreza, dun sistema global que é discriminatorio e inxusto.

 É obvio, que as elites globais esperaban -así o manifestaban nas súas conferencias, cimeiras ou foros- que a «Gran Depresión», que comezou coa crise das hipotecas e o colapso do sistema financeiro mundial en 2008, fose unha recesión cíclica, é dicir, estes episodios regulares no sistema capitalista, que ocorren aproximadamente unha vez por década, e polo xeral non duran máis de dous anos.

 Mais a crise estrutural á cal nos enfrontamos é máis profunda, e a súa resolución require dunha reestruturación a fondo do sistema. As crises estruturais mundiais nas décadas pasadas resolvéronse mediante unha reorganización do sistema que produciu novos modelos de capitalismo. Malia estes paliativos, non quere dicir que os problemas que enfrontaba a maioría da humanidade baixo o capitalismo se resolvesen, ou se vaian resolver, senón que a reorganización do sistema capitalista en cada caso foi dirixida ao proseguimento da acumulación de capital a escala mundial.

 As receitas do capitalismo mundial trazaron os mecanismos da exportación de capitais e dunha nova onda de expansión imperialista ou posteriormente resolveuse con variantes da socialdemocracia, de benestar, capitalismo populista ou desenvolvementista que implicaba redistribución, privatizacións e terceirizacións no sector público e a regulación do mercado polo Estado.

 No entanto, a globalización e a crise estrutural actual desenvolveuse a partir da propia resposta que deron os distintos protagonistas aos episodios anteriores ás crises, no seu limiar en particular, á crise dos 70 da socialdemocracia, ou dito máis tecnicamente, do fordismo-keynesianismo, ou do capitalismo redistributivo, “con rostro humano”.

 A raíz desa crise, o capital pasou a ser global, como unha estratexia da emerxente clase transnacional e os seus representantes políticos para reconstituír o seu poder de clase, ao liberarse das restricións á acumulación que impoñían os Estados-nación. As elites globalizantes apropiáronse do poder estatal na maioría de países do mundo e utilizaron ese poder para impulsar a globalización capitalista a través do modelo neoliberal.

 A globalización e as políticas neoliberais, xunto á revolución na tecnoloxía da que se apoderou o gran capital, computación, robótica e informática e outros avances tecnolóxicos axudaron ao capital transnacional emerxente a lograr grandes avances na produtividade e a reestruturar, «flexibilizar» e desfacerse de man de obra en todo o mundo.

 Isto, á súa vez, debilitou o traballo asalariado, significou a perda dos beneficios sociais e facilitou unha libre transferencia de ingresos e saídas sen control de capital, estimulando o crecemento a través do consumo na súa máxima expresión. Porén, o modelo neoliberal traduciuse tamén nunha polarización social a nivel global.

 É unha ruptura entre a lóxica de acumulación e a de reprodución social, que repercutiu nun crecemento sen precedentes da desigualdade social e intensificou as crises de supervivencia de miles de millóns de persoas mundialmente. Os efectos de pauperización desatados pola globalización xeraron conflitos sociais e crises políticas que o sistema hoxe ve cada vez máis difícil conter.

 A polarización social global agudiza o problema crónico de sobreacumulación, e a concentración da riqueza esta cada vez en menos mans, até que o mercado mundial sexa incapaz de absorber a produción mundial e o sistema colapse. Aos capitalistas transnacionais resúltalles cada vez máis difícil desfacerse da súa masa xa avultada e aínda crecente de excedentes: non poden atopar saídas onde investir o seu diñeiro co fin de xerar novas ganancias, polo que o sistema entra nunha recesión ou algo peor.

 Nos últimos anos, a clase capitalista transnacional recorreu á acumulación militarizada, á especulación financeira salvaxe e ao asalto ou saqueo das finanzas públicas, baixo diferentes instrumentos de endebedamentos públicos e privados a fin de soster o seu lucro.

 O capital financeiro transnacional e os seus axentes políticos utilizaron a crise para impoñer unha austeridade brutal e intentar desmantelar o que queda dos sistemas de benestar e os estados sociais desenvolvidos de Europa, América do Norte, para espremer máis plusvalía da man de obra, directamente a través dunha explotación máis intensa, e indirectamente a través das arcas estatais. Os niveis de endebedamento dos países desenvolvidos e non desenvolvidos aumentaron a niveis históricos.

 Porén, o sistema é incapaz de se recuperar, e pola contra afúndese máis no caos. As “elites globais” coa complicidade dos seus “socios locais” non poden manexar as contradicións explosivas. É imposíbel predicir o resultado da crise. Así e todo, algunhas cousas están claras na actual conxuntura mundial.

 A magnitude dos medios de violencia e control social non ten precedentes. As guerras informatizadas, avións teledirixidos, bombas antibúnker, guerras das galaxias e outros similares cambiaron o rostro da guerra. A guerra foi convertida en algo «normal» e «sanitaria» para quen non están na mira directa dunha agresión armada. Tamén sen precedentes está a concentración en mans do capital transnacional do control dos medios de comunicación e da produción de símbolos, imaxes e mensaxes. chegamos á sociedade de videovixilancia e ao control orwelliano do pensamento.

 Paulatinamente estamos chegando aos límites da gran expansión do capitalismo, no sentido de que xa non hai novos territorios de importancia que poidan ser integrados no capitalismo mundial; a desruralización xa está moi avanzada, e intensificouse a mercantilización do agro e dos espazos pre-e non capitalistas, convertidos ao estilo invernadoiro en espazos do capital, de xeito que a expansión intensiva está chegando a niveis nunca antes vistos.

 Emerxe un gran excedente de poboación que habita un planeta de cidades miseria, excluído da economía produtiva, botado ás marxes, e suxeito a sofisticados sistemas de control social e de crise de supervivencia, como tamén a un ciclo mortal de refugallo-explotación-exclusión. Este feito xera de xeito novo o perigo dun fascismo do século XXI e de novos episodios de xenocidio para conter a masa excedente de humanidade e a súa rebelión real ou potencial.

 As elites mundiais foron incapaces de propor solucións, están na bancarrota política e son impotentes para dirixir o curso dos acontecementos que se desenvolve ante os seus ollos. No G-8, G-20, outros foros e noutros organismos internacionais, como a Organización Mundial do Comercio (OMC) priman as disputas, divisións e unha aparente parálise, onde se mostran non dispostos a cuestionar o poder e as prerrogativas do capital financeiro transnacional: esa fracción do capital que é hexemónica a escala mundial, é á vez a fracción máis rapaz e desestabilizadora.

 Mentres que os aparellos estatais nacionais e transnacionais se resisten a intervir para impoñer regulacións ao capital financeiro global, si o fixeron para impoñer os custos da crise á clase traballadora. As crises orzamentarias e fiscais que, supostamente, xustifican os recortes no gasto e a austeridade, en realidade son as consecuencias das políticas financeiras erradas do capitalismo e os seus axentes, e unha vez máis transfiren os custos da crise ás clases traballadoras e populares a través de redución de salarios, máis impostos, reformas ás xubilacións e pensións, flexibilidade laboral, e polo tanto leva á precarización do emprego.

 En conclusión, non haberá saída rápida do caos mundial que crece. Espéranos un período de grandes conflitos e trastornos profundos. Nos cales tres sectores do capital transnacional, en particular, salientan como os máis agresivos e propensos a buscar acordos políticos neofascistas (Brasil, Italia, Austria) para garantir a acumulación continua a medida que a crise avanza: o capital financeiro especulativo, o complexo militar-industrial-seguridade e o sector extractivo-enerxético.

 A acumulación de capital no complexo militar-industrial-seguridade depende de interminábeis conflitos e guerras -incluíndo as chamadas guerras contra o terrorismo e as drogas-, así como da militarización do control social.

 As industrias extractivas dependen de novas roldas de espolio violento e a degradación ambiental en todo o planeta.

 Como sinalaba un recente informe da OIT,un total de 2.000.000.000 (dous mil millóns) de traballadores teñen un emprego informal, é dicir, o 61% da poboación mundial activa. Isto ilústranos sobre a precariedade, perigosidade e magnitude do capitalismo na súa fase actual que alenta unha recesión, estanflación, e outros impactos económicos/financeiros/sociais de alcance global, a indiferenza mecánica do capitalismo como sistema se robustece coas desgrazas humanas.

 

[Artigo tirado do sitio web Estrategia, do 5 de maio de 2019]