Unha agresión máis á Ferrolterra: os orzamentos do Estado non contemplan o dique cuberto
A sección sindical da CIG en Navantia Ferrol denuncia "unha nova agresión á comarca" tras confirmarse que o dique cuberto previsto para as novas instalacións do estaleiro queda fóra dos Orzamentos Xerais do Estado. A central viña advertindo desta posibilidade dende hai tempo e reivindica que se inclúa esta obra no proceso de tramitación das contas xerais.
Subliñan que esta obra "é fundamental para o futuro da empresa, para poñer os estaleiros da ría ao día, mesmo cando se fala da posíbel confluencia dun proxecto europeo que nos ten que coller na mellor posición posíbel, dificilmente o faremos traballando en grada". Ademais, lembran que o propio persoal técnico da empresa cualificara de "irrenunciábel" este proxecto cando se anunciou en 2016 se se quere dotar ás instalacións de futuro.
Neste senso, a sección sindical da CIG explica que ese dique permitiría, cando menos, abaratar os custes nun 20% sen contar as condicións de traballar a cuberto, "o cal tamén redundaría nunha mellora das condicións de seguridade e traballo; dos medios de elevación, que están traballando ao límite na grada mesmo correndo riscos graves de seguridade; e tamén no proceso de pintura, eliminado os atrancos das inclemencias do tempo como actualmente na grada; alén da redución de prazos.
Todas estas condicións son imprescindíbeis para poder concursar no mercado mundial con éxito, aseveran.
Do mesmo xeito, a representación da CIG xa advertiu do sen sentido que supón comezar a renovación das instalacións polos talleres de sub-bloques, cando esta parte pode ser asumida en principio sen problema polos actuais talleres. "Pero non so isto, senón que ao noso entender as dimensións do proxecto quedan afectadas, co que supón no caso de que se seguira adiante, un novo atranco".
Atrancos e demoras na execución do proxecto
Denuncian que desde que Susana Sarriá ocupa a presidencia de Navantia, os estaleiros da Ría de Ferrol, e en concreto este proxecto fundamental, "non sufriron máis que atrasos e ralentizacións, mesmo poñendo en cuestión que se vaia materializar. Para máis abundar, Turbinas quedou relegado a un taller máis da fábrica, sen proxecto, incluso perdendo o mercado civil que foi unha das súas sinais de identidade, ademais de ter as gradas baleiras.
Polo tanto, a CIG fai un chamamento a cambiar esta situación no trámite dos orzamentos, pois relegar o dique suporía "un erro grave que laiariamos nos vindeiros anos. Unha inversión na súa totalidade duns 400 millóns, irrenunciábeis para o futuro desta comarca, que está a sufrir unha das agresións máis importantes da súa recente historia en materia industrial. Non é unha cuestión de viabilidade, iso xa esta feito, é unha cuestión de decisión política que unha vez máis lle pon a man enriba a esta comarca".