Un Primeiro de Maio que deu para a reflexión

Julio C. Gambina -

Neste Primeiro de Maio fortaleceuse o debate intelectual en termos de reivindicacións concretas de traballadoras e traballadores, emprego e salario, condicións de traballo e de vida, redución da xornada laboral, pero tamén e moi especialmente no traballo das mulleres e as discriminacións

 A conmemoración do "Día Internacional da loita das traballadoras e os traballadores"  tivo características moi especiais neste 2020 de pandemia, en illamento social e confinamento en boa parte do mundo, con poucas manifestacións na rúa, tradición despregada por máis dun século desde 1890.

 Razóns para a mobilización e protesta non faltaban, xa que os principais afectados pola COVID19 e a recesión en curso son as traballadoras e os traballadores e con eles os sectores produtivos e empresarios asociados á capacidade de compra dos ingresos populares.

 Confirma isto o crecente desemprego e a redución de ingresos polo confinamento e corentenas en desenvolvemento, ante un mundo organizado en torno a relacións monetario mercantís, incluída a sanidade.

 Non calquera pode soportar "illamentos sociais", aínda con asistencia alimentaria e de diñeiro, sempre insuficiente para as necesidades sociais de época. O inadecuado hábitat cotián impide o "fica na casa" para todos e todas, e aínda con corentenas comunitarias, a produción e reprodución da vida dificúltase.

 Polo tanto, traballadoras e traballadores en actividade ou pasivos; en situación regular ou irregular; terceirizados, por conta propia ou baixo traballo esporádico son os que máis dificultades atopan para o despregamento da vida cotiá. Como hai 130 anos era moi importante a conmemoración do Primeiro de Maio, que se pretende transformar e manipular como un "festexo", incluso modificando o sentido, como "día do traballo", ou "día do traballador", agochando o seu carácter de data histórica de recuperación de loitas internacionalistas.

 Loitas por dereitos históricos e novas demandas, que pretenden transcender o inmediato para propoñerse a transformación da sociedade nunha perspectiva de eliminación da explotación do ser humano polo ser humano. A conmemoración non se produciu principalmente nas rúas, senón en internet, en salas provistas por plataformas de comunicación onde transitaron actos e debates sobre a conxuntura e o devir.

Novas abordaxes teóricas

 Houbo recuperación teórica sobre o que representa a data, o lugar do traballo como actividade humana na produción e a reprodución da vida e da realidade.

 Por iso a preocupación da forma de organización económica da sociedade capitalista e o seu impacto sobre os corpos e o fenómeno da discriminación de xénero que aborda con imaxinación e creatividade a economía feminista.

 Se os traballadores son afectados ante a recesión e a COVID19, máis aínda as mulleres e a diversidade de xénero ante a discriminación existente. A data convocou a pensar o lugar da muller e as diversidades nos papeis asignados na produción, nas tarefas de coidado, de provisión de recursos para a vida familiar, mesmo nas organizacións sociais e sindicais.

 Os micromachismos renóvanse na vida cotiá, aínda e máis aló da ampliación da presenza crecente das mulleres no mercado de traballo. A dobre xornada, na empresa e no fogar, segue sendo unha forma de discriminación, que se mantén nas propias organizacións sociais e sindicais, mesmo cando se axiganta o lugar das xefas de fogar e a feminización da organización popular, especialmente nos territorios.

 Un tema curioso pasa pola reivindicación histórica da xornada de 8 horas, orixinaria das reivindicacións durante 130 anos. É curioso, porque o desenvolvemento científico e tecnolóxico neste século XXI, con robótica, automatización e intelixencia artificial fainos pensar na posibilidade da redución da xornada laboral e non na ampliación, tal e como demandan as reaccionarias reformas laborais esixidas polas patronais en todo o mundo.

 Esta ampliación da xornada laboral foi tema de discusión nos noventa en Arxentina e recentemente na desenvolvida Europa. A ampliación da xornada é demandada pola patronal, mesmo cando acepta como termo medio ao ano un traballo diario de 8 horas.

 A xornada poderíase diminuír substancialmente, incluso planificando as horas de traballo socialmente necesarias a desenvolver polo conxunto da poboación traballadora, eliminando o desemprego ou o subemprego. É posíbel diminuír o tempo de traballo, asegurando salarios acordes ás necesidades sociais de época.

 Pode soar utópico soster ingresos e baixar horas de traballo ante o rexeitamento das patronais para a repartición de beneficios, mais en tempos de crises civilizatoria ante a pandemia en curso, ben cómpre discutir a orde económica social.

 É un feito o crecemento da riqueza, é dicir, da capacidade de producir da humanidade no seu conxunto, á vez que medrou a desigualdade e a concentración da riqueza en poucas mans. O desemprego e subemprego masivo é resultado dunha orde social sustentada na explotación da forza de traballo.

 A OIT fala de case 200 millóns de desempregados no mundo para o 2019, con crecente precariedade no emprego, e agoira escenarios que agravan a situación para este  ano, con incrementos siderais do desemprego en función da situación presente. Só nos Estados Unidos, a gran potencia económica do mundo, en pouco máis dun mes se perderon 26 millóns de postos de traballo, que se transforma en algo recorrente en todo o mundo.

 Remitimos a problemas económicos, políticos e teóricos. Económicos porque atinxen á vida cotiá, a ingresos de traballadoras e traballadores, a condicións de traballo, do emprego e a saúde e condicións de traballo e vida; mais tamén políticos, porque remiten á organización sindical, territorial e comunitaria, tanto como ao lugar da clase traballadora na sociedade e o estado. Pero tamén dicimos teórico porque remite a novas reivindicacións e desafíos civilizatorios.

 Non é nova a reivindicación e loita pola igualdade respecto do traballo das mulleres e diversidade, pero si adquire nova dimensión na conxuntura pola loita do movemento feminista no ámbito mundial. Do mesmo xeito, aparece a loita por problemas que aparecen máis aló do proceso de traballo e con todo son consecuencias directas deste. Falo da loita polo ambiente, a defensa da ecoloxía e o planeta terra, afectado polo modelo produtivo e de desenvolvemento, asociado á explotación da forza de traballo e ao saqueo da natureza.

Novo internacionalismo

 Asistimos a un tempo de revalorización do "nacionalismo", do "proteccionismo", como crítica á globalización ou mundialización despregadas no último medio século polos sectores hexemónicos. Abonda con pensar o papel de Trump nos Estados Unidos, o Brexit en Gran Bretaña ou de Bolsonaro en Brasil, entre variadas realidades de anovado nacionalismo que discute a orde mundial ou rexional. Iso ocorre ao mesmo tempo da internacionalización do modelo produtivo e o réxime do capital, o que chama a anovar o internacionalismo proletario nas novas condicións do desenvolvemento capitalista.

 Como todos os primeiros de maio recupérase o himno mundial dos traballadores, "a Internacional", cuxa letra e música son previas ás celebracións polo día internacional das traballadoras e os traballadores, e que remite á Asociación Internacional dos Traballadores. Esta foi creada baixo a dirección de Karl Marx en 1864, coa pretensión de construír a forza social e política para revolucionar a sociedade, tarefa mundial da clase obreira, que como sinala o texto da canción indica o suxeito das transformacións e a tarefa a resolver: "En pé, os escravos da terra, en pé os que non teñen pan...", "... o mundo vai ser transformado, e unha orde nova vai reinar...". "Axuntémonos todos, é a loita final, o xénero humano forma a Internacional".

 A Internacional é un símbolo da unidade mundial das traballadoras e os traballadores na loita contra o capitalismo e pola emancipación social. Escoitamos neste Primeiro de Maio as versións clásicas da Internacional, tanto como versións musicais rockeiras, latinoamericanas, en ruso, en idish e variados idiomas, mesmo con acenos para non oíntes.

 Esa difusión masiva do símbolo que proclama o internacionalismo asume a demanda social de recuperar a necesaria articulación mundial do movemento social, sindical, obreiro nun momento histórico que clama máis que nunca en prol da unidade das traballadoras e os traballadores de todo o mundo. Necesítase un novo internacionalismo que asuma un proxecto anovado de estratexia das traballadoras e os traballadores de todo o mundo na disputa do poder.

 Resulta de interese sinalar a contradición entre dúas tendencias, unha de corte nacionalista, presente en certos sectores do poder mundial que disputan o reordenamento do sistema capitalista, que promoven a desorde da mundialización despregada durante medio século e así reestruturar a dominación e lóxica do capital na actualidade; outra que provén desde abaixo para recompoñer unha estratexia da clase traballadora e dos pobos por outra sociedade sen explotación nin saqueo dos bens comúns.

 É unha contradición que evidencia este tempo de pandemia, a que leva a pensar no día despois, ese que pretenden acelerar as patronais eludindo as corentenas. Pero máis aló da vontade dos propietarios dos medios de produción, a pandemia pode ser oportunidade para discutir que a civilización necesita cambiar o modelo produtivo e de desenvolvemento.

 Cal será o vieiro da sociedade mundial logo da pandemia? Cal dos proxectos dominantes en pugna sairá fortalecido e baixo que relacións entre o capital e o traballo se abrirá paso? Máis flexibilización salarial e laboral? Claro que tamén os interrogantes levan a avanzar nun rumbo alternativo relativo á unidade da clase traballadora, coas súas especificidades actuais de traballo asalariado, precariedade e marxinación, nun proxecto de poder para construír outras relacións sociais de produción, o vello soño que inspirou á Internacional e aos fundadores da teoría da revolución.

 Resulta de interese teórico verificar as présas da patronal por rematar coa política de confinamento social, xa que o capital fixo inmobilizado non produce valor, até con máis precisión, o capital constante (termo cuñado por Karl Marx) expresado en infraestructura, maquinarias, ferramentas, materiais e materias primas, sen a actividade humana do traballo, non produce valores, polo tanto, non xera ganancias, e nega a capacidade de acumulación, debilitando o proceso de reprodución sistémico e habilitando a condición de posibilidade de discutir a orde no seu conxunto.

 Malia os críticos da lei do valor, esta ábrese paso na demanda dos empresarios por volver ao traballo, por reabrir as actividades económicas pechadas por mandato das demandas sanitarias. A lei do valor foi a gran achega na orixe da economía política clásica, con Adam Smith (1776) e David Ricardo (1817), máximos expoñentes da novel ciencia, e coa crítica da economía política deuse conta a orixe do excedente, a plusvalía.

 Nin a clásica escola da disciplina, nin os neoclásicos desde fins do século XIX, nomeadamente a súa moderna versión neoliberal desde o último cuarto do século XX, endexamais se preocuparon por dar conta da orixe do excedente, tarefa desenvolvida pola crítica do Capital, agochado para a ciencia oficial desde a propia edición da obra en 1867. É que recoñecer ao traballo humano e á venda da forza de traballo como causa e razón da ganancia supón discutir a validez dos mecanismos de apropiación privada e distribución da riqueza social xerada e, polo tanto, a necesidade de transformar a orde económica e social.

 Por iso é polo que neste Primeiro de Maio se fortaleceu o debate intelectual en termos de reivindicacións concretas de traballadoras e traballadores, emprego e salario, condicións de traballo e de vida, redución da xornada laboral, pero tamén e moi especialmente no traballo das mulleres e as discriminacións; no coidado do ambiente e os bens comúns; mais esencialmente que a riqueza social é produto do traballo humano e que segue sendo unha materia pendente a emancipación do traballo.

 

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 4 de maio de 2020]

Volver